Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O baixo nível do encoro da Capela deixa ao aire...
23-09-2020
Case medio século usando o encoro da Capela como vertedoiro deixan pegada no Eume. O baixo nível das augas amosa as lamas e refugallos mineiros con alto potencial contaminante deitados no vaso: Lama de rechamantes cores oxidadas, fragmentos de lignito, restos de cinsas e outros refugallos mineiros e industriais, é o que acubillan os fondos do encoro da Capela no río Eume, en pleno Parque Natural. Son o resultado das verteduras da mina e dos arrastres e escorrentías arredor do enorme oco mineiro, hoxe convertido nunha balsa de máis de 800 hectáreas.
Non é hore de recuperar xa a concesión hidroeléctrica e rexenerar o río?
Dende a súa construción en 1960, cunha concesión franquista por 99 anos que data de 1953, un treito de 3,4 km do Eume permaneceu case seco, en pleno Parque Natural. Non foi até 2010 que por intervención da Fiscalía a denuncia de ecoloxistas e pescadores/as, ENDESA viuse obrigada a presentar un proxecto para liberar o debido caudal ecolóxico.
A empresa presentou en 2011 unha proposta que pretendía baleirar de lamas tóxicas o ateigado encoro para "modernizar" os desaugues de fondo do encoro e liberar caudal. Mais a súa idea era guindar os materiais acumulados no vaso polo Eume abaixo, usando o río como "balsa de decantación". Este delirante proxecto foi obxecto dunha forte oposición ecoloxista, obrigando á empresa a reformulalo, abandonando a pretensión de verter as lamas directamente augas abaixo, mais asumindo como "inevitábel" episodios puntuais de contaminación do río polas lamas.
Tras 6 anos de trámites finalmente en 2017 a Xunta autorizou o proxecto de "modernización" dos desaugues de fondo mediante o dragado dos sedimentos e o seu depósito fóra da canle. Porén, persistían incertidumes sobre os riscos de recirculación das lamas, a toxicidade dos materiais alí depositados, e os efectos sobre o río, o Parque Natural e os bancos marisqueiros da ría.
Por esta razón, diversos colectivos ecoloxistas reclamamos daquela á administración hidráulica que denegara a autorización do proxecto.
A baixada de caudal do encoro nas últimas semanas do verán sacou á luz novos cadáveres ambientais dunha explotación, a mina e a central térmica d'As Pontes, que ENDESA xestionou como o seu "cortijo" particular durante décadas, coa comenencia das administracións.
Incumprimentos reiterados da Lei de Augas, de Pesca Fluvial, dos caudais ecolóxicos... Cuestionable xestión dos refugallos mineiros, uso dun río como vertedoiro en pleno Parque Natural, e como ramo pretender seguir socializando impactos ambientais con intervencións "low-cost", fan que novamente esixamos da Xunta que inicie o procedemento de caducidade da concesión franquista do encoro da Capela e libere ao Eume dun parasito que leva chuchándolle o sangue e contaminándoo por máis de medio século.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal