ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Alcaldes do Deza visitan a planta de Lousame para...

07-03-2014

Alcaldes do Deza visitan a planta de Lousame para coñecer as alternativas a SOGAMA

O modelo da compostaxe, alternativa real a SOGAMA

Os alcaldes de Lalín, Agolada, Dozón, Silleda, Rodeiro e Vila de Cruces puideron coñecer de primeira man o tratamento de residuos que fai da planta do Barbanza, unha das que máis recicla do Estado e unha alternativa real ao taxazo de SOGAMA.

Persoal da planta de Lousame, de ADEGA e expertos en residuos da UDC expuxemos aos rexedores do Deza a realidade do tratamento integral baseado na compostaxe, modelo que cumpre 10 anos coas cifras de reciclaxe entre as máis altas do Estado.

Dende a recollida selectiva da materia orgánica e demáis fraccións, pasando pola clasificación en planta dos materiais inertes e a fermentación natural da materia orgánica para producir compost, o sistema da Mancomunidade de Concellos Serra do Barbanza está a anos luz de SOGAMA e cumpre a día de hoxe coas esixencias da Directiva de Residuos para 2020.

Un sistema sinxelo, barato e intensivo na criazón de emprego

Os alcaldes amosaron o seu interese por poñer en marcha iniciativas de compostaxe caseira, comunitaria e mesmo plantas comarcalizadas para enviar menos materia orgánica a SOGAMA e deste xeito, aforrar nos custos cada vez maiores que impón o monopolio da incineradora de Cerceda.

Moitos dos concellos da comarca do Deza teñen un perfil similar á do Barbanza, polo que unha iniciativa parecida sería perfeitamente trasladábel a aquela. E en canto aos custos, a compostaxe é unha tecnoloxía branda, escalábel e moi sinxela: Só fai falla unha nave cuberta, auga (que se recolle da chuvia) e unha volteadora. Un investimento mínimo comparado coas millonarios custos dunha incineradora de leito fluidizado coma a de SOGAMA que en 20 anos leva engulidos 400 millóns de €.

Ademais os alcaldes amosaron a súa sorpresa pola cantidade de postos de traballo que xera o sistema da compostaxe: 150 fixos para 35.000 toneladas de residuos tratadas anualmente na Mancomunidade do Barbanza. Tomando como referenza unha cantidade de 100.000 toneladas/ano, incineralas en SOGAMA xera 14 postos de traballo, mentres que a compostar esa mesma cantidade permitiría criar 428.

Fronte ao taxazo de SOGAMA, valentía política e... Compostaxe!

ADEGA anima aos alcaldes do Deza e doutras comarcas galegas a sacudirse o xugo de SOGAMA deixando cando menos de enviarlle a marteria orgánica, un 50% do lixo xerado e que SOGAMA cobra a prezo de ouro para vertela ou queimala.

Promovendo proxectos de compostaxe caseira e comunitaria entre a veciñanza, estendendo o "porta a porta" nos núcleos e impulsando a criazón de plantas de compostaxe municipais ou mancomunadas, os concellos aforrarían custos e a ditadura de SOGAMA chegaría á súa fin.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal