Radio CERNA

Radio CERNA

Buscador

Formulario de busca

24/09/2026   [10:00:00]   [11.76 MB]

Boletín informativo ambiental 25/09/26

Un informe interno da Xunta recoñece "riscos irreversíbeis" na ría de Arousa derivados da mina de cobre de Touro e O Pino. E na Limia, a Xunta recoñece tamén agora que a contaminación das augas ten unha orixe “significativamente agraria” e prohibe novas explotacións gandeiras intensivas e ampliacións das xa existentes na comarca. Varias entidades ecoloxistas piden á Xunta apoiar a catalogación do salmón atlántico como “En perigo de extinción” no conxunto do Estado, despois de que o Comité Científico validase a proposta para incluír a especie no Catálogo Español de Especies Ameazadas. O Concello de Muros paralizou cautelarmente unhas obras na zona intermareal de Punta Abelleira tras a denuncia de ADEGA, ao comprobar que non contaban coas autorizacións pertinentes. Todo isto e máis, en Radio Cerna! 


Tracks: Route 66 / Mechanical
Music by https://www.fiftysounds.com

17/09/2026   [10:00:00]   [11.76 MB]

Boletín informativo ambiental 18/09/26

O lume volve ao Courel. Un incendio en Quiroga arrasou máis de 420 hectáreas e pon en alerta varias aldeas. A rotura dunha foxa de xurro con máis dun millón de litros en Tordoia causa unha vertedura na contorna do río Bustelo. E o pasado domingo, arredor dun cento de persoas concentráronse en Ribadumia para reclamar a demolición da represa de Cabanelas, no río Umia, e defender o seu funcionamento natural. Cúmprense 30 anos do derrube do vertedoiro de Bens, na Coruña, unha catástrofe na que unhas 200.000 toneladas de lixo se desprazaron pola ladeira do monte até chegar ao mar. Todo isto e máis, en Radio Cerna!

Tracks: Route 66 / Mechanical
Music by https://www.fiftysounds.com


Tracks: Route 66 / Mechanical
Music by https://www.fiftysounds.com

10/09/2026   [10:00:00]   [11.86 MB]

Boletín informativo ambiental 11/09/26

Ons non é illa para especies en perigo. Nova agresión ao patrimonio natural galego: exemplares da xesta de Ons, unha especie en perigo de extinción, foron eliminados durante labores de roza dos camiños na illa. Na outra cara da moeda, as 500 árbores plantadas por voluntariado de ADEGA nos montes queimados de Valdeorras medran en boas condicións. Un ano despois dos graves incendios forestais que arrasaron os montes da comarca, a vida ábrese paso neles. Ademais, ADEGA-Lugo reafirma o seu compromiso histórico coa defensa do territorio fronte á especulación urbanística de Barreiros. Todo isto e máis, en Radio Cerna! 

04/09/2026   [10:00:00]   [12.00 MB]

Boletín informativo ambiental 04/09/26

Neste programa de Radio Cerna abordamos a situación de seca que enfronta Galiza e a intención da Xunta de estudar a creación de novos encoros. Fronte a esta proposta, ADEGA demanda medidas que fomenten unha nova cultura da auga, baseada no aforro e no combate ao desbaldimento. En Castroverde, ADEGA denuncia tamén o recheo dunha zona húmida por parte dunha explotación gandeira. En materia eólica, outro proxecto continúa coa súa tramitación a pesar de ser paralizado cautelarmente polo TSXG. E rematamos en Ons: a Xunta está a converter o Parque Nacional das Illas Atlánticas nun resort turístico. É a denuncia de ADEGA e outros colectivos ante as obras de “acondicionamento” desenvolvidas en varios espazos.

Tracks: Route 66 / Mechanical
Music by https://www.fiftysounds.com

06/08/2026   [10:00:00]   [12.21 MB]

Boletín informativo ambiental 07/08/26

A Xunta declara a emerxencia cinexética do xabarín e privatiza así a xestión da fauna salvaxe en favor dos cazadores. En materia eólica tamén hai novidades. Empresas con parques eólicos paralizados cautelarmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza están a solicitar agora a declaración de utilidade pública para poder expropiar terreos. E ademais, súmase outro proxecto ao ronsel de eólicos paralizados cautelarmente. O TSXG acaba de acoller a solicitude de ADEGA para o parque eólico Fial das Corzas, promovido por Iberdrola nos concellos de Laza e Vilar de Barrio. Galiza dispón xa de capacidade para tratar ata oito veces máis residuos da construción e demolición dos que xera cada ano. Todo isto e máis, en Radio Cerna!

Tracks: Route 66 / Mechanical
Music by https://www.fiftysounds.com

30/07/2026   [10:00:00]   [12.11 MB]

Boletín informativo ambiental 31/07/26

Galiza entra un ano máis na época de máximo risco de incendios forestais cos deberes sen facer. A Xunta volve adiar a declaración das zonas vulnerables á contaminación por nitratos e acumula xa 26 anos de demora no cumprimento da normativa europea. A campaña de micromecenado "Río Rato sen cemento", impulsada por ADEGA-Lugo para recorrer nos tribunais o plan urbanístico previsto nas nacentes do río Rato, reúne os primeiros 6.000 euros en menos dun mes. Todo isto e máis, en Radio Cerna!

Radio CERNA
Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: radiocerna@adega.gal
Administración:Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal