Páx. 8-10
O xeito en que se producen, distribúen e consomen os alimentos implica diversas consecuencias sociais, ambientais e sanitarias. O sistema alimentario globalizado baséase na produción alimentaria industrial, alimentos quilométricos e fóra de tempada, con elevado emprego de agroquímicos, elevada pegada de carbono e hídrica, etc. Estes impactos varían en escala e en dimensión, segundo sexa a forma de producir e de consumir. Para poder cuantificalos debemos ter en conta o modo en que son producidos os alimentos, os quilómetros que percorren desde a produción ao consumo, a maneira de transportalos, o desperdicio, o seu nivel de transformación e procesado, se son produtos de estación, etc.
Páx. 5-7
O presente artigo trata de facer unha aproximación aos conceptos básicos do activismo a través do consumo, da súa importancia, do contexto e da necesidade de que a transformación pretendida veña da man dun movemento colectivo e solidario.
Páx. 31-34
O hidróxeno verde está de actualidade. Hai varios proxectos que pretenden producilo no noso país. Trátase dunha peza indispensábel no complexo crebacabezas da transición ecolóxica, mais é preciso encaixármola coidadosamente. Nin hai que bloquear a súa produción nin hai que converter Galicia nunha hidroxeneira do norte de Europa.
Páx. 15-18
O contexto de crise climática e enerxética contribúen a que a mobilidade sostible suscite cada vez máis interese entre a poboación e na axenda política. Avanzar cara a un cambio de paradigma no modelo de mobilidade é avanzar cara ao coidado da vida e a saúde persoal e planetaria. Melloraremos a saúde física e mental na medida na que aumentemos medios de mobilidade activa, fortalezamos as relacións interpersoais e integremos a natureza nos contornos urbanos. Todo isto, desde a atención á diversidade de todas as persoas.
Páx. 38-39
As montañas sempre formaron parte da vida das persoas. Antes observadas dende a distancia e frecuentadas unicamente por pastores, hoxe en día son visitadas por todas aquelas persoas que gozan do aire libre. As montañas nunca foron máis accesibles ca neste momento. Con todo, o cambio climático é unha realidade que afecta a todo o planeta, e as montañas caracterízanse por seren uns dos sitios onde o seu impacto se reflicte con maior claridade.
Páx. 40-43
O historial e o padrón de frecuencia, severidade, extensión e estacionalidade dos incendios forestais cambiou drasticamente nos últimos anos. Estamos na era dos grandes incendios forestais que se atribúen, principalmente, ao cambio climático e á maior acumulación de ‘combustible’ (vexetación) máis inflamable que favorecen a existencia de lumes máis violentos e non controlados. Ante esta situación urxe a concienciación e implicación de todos os sectores da sociedade para implantar medidas preventivas de xestión dos bosques e así poder dispor de paisaxes vivas, diversas, resistentes e resilientes aos grandes incendios forestais.