Revista CERNA

Inicio / Números anteriores / CERNA Nº 84 - Eólica...

Inverno 2020

CERNA Nº 84 - Eólica mariña, unha alternativa?

Artigos da revista CERNA Nº 84

Recursos

Ramsés Pérez

Páx. 4

Se estás interesad@ en que divulguemos na revista galega de ecoloxía e medio ambiente CERNA algún libro, CD, revista, película, documental, etc., ponte en contacto con nós no seguinte enderezo electrónico: ramses@adega.gal, indicando Recursos Cerna. Consulta as nosas recomendacións desta edición.

A enerxía eólica mariña: potencial e interese na Galiza

Ramón Varela Díaz

Páx. 5-8

Galiza é excedentaria en electricidade e incluso co peche das centrais térmicas de Meirama e As Pontes seguirá tendo necesidade de exportala. A enerxía eólica terrestre, da que somos segundos produtores do Estado, trouxo notables impactos e problemas asociados, hoxe agudizados coa intensificación e construción dos novos parques eólicos. Todo apunta a que a eólica flotante en alta mar pode ser unha alternativa á eólica terrestre sempre que cumpra varias condicións ecolóxicas, económicas e sociais, entre elas, cotizar no país, dar maior emprego, máis beneficios económicos para a poboación así como potenciar a industria naval local e a industria anexa relacionada.

Unha moratoria urxente aos parques eólicos terrestres

Xiana Iglesias / Redacción Cerna

Páx. 9-10

As montañas galegas están no punto de mira das grandes empresas eólicas, que pretenden instalar case un cento de novos megaparques, algúns deles en zonas de alto valor ecolóxico e patrimonial. En ausencia dunha normativa galega que rexa a implantación e crecemento ordenado desta enerxía, á vez que defenda os intereses da poboación e atenda á preservación da diversidade natural, estes proxectos supoñen unha ameaza de consecuencias incalculábeis. Ante esta situación, máis de 60 colectivos galegos, entre os que se atopa ADEGA, asinaron o Manifesto “Aldeas con Horizonte”, para solicitar a moratoria aos novos parques e un novo marco regulador para a enerxía eólica en Galiza.

Na loita pola biodiversidade, desde o ámbito administrativo local

Rafa Sisto e María López

Páx. 11-13

En marzo de 2017 o Pleno do concello de Teo aprobaba unha moción presentada por SONdeTEO-Anova e o PSdG-PSOE pola que se acordaba solicitar á administración competente a inclusión das especies da familia eucalyptus no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras. Iníciase así un longo proceso administrativo, primeiro, e logo xudicial, que remata coa sentenza do pasado 30 de outubro do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid desestimando o recurso do concello. Neste artigo relátase este proceso, sitúase no contexto que o provoca e analízase a escasa marxe da administración local para defender a biodiversidade. Un empeño do que é mostra a iniciativa HabitaTEO e que tamén presentamos.

As "capturas incidentais" de zamborcas pola flota costeira de Galicia: o proxecto 1MARDEALOSAS

David José Nachón, Rufino Vieira-Lanero, Sandra Barca Bravo, Alejandro Pico, María del Carmen Cobo e Fernando Cobo

Páx. 14-17

O sábalo e a saboga son especies anádromas moi parecidas, con reprodución fluvial e fase de crecemento mariño. Aínda que non son obxecto de pesca comercial, o seu comportamento gregario, formando cardumes, fai que sexan capturadas frecuentemente no medio mariño de maneira “incidental” entre as “capturas intencionadas”; feito que leva comprobándose dende hai varias décadas nas lonxas galegas. O proxecto 1MARDEALOSAS xorde coma unha oportunidade para avaliar o impacto desta actividade sobre as especies indicadas e ampliar o coñecemento da súa ecoloxía e distribución. Desenvolvido no medio mariño galego, os resultados permitirán establecer políticas e plans de xestión eficaces para a súa protección e conservación.

Emtrevista a José Luís López, presidente da Comunidade de Montes de San Martiño de Vilaboa

Redacción Cerna

Páx. 18-19

A comunidade de Montes de San Martiño, nas inmediacións do Lago Castiñeiras, no concello de Vilaboa, está a acometer un intenso programa de deseucaliptización dos seus montes, con máis de 20 Ha en 2018 e continuación nos anos seguintes. As actuacións, segundo nos explica o seu presidente nesta entrevista, teñen o obxectivo principal de preservar os mananciais e van acompañadas de reforestación, micorrización para a produción de níscalos e boletus, o aproveitamento de castañas, e a posta en valor do patrimonio cultural.

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal