21/11/2025 [10:00:00] [12.63 MB]
O PP esquece tramitar a emenda para flexibilizar aínda máis a moratoria do eucalipto. A asociación ecoloxista ADEGA denuncia que Rueda mingua a tramitación ambiental para converter a Xunta nunha expedidora de permisos. Galiza é a autonomía que menos recicla de todo o Estado. A Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) lanza unha campaña de micromecenado para continuar o proceso xudicial contra a prórroga concedida a Ence ata 2073. Estas e outras novas, neste novo programa de Radio Cerna!
13/11/2025 [10:00:00] [12.40 MB]
Centos de persoas fixeron este domingo unha cadea humana no encoro de Portodemouros para rexeitar Altri e a mina de Touro-O Pino. Ademais, Bruxelas vén de excluír o proxecto da celulosa dos Fondos de Innovación da Unión Europea. A Xunta aproba o anteproxecto da nova Lei de administración ambiental simplificada, que substituirá e derrogará por completo a Lei de protección ambiental de Galicia de 1995. A superficie de eucalipto segue medrando a pesar da moratoria vixente desde 2021. Así o revela o avance do Inventario Forestal continuo de Galiza presentado esta semana pola administración galega tras unha demora de ano e medio. Todo isto e máis, en Radio Cerna!
30/10/2025 [10:00:00] [12.59 MB]
A Xunta declara compatibles os eólicos coa paisaxe e abre novas vías ao eucalipto nos montes. Na comarca de Valdeorras, os efectos dos incendios do verán comezan agora a sentirse coa chegada das choivas. Na comarca de Valdeorras, os efectos dos incendios do verán comezan agora a sentirse coa chegada das choivas. A veciñanza do Galiñeiro, en Gondomar, podería ver finalmente protexida esta contorna natural grazas ao inicio do trámite para a súa declaración como Espazo Privado de Interese Natural (EPIN). Todo isto e máis, en Radio Cerna!
24/10/2025 [10:00:00] [12.78 MB]
O voluntariado de ADEGA actuou esta pasada fin de semana nos montes queimados de Valdeorras para previr a erosión do solo e as escorrentías. E tamén esta fin de semana, ADEGA coordinou a décimo cuarta edición da Limpeza Simultánea de Praias, que reuniu máis de 800 persoas voluntarias en 22 concellos do litoral galego. Ademais, a Xunta anunciou que vai "flexibilizar" a moratoria das plantacións de eucalipto en Galiza. Máis de trinta comunidades de montes galegas veñen de ser recoñecidas polas súas boas prácticas en conservación da biodiversidade e prevención de incendios. Todo isto e máis, en Radio Cerna!
17/10/2025 [10:00:00] [12.68 MB]
Esta fin de semana, ADEGA e os concellos da Rúa, Petín, O Barco, O Bolo e Vilamartín de Valdeorras impulsan unha gran acción simultánea de voluntariado para restaurar zonas queimadas da comarca. Os datos máis recentes do programa europeo Copernicus contabilizan 171.000 hectáreas ardidas no noso país desde o inicio do verán. O vinculado aos incendios non é o único voluntariado desta fin de semana. ADEGA tamén impulsa a XIV Limpeza Simultánea de Praias en 22 concellos da costa galega baixo o lema “Únete á marea!”. Ademais, a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e outros 23 colectivos do sector do mar denuncian as verteduras recorrentes na Pobra do Caramiñal. Todo isto e máis, en Radio Cerna!
09/10/2025 [10:00:00] [12.58 MB]
Lumes técnicos en Rede Natura, a proposta da Xunta para previr incendios forestais. ADEGA organiza as primeiras xornadas de voluntariado para a restauración ambiental de zonas queimadas da comarca de Valdeorras. As plataformas Ulloa Viva e En Defensa da Ría de Arousa anuncian unha nova manifestación nacional contra o proxecto de macrocelulosa de Altri en Palas de Rei, que se celebrará o domingo 14 de decembro en Compostela. ADEGA-A Coruña presentou alegacións ao proxecto de urbanización no Monte Mero, promovido polo Instituto Galego de Vivenda e Solo, por considerar que carece da transparencia e participación necesarias e que pode ter un impacto negativo sobre o medio ambiente e a veciñanza. Todo isto e máis, en Radio Cerna!