Revista CERNA

Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / A plataforma en defensa dos medios públicos denuncia a...

13-10-2026

A plataforma en defensa dos medios públicos denuncia a manipulación insoportable da TVG e Radio Galega

A plataforma en defensa dos medios públicos de comunicación, creada en 2022 e da que ADEGA forma parte, acordou camiñar cara unha nova mobilización para esixir de novo que a radiotelevisión pública, que consideran secuestrada polo Partido Popular que goberna na Xunta, se poña ao servizo de todos os galegos e galegas.

A iniciativa responde ao chamado do comité intercentros da Corporación, que alertou, coa posta en marcha da programación de outono-inverno das canles públicas, do agravamento da manipulación informativa a través dunha editorialización espúrea dos informativos e do descarado avance do nesgo e a falta de pluralidade de voces en toda a grella da TVG e da RG.

As organizacións que integran a plataforma coinciden en que a manipulación é insoportable. O uso propagandístico a prol dos intereses partidistas e electoralistas do PPdeG que se está a facer hai anos dos medios públicos colide co deber de respecto polos
principios de veracidade e pluralismo que establece a propia lei reguladora da CSAG
(antes CRTVG), así como coa obriga ética e legal de diferenciar claramente entre
información e opinión.

Segundo a plataforma, o aliñamento ideolóxico co argumentario do Partido Popular é xa total en todos os programas da TVG e da RG, nunha vulneración flagrante do dereito de acceso que protexe, sobre o papel, a participación dos grupos sociais, políticos e sindicais representativos como fontes e portadores de información e opinión no conxunto dos programas e contidos. Nos faladoiros, nas noticias, nos programas da radiotelevisión pública galega non hai xa espazo para pensamentos e voces que a dirección da Corporación, cumprindo directrices do goberno da Xunta, considera disidentes.

A plataforma, tamén promotora da Iniciativa Lexislativa Popular Liberemos a Galega! -defensora dun cambio no modelo de medios que en setembro de 2025 tumbou no Parlamento a maioría absoluta dos populares-, considera que estas prácticas antidemocráticas vanse agravar aínda máis no período electoral que se vén de iniciar. Non hai máis que prender a TVG ou a Radio Galega cinco minutos, aseguran, para concluír que estes medios non son obxectivos, están tomando parte descarada e burdamente na campaña.

Advirten que estarán pendentes para denunciar cada día a manipulación e chaman ao conxunto da cidadanía a involucrarse nesta imprescindible batalla pola recuperación dos medios públicos. A data da gran mobilización que a plataforma prevé convocar decidirase despois da folga xeral do 11N e das eleccións do 29N.

Integran a plataforma en defensa dos medios públicos

A Mesa pola Normalización Lingüística, Anova-Irmandade Nacionalista, Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Asociación de Escritores en Lingua Galega, Asociación de Gaiteiras Galegas, Asociación de Profesionais da Rama Artística e da Dobraxe de Galicia APRADOGA, Asociación Lucenza Nigrán, Asociación pola Defensa da Ría, Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG), Avante LGTBI+, BNG, Comité Intercentros CSAG, CCOO, CGT, CIG, CNT, CUT, Defende a Galega, Erguer, Esculca, Federación Rural Galega (FRUGA), Fundación Luís Tilve, Fundación Moncho Reboiras, InvestiGal-Rede Galega pola Investigación, Mulheres Nacionalistas Galegas, Músicas ao vivo, Plataforma Feminista Galega, Plataforma Queremos Galego, Plataforma SOS Sanidade Pública, Plataforma Veciñal Mina Touro-O PINO NON, PSdeG-PSOE, REDE (Federación Galega de Asociacións de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia), Sindicato Ferroviario, Sindicato Labrego Galego, SOS Ficción en Galego, UGT Galicia, Vía Galega.

Novas relacionadas

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal