ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A Revista Cerna afonda na problemática eólica e...

21-12-2022

A Revista Cerna afonda na problemática eólica e na protección dos espazos naturais de Galiza

A Revista CERNA, editada pola asociación ecoloxista ADEGA, lanza un novo número no que analiza o delicado equilibrio entre ser humano e planeta Terra a través de diversidade de voces expertas. Unha tensión que pon en xaque a conservación dos ecosistemas, a biodiversidade, a saúde ambiental ou a igualdade social ao se inclinar a balanza a favor do mantemento do actual modelo económico.

Boa parte dos contidos deste novo número deitan luz sobre campos concretos nos que se reflicte esta problemática, tanto en clave crítica e de análise como tamén propositiva. Así, a maior publicación de medio ambiente e ecoloxía de Galiza abre as súas páxinas con dous artigos focalizados no desenvolvemento eólico no país. O primeiro deles presenta a difícil convivencia entre biodiversidade mariña e instalacións eólicas neste medio. O seu autor, o avogado e portavoz da Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños, Torcuato Teixeira Valoria, cuestiona así os xa máis de cinco proxectos de produción eléctrica que están planificados sobre a costa galega.

Séguelle, da man do secretario técnico de ADEGA, Fins Eirexas, unha revisión de textos legais que remata cunha proposta ambiciosa, pero igualmente necesaria, de áreas de exclusión para o desenvolvemento eólico en Galiza. A efectividade dos espazos protexidos do país tamén se pon en cuestión ao longo de dous artigos que recolle Cerna: un deles analiza cuantitativamente o impacto sobre a avifauna; e o outro presenta un estudo orientado a medir a relación entre a conservación da biodiversidade e o benestar humano en espazos protexidos costeiros. Ambos están escritos por Cosme Damián Romay Cousido, da Universidade da Coruña, e por Luis Tapia del Río, da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, Francisco Anguita, xeólogo da Universidade Complutense, achega unha análise sobre os avances e debates recentes nas ciencias da terra e ambientais.

Unha xanela para as experiencias positivas

Doutra banda, esta nova Cerna achégase a varias iniciativas que buscan poñer freo ao crecemento insostible. É o caso da Iniciativa Lexislativa Popular de Montes Comunais coa que se pretende impedir a privatización dos montes veciñais para entregalos a empresas forestais e madeireiras, tal e como explica o autor deste texto e presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), Xosé Alfredo Pereira Martínez. Ten tamén espazo nesta publicación o exitoso exemplo de xestión da superficie forestal comunal en Ponteareas, que trae o doutor en Economía, Damián Copena.

Desta maneira, Cerna abre unha xanela a experiencias positivas, como tamén pode ser a construción dun paso de fauna en Cecebre; a promoción do “emprego verde” a través da formación en compostaxe, da man da educadora ambiental de ADEGA, Itzíar Díaz; ou unha análise para o confort térmico na galería tradicional, canda o arquitecto Pablo Fernández Ans. Coma sempre, pechan a publicación as seccións fixas de Ciencia Cidadá e Fauna e Flora de Galiza, que ensinan a ferramenta participativa iNaturalist e que achegarán as lectoras ao mazarico mouro e á margarida silvestre.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal