ADEGA

Inicio / Campañas / “PONTE NO MEDIO. MÓVETE POLO TERRITORIO”. Por...

“PONTE NO MEDIO. MÓVETE POLO TERRITORIO”. Por unha ordenación sustentábel do territorio galego.

LANZAMENTO DA CAMPAÑA “PONTE NO MEDIO. MÓVETE POLO TERRITORIO”

Tivo lugar o 16 de abril de 2011 en Santiago de Compostela. Contou coa presenza de numerosas personalidades do mundo das ciencias, das letras e das artes de Galiza, así como de organizacións e plataformas que buscan, como ADEGA, unha ordenación territorial xusta, racional e sustentábel. No evento estiveron presentes entidades como a Coordinadora en Defensa da Ría de Muros e Noia, a Plataforma Camín Grande sobre a liñas de alta tensión Boimente-Pesoz, a Plataforma NOTTA, a Asociación Sociocultural O Iribio, a Plataforma contra a Liña de alta tensión Corgo-Triacastela, a Coordinadora Antiencoro de Caldas-Cuntis-Moraña, a Plataforma en Defensa do Cabo Touriñán, Máis talento, menos cemento de Barreiros, veciños fronte a canteira de Caamanzo ( en Vila de Cruces), a FEG (Federación Ecoloxista Galega), o CEMMA (Centro de estudos de mamíferos mariños), a SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural) e o colectivo ERVA.

Na segunda parte da presentación deron lectura ao manifesto en defensa do territorio 22 persoas referentes nos distintos ámbitos sociais e culturais da vida pública galega: Xurxo Souto, Adela Figueroa, Margarita Ledo, Xosé Alfredo Pereira, Fernando de Abel Vilela, Manuel Gallego Jorreto, Xavier Amigo, Alba Nogueira, Adolfo Cordero, Rosario Álvarez,  Goretti Sanmartín, Vadzim Yukhnevich, Emilio Carral, Beatriz Moyano, Calros Silvar, Jorge Coira, Celso Dourado, Teresa Moure, Isabel Risco, Xosé Manuel Penas Patiño, Chelo Pampillón e Luis Iglesia.  ADEGA dedicou un especial recoñecemento a todas aquelas organizacións e colectivos que están a defender de xeito altruísta o patrimonio natural e cultural de Galiza ás que chamou a xuntar esforzos e a participar na campaña “Ponte no medio. Móvete polo territorio”.

O acto de lanzamento da campaña estivo amenizado pola música do grupo MaM, o gaiteiro Isaac Garabatos e a cantante galega de hip-hop Wöyza.

Videos



Lectura do manifesto polos persoeiros no lanzamento da Campaña “Ponte no medio. Móvete polo territorio”



















Actuación de Wöyza e Isaac Garabatos no acto da presentación da Campaña “Ponte no medio. Móvete polo territorio”:
















MANIFESTO “PONTE NO MEDIO. MÓVETE POLO TERRITORIO”

O documento reivindicativo, asinado inicialmente por máis de 120 personalidades significadas da vida pública galega e colectivos, demanda un modelo de ordenación e xestión territorial racional, sustentable e con futuro baseado na recuperación do protagonismo colectivo da sociedade galega e a participación pública nos procesos de planificación e toma de decisión sobre a ordenación do territorio; na creación de emprego a través da rehabilitación dos valores e recursos do noso territorio e no impulso de medidas concretas contra a especulación.

Reivindica a protección efectiva dos espazos “protexidos” a través de plans de xestión e conservación, a protección dos 500 metros da liña litoral, a recuperación dos espazos afectados pola minaría, a primacía do solo agropecuario e a súa xestión comunal fronte a intervención privada dos montes, ou a potenciación dun transporte público colectivo máis ecolóxico e eficiente, entre outras cousas.

Descargar MANIFESTO “PONTE NO MEDIO. MÓVETE POLO TERRITORIO”

CONCURSOS POLO TERRITORIO

CONCURSOS POLO TERRITORIO

Dentro da campaña “PONTE NO MEDIO. MÓVETE POLO TERRITORIO”, ADEGA convoca un concurso de fotografías, de relatos e de curtametraxes co gallo de que a sociedade retrate o estado actual do territorio galego a través da imaxe e da palabra.

Todos os certames están patrocinados pola Área de Cultura e Turismo de Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo.









“FOTOGRAFÍAS POLO TERRITORIO”

Foto gañadora en 2014: Sobrevivir

As fotografías deberan ter como obxecto mostrar os efectos de actividades humanas que supoñen unha agresión ao noso país xa sexa contra o patrimonio, a cultura, a paisaxe ou a identidade territorial. Tamén se poden enviar fotografías que amosen exemplos de posta en valor do territorio. Cada participante poderá presentar como máximo un total de 4 fotografías cos seus datos persoais e a localización xeográfica das imaxes.



“O LUGAR NO QUE VIVO”

Os relatos curtos poderán ser historias fantásticas, feitos reais ou experiencias propias sempre e cando o eixe do relato xire arredor das visións que a poboación galega ten sobre o lugar no que vive; como é, como foi, como quixeramos que fose, a importancia da súa conservación, as agresións sufridas polo mesmo, etc. Cada participante poderá presentar un máximo de 2 relatos inéditos en lingua galega, que terá que enviar por correo postal ao enderezo de ADEGA Lugo.


“E TI QUE É O QUE VES?”

En 2012, ADEGA engade este certame de curtametraxes á listaxe de concursos polo territorio. As curtas terán que ser filmadas en calquera punto da xeografía galega e dar conta de exemplos de posta en valor da nosa cultura e territorio e/ou de denuncia daquelas actuacións que agreden aos mesmos.


XORNADAS POLO TERRITORIO

XORNADAS POLO TERRITORIO

Dentro da Campaña “Ponte no Medio, Móvete pólo Territorio”, ADEGA organiza xornadas e conferencias destinadas a poñer a debate todos os aspectos e problemáticas que atinxen á ordenación sustentábel do noso territorio.

A través delas preténdese establecer criterios claros para promover unha xestión territorial sostíbel e xusta socialmente, ademais de recoller ideas que axuden a promocionar e poñer en valor o noso patrimonio cultural e natural.

Consulta en XORNADAS POLO TERRITORIO

EXPOSICIÓN ITINERANTE “RIR, POR NON CHORAR”

O obxectivo desta mostra itinerante que naceu en xullo de 2012, é concienciar sobre as ameazas e as agresións que se cernen sobre o noso patrimonio natural e cultural. Por outra banda, intenta buscar solucións e propostas realmente sostibles e equilibradas de respecto ao noso entorno.

A mostra conta con 36 obras de preto de 20 humoristas gráficos e ilustradores de toda Galiza, tales como: Pinto & Chinto, Leandro, Guitián, Calros Silvar, Alberto Okidoki, Almudena, Dávida, Idoia de Luxán, Mª Carmen Ferrín, Rooster, Sergio Covelo, Marcos Beltrán, Quico, Zamudio, Miguel Fernández, Jorge Alba, Alfredo López “Tokio”. Xa percorreu varias localidades como Lugo, Viveiro, Monforte ou Arzúa.

FESTIVAL DE HUMOR “RIR, POR NON CHORAR”

FESTIVAL DE HUMOR “RIR, POR NON CHORAR”

Desde o ano 2012 ADEGA organiza o Festival de humor “RIR, POR NON CHORAR”, no Salón de actos da Deputación de Lugo. Neste acto participaron recoñecidos artistas galegos do humor e a risa que nos fan "rir, por non chorar" a través da súa análise irónica e retranqueira de como se está a xestionar o territorio galego, nomeadamente, o medio natural.








CHARLAS E OBRADOIROS SOBRE O TERRITORIO

CHARLAS E OBRADOIROS SOBRE O TERRITORIO

A campaña polo territorio tamén ofrece charlas e obradoiros a estudantes de ensino medio e BAC, dado que o futuro da nosa terra e do xeito en que se xestiona e coida está en mans das xeracións agora máis novas.

ADEGA considera de relevancia implicar na defensa do territorio esta franxa social a través da súa sensibilización. As charlas divídense nunha parte conceptual, unha parte dinámica e outra de conclusións e corresponsabilidade.  Na metodoloxía pedagóxica empregada desenvólvense xogos educativos e dinámicas de grupo.

A proposta  está dirixida a todos os centros de ensino medio da provincia de Lugo.


ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal