01/02/2019 [00:10:00] [6.88 MB]
O peche de Meirama, os novos parques eólicos de Galiza, a xestión de residuos orgánicos e a aparición de novas plataformas son algúns dos temas ambientais desta semana. Á túa disposición, este resumo da actualidade ambiental galega.
30/01/2019 [00:10:00] [6.88 MB]
A chegada de xabarís ás contornas urbanas está a obter notoriedade nas redes sociais e na prensa. Nalgúns lugares como no concello de Lugo xa se dispuxeron medidas de control para evitar estas incursións nas zonas urbanas, pero ningunha administración competente deu explicacións sobre os problemas que estas incursións estaban a xerar para a cidadanía nin tampouco en que datos se xustifica o sacrificio destes animais. A plataforma pola Convivencia Ética coa Fauna Silvestre (Con-Ética) xorde como resposta á alarma que se está a crear na sociedade e a falta de solucións non letais ou cruentas con estes animais.
28/01/2019 [00:10:00] [6.87 MB]
Desde o pasado mes de decembro máis de 10 baleas teñen varado nas costas galegas. O seu achegamento ás nosas costas nos últimos anos propicia tamén a aparición de maior número de varamentos destes animais. A CEMMA, Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños, explícanos que causas pode haber detrás do achegamento das baleas ás costas galegas.
25/01/2019 [00:10:00] [6.88 MB]
Neste espazo de radio facemos repaso da actualidade ambiental galega. Nesta semana Sogama anuncia unha rebaixa no canon de residuos, publícase o novo proxecto da planta de lixo de Nostián (A Coruña) e danse novidades con respecto ás cacerías de raposo. A fauna salvaxe volveu ser protagonista nos últimos días.
23/01/2019 [00:10:00] [6.87 MB]
A asociación ecoloxista ADEGA fai balance do ano 2018 e sinala cales foron os fitos no eido ecoloxista. Entre os principais temas destaca a ILP do Bosque, a mina de Touro-O Pino, proxectos de custodia ou a defensa de especies emblemáticas. Fins Eirexas, secretario executivo de ADEGA, ofrece os detalles.
21/01/2019 [00:10:00] [6.90 MB]
A caza do raposo volve a xerar debate social e mobilizacións de repulsa en toda Galiza. Numerosos colectivos ecoloxistas, animalistas, políticos, culturais e sociais piden a erradicación dos campionatos de caza do raposo por non ter xustificación de ningún tipo. Entre eles, ADEGA vén de solicitar a prohibición destes torneos e a toma en consideración dos efectos que poderían estar tendo sobre os aspectos ecolóxicos da especie. Tamén pide á Xunta que suspenda as competicións pendentes de celebración por motivos de seguridade cidadá.