Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A Xunta roza e causa danos a unha poboación de...
30-03-2023
ADEGA vén de denunciar os danos causados a numerosos exemplares de carballo anano (Quercus lusitanicus Lam. unha especie ameazada) por traballos forestais no monte de San Cibrán, en plena Rede Natura 2000 do Monte Pindo.
Unha poboación desta especie localizada perto da aldea de San Cibrán, en Carnota, na base do Monte Pindo, foi recentemente rozada durante a realización de labores forestais por parte da Xunta. Como resultado desta roza numerosos exemplares de carballo anano resultaron danados e algúns pés mesmo foron eliminados.
Na área de aparcamento de San Cibrán ubícase unha das poboacións máis numerosas e facilmente accesíbeis desta especie ameazada. É precisamente nesta zona onde os danos ao carballo anano foron maiores, derramando o importante atractivo turístico e científico deste recurso natural.
O carballo anano ou carballo añón foi descoberto no Pindo en 1971 por Manuel Laínz. No ano 2008, durante o goberno bipartito, ADEGA propuxo a súa inclusión CGEA (Catálogo Galego de Especies Ameazadas) coa categoría de "vulnerábel". Xa co PP na Xunta comezou unha accidentada tramitación na que intervíu o Valedor do Pobo, que finalmente concluíu en xullo de 2011 coa publicación do decreto de inclusión do Quercus lusitanica Lam. no CGEA. Dende entón, e malia a que por lei as especies ameazadas deben contar cun Plano de Conservación con medidas para garantir a súa viabilidade ecolóxica, a Xunta segue sen presentar ningunha proposta 12 anos despois.
ADEGA lamenta que tanto por parte de Medio Rural como de Medio Ambiente, que debían coñecer a ubicación exacta da especie, non se tivera en conta súa presenza á hora de acometer os traballos de roza e limpeza preventiva contra os lumes. Resultaría paradoxal que o que non conseguiron os incendios no Pindo, acabar co carballo anano, poida conseguilo a Xunta precisamente cos traballos para a prevención do lume. E polo que semella tamén con 37.000€ de fondos europeos (FEADER: "Europa inviste no rural").
O acontecido exemplifica tamén a falla de interese da actual administración galega pola conservación do noso patrimonio natural máis senlleiro. Medio Rural actuou dentro dun espazo protexido da Rede Natura 2000 sen o coidado preciso, quizáis por descoñecer a presenza dunha especie ameazada, o que non é excusa. E Medio Ambiente semella que tampouco se interesou en comunicar aos servizos forestais as precaucións necesarias para non danar ao carballo anano.
Esta lamentábel caso amosa tamén as consecuencias da política permisiva e de "rebaixas" lexislativas continuas levada a cabo pola Xunta coa Rede Natura 2000.
Na recente "lei de acompañamento" dos orzamentos de 2023, o PP modificou pola porta de atrás e de xeito espúreo, o Plano Director da Rede Natura 2000 (Decreto 37/2014) e a Lei de Patrimonio Natural (Lei 5/2019). Con estas modificacións as faixas e rozas da biomasa pasaron a considerarse "medidas de xestión dos espazos protexidos Rede Natura 2000, xa que son medidas necesarias para a protección e conservación dos valores naturais polos que o espazo foi declarado. Ditas actuacións só estarán sometidas á normativa sectorial de defensa contra incendios forestais", (art. 57.3.b do Decreto 37/2014 e Disposición adicional sexta, 1 da Lei 5/2019).
Xa que logo, a realización destas rozas en Rede Natura depende exclusivamente da Consellaría do Medio Rural, que como era de agardar non considerou necesario verificar a presenza de especies protexidas. E Medio Ambiente tampouco llelo comunicou, ao modificar a lei para permitir que nos hábitats forestais da Rede Natura 2000 estes traballos só estean sometidos á normativa de incendios.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal