Revista CERNA

Buscador

Formulario de busca

Hábitats da península do Cabo Touriñán

Xabier Amigo Vázquez

CERNA Nº 60 - Sentenzas Xudiciais: Caso Rinlo

Páx. 16 - 17

Neste breve informe dáse conta, desde a observación do experto e profesor en Botánica, Xabier Amigo, dos hábitats e especies vexetais presentes en Cabo Touriñán (concello de Muxía), “terra prometida” polo actual goberno autonómico a Pescanova para a instalación dunha granxa acuícola de cultivo de rodaballo. Este mesmo proxecto fora desbotado polo anterior Executivo, que agora se recupera contra a vontade do movemento ecoloxista e a pesar de que Cabo Touriñán é Lugar de Interese comunitario, Zona de Especial Protección dos Valores Naturais e zona pertencente á Rede Natura 2000.

Medio físico e ordenación do litoral en Galiza

Juan López Bedoya

CERNA Nº 60 - Sentenzas Xudiciais: Caso Rinlo

Páx. 18 - 21

A ordenación do territorio é un eficaz instrumento de aforro, no referido aos investimentos públicos no territorio, e de preservación dos valores naturais. Esta última debe contar coa participación dunha comunidade científica independente, non instrumentalizada polos grandes axentes económicos ou os partidos políticos. A visión tecnicista do medio físico, especialmente en áreas tan sensíbeis como a costa, levou aos límites da capacidade de carga do medio natural. Desta actitude derivan perdas económicas e medioambientais previsíbeis que alimentan investimentos restauradores nun círculo vicioso non casual e no que a administración pública acaba salvagardando os intereses privados.

O Intermareal, un espazo cheo de vida

Xandro García Regueira

CERNA Nº 60 - Sentenzas Xudiciais: Caso Rinlo

Páx. 22 - 23

O intermareal é a porción de costa máis próxima ao dominio terrestre, situada entre as posicións que acadan as mareas: entre o máximo histórico de marea alta e mínimo histórico de marea baixa. Nas nosas costas a distancia vertical entre estes dous extremos é aproximadamente de 4 metros e temos dúas mareas altas e dúas mareas baixas ao día. Por diversos factores, o intermareal é unha zona de fortes contrastes, grande variedade de hábitats e elevada produtividade.

O debate eólico

Daniel López Vispo

CERNA Nº 60 - Sentenzas Xudiciais: Caso Rinlo

Páx. 24 - 25

Os anos 60 é a data clave para entender as novas políticas enerxéticas na Galiza, a época dos encoros e os espolios dos principais recursos da terra. Mais é a partires da década dos 90 cando a enerxía eólica fai a súa gran aparición. O que parecía ser o achado do século, é dicir, o aproveitamento dunha enerxía renovábel tornouse no sometemento aos ditames das grandes empresas, sen que exista o máis mínimo respecto polo medio nin natural nin patrimonial. A substitución das enerxías “tradicionais” polas renovábeis é o paso lóxico a seguir, pero son precisas unha serie de garantías que a aseguren o bo seu desenvolvemento. O presente artigo fai un repaso polas políticas dos últimos anos por parte da Xunta en canto a enerxía eólica, os seus acertos e carencias, e como estas afectan ao medio ambiente.

Enerxía eólica e Rede Natura 2000 en Galiza

Xavier Simón Fernández e Damián Copena Rodríguez

CERNA Nº 60 - Sentenzas Xudiciais: Caso Rinlo

Páx. 26 - 29

No actual contexto económico capitalista a problemática do cambio climático aparece como un dos principais problemas ambientais, facendo que nas derradeiras décadas a utilización de fontes enerxéticas renovábeis comece a xeneralizarse. Neste contexto, a enerxía eólica aparece como unha importante alternativa aos combustíbeis fósiles. O noso País non ficou alleo a esta realidade, e nos últimos 15 anos a produción de enerxía eólica pasou de ser unha actividade case anecdótica, a converter a Galiza nunha potencia eólica europea e mesmo mundial. Este feito, apoiado polo marco regulador autonómico, supuxo a instalación de múltiples aeroxeradores ao longo de moitos dos cumios do territorio galego. Se, por unha parte, permiten producir electricidade que non contribúe ao cambio climático, por outra, segundo sexan os espazos que ocupan as instalacións dos parques eólicos, pode resultar agresiva ambientalmente. Neste artigo repásase brevemente o tratamento ambiental dos parques eólicos na normativa autonómica reguladora desas instalacións e faise un repaso dos seus principais impactos ambientais, facendo especial mención á afectación directa aos ecosistemas de interese ecolóxico e a espazos pertencentes á Rede Natura 2000.

Contaminación por fluoruros no contorno de Alcoa, San Cibrao

Luís Díaz Cabanela

CERNA Nº 60 - Sentenzas Xudiciais: Caso Rinlo

Páx. 30 - 32

Diferentes análises realizadas nos arredores da factoría de aluminio ALCOA-INESPAL de San Cibrao (Lugo) amosan unha alta contaminación por fluoruros. O fluoruro de calcio é utilizado como electrólito e o fluoruro de sodio como fundente na fabricación de aluminio. Neste artigo amósanse os niveis da presenza deste contaminante nos diversos ecosistemas da zona.

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal