Revista CERNA

Artigos de Contaminación. Revista CERNA, medio ambiente e ecoloxismo da man de ADEGA

Lodos vermellos. Galiza mira a Hungría

Ramón Varela Díaz

CERNA Nº 63 - Galiza: Territorio agredido

Páx. 12 - 14

En outubro de 2010 produciuse un vertido de 800.000 toneladas de lodos vermellos, que escaparon dunha balsa e causaron numerosos danos persoais, a morte de nove persoas e máis de 200 feridos, e a destrución de hábitats próximos. A mala xestión que fixo a empresa de aluminios instalada en Hungría é a mesma que fai alumina aluminio na súa fábrica de Alcoa situada no norte da provincia de Lugo. Así, ponse de manifesto o perigo que supón para os galegos as súas instalacións e o sinxelo que sería evitalo se a propia empresa tivera un interese real polo ambiente, máis se a lexislación non lles obriga o máis probable é que este desastre volva ser noticia en calquera punto de Europa proximamente.

Contaminación acústica. Solucións para mellorar o noso contorno

Gabriel Pereiro

CERNA Nº 64 - O impacto do cambio climático nas rías galegas

Páx. 20 - 23

No noso contorno existe unha problemática importante e moitas veces descoñecida como é a contaminación acústica. Sinxelas consideracións permitirían dar solución, en maior ou menor medida, a este problema. De feito, segundo a Organización Mundial da Saúde(OMS), actualmente España é o segundo país do mundo que máis ruído presenta; só superado por Xapón. No presente artigo amósanse distintas solucións de uso cotián para reducir este tipo de contaminación con exemplos gráficos de medidas adoptadas na nosa Comunidade. Faise, ademais, un breve repaso a dous aspectos fundamentais para dar solución a este problema: o tipo de materiais que se deben empregar e onde se deben situar. Asemade, preséntase unha nova alternativa nacida en Galiza no marco da normativa vixente e do tan ansiado desenvolvemento sostíbel consistente no aproveitamento dun dos nosos recursos naturais renovábeis (a biomasa) para controlar os ruídos.

A explotación da pizarra en Galiza e os seus impactos ambientais

Dr. Francisco Gutiérrez

CERNA Nº 65 - Os ríos: explorar para conservar

Páx. 36-37

Galiza é a primeira potencia mundial en producción e exportación de lousa. A explotación deste recurso leva asociada unha problemática ambiental moi específica e característica. O desproporcionado desenvolvemento do sector, a falta de criterios racionais no deseño e planificación das explotacións, unido á inexistencia de previsión ou planificación ambiental provocou que herdaramos unha complexa e problemática situación, non só ambiental e mineira, senón tamén social e económica. O estudo da explotación da lousa en Galiza dá como resultado que a situación ambiental destes coutos mineiros é irreversíbel, que non é posíbel a súa restaauración e que é inviábel economicamente a súa recuperación ou rehabilitación. É preciso, pois, un cambio de modelo na explotación das louseiras en Galiza, que se especifica neste artigo.

A Cementeira Cosmos, incineración tamén no Bierzo (Crónica dunha loita gañada)

Luís Fernández Canedo

CERNA Nº 65 - Os ríos: explorar para conservar

Páx. 38

En xaneiro de 2007 faise pública a Autorización Ambiental a Cementos Cosmos, para utilizar como combustíbel alternativo nos fornos da fábrica de Toral de los Vados, os seguintes refugallos: pneumáticos, fariñas e graxas animais, lodos de depuradora, plástico e biomasa. Ecoloxista en acción da provincia de León presentou alegacións ao proxecto ante o Servizo Territorial de Medio Ambiente da Xunta de Castela e León, e en abril dese mesmo ano organizou unha charla no salón de actos de Caixa España para informar dos perigos que o proxecto crearía para a saúde, o medio ambiente e a economía da comarca, e ponse en marcha a recollida de sinaturas contra o proxecto.

Grandes industrias contaminantes da atmósfera en Galiza

Ramón Varela Días

CERNA Nº 66 - Espazos protexidos, baixo mínimos

Páx. 36-37

A finais de Novembro de 2011, o “Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes” (PRTR – España) fixo públicos os datos correspondentes ao ano 2010. A situación no noso país segue sendo mala e non mellorou co paso do tempo. NO PRTR – España rexistráronse en Galiza 26 actividades contaminantes das que 22 contaminan a atmósfera, 10 contaminan a atmósfera e a agua e 4 contaminan so a auga.

Os riscos das radiacións electromagnéticas para a saúde

Ana García

CERNA Nº 67 - O lume: dono dun monte desleixado

Páx. 38-39

Nas últimas décadas, o emprego das ondas electromagnéticas como base da comunicación sen fíos incrementouse de forma xeneralizada por todo o mundo. As principais fontes da radiación electromagnética son as antenas de telefonía móbil, o emprego de móbiles e, máis recentemente, os sistemas WIFI. O uso de aparellos que emiten este tipo de radiacións provocou desde case os seus inicios a existencia dun importante debate sobre os efectos nocivos das radiacións electromagnéticas (REM) sobre organismos vivos como árbores, aves ou abellas, pero tamén sobre a saúde humana.

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal