Radio CERNA

Radio CERNA

Buscador

Formulario de busca

13/01/2023   [00:10:00]   [13.05 MB]

Boletín informativo ambiental 13/01/23

ADEGA fai balanzo do ano 2022 e vaticina un 203 moi duro na defensa do medio ambiente galego fronte a invasión eólica, tanto por terra como por mar. A coordinadora Eólica Así Non convoca á sociedade galega ás xornadas "Temos Alternativa" para construír colectivamente un modelo enerxético alternativo fronte o modelo eólico actual, depredador co territorio e abusivo coas persoas. E, nesta semana, a defensa do mundo animal faise de novo patente por mor do uso de dromedarios vivos nas cabalgatas de Reis galegas ou pola negativa da Xunta de ingresar máis de 4 millóns de euros para preservación do lobo e pago de indemnizacións por danos, ao non aceptar a estratexia de conservación do goberno estatal desta especie emblemática. Tamén o sector da agroecoloxía está en pé de guerra... Se queres saber por que, escoita Radio Cerna!

30/12/2022   [00:10:00]   [6.57 MB]

Boletín informativo ambiental 30/12/22

Escoita o último boletín deste ano 2022 de Radio Cerna! O actual repaso informativo sobre o medio ambiente galego recolle a declaración da factoría de Altri como proxecto industrial estratéxico, a moratoria eólica aprobada no concello de Xinzo ou os novos datos censais do lobo en Galiza e a publicación de novos decretros sobre macrogranxas e envases de plástico. Voltamos en 2023!

23/12/2022   [00:10:00]   [6.50 MB]

Boletín informativo ambiental 23/12/22

A eólica mariña en Galiza xa xunta 9 proxectos en tramitación, dos que 5 afectan á Mariña Lucense. Na eólica en terra, a Xunta dá unha de cal e outra de area, e no Parlamento de Galiza segue esquivando ás incómodas preguntas sobre o "caso Greenalia", relativo ao perdón dos preto de 12 millóns de euros que a empresa tiña que ter depositado na facenda pública, e a denuncia de ADEGA ao respecto na Fiscalía. Mais o fito histórico da semana, protagonizouno unha imaxe: a do derrubo da torre da térmica de Meirama... 10 segundos nos que se resumiron 42 anos de loita veciñal e ecoloxista nas Encrobas e toda unha era de contaminación e degradación ambiental do país.

16/12/2022   [00:10:00]   [6.97 MB]

Boletín informativo ambiental 16/12/22

Continúa incesante a pingueira de autorizacións de proxectos eólicos en Galiza. Nesta última semana outros tres parques eólicos foron aprobados. No Parlamento o PP esquiva falar da denuncia de ADEGA contra a Xunta na Fiscalía por perdoarlle 11 millóns de euros a Greenalia no canto de obrigarlle a executar un plan industrial, e a sociedade galega volve dar un golpe na mesa a través das mobilizacións contra a invasión eólica das montañas o pasado 11 de decembro. Outros temas deste boletín: plan de hidróxeno de Meirama, sentinazo na Illa de Arousa, ou o Plan de Xestión das Fragas do Eume... Escoita Radio Cerna!

02/12/2022   [00:10:00]   [7.24 MB]

Boletín informativo ambiental 02/12/22

Pronto finaliza o ano e toca facer balanzo. A Xunta dá conta dos proxectos eólicos autorizados, informados afvorablemente ou rexeitados neste 2022. E ADEGA denúnciaa por presunta prevaricación e malversación de fondos, ao eximir a Greenalia de pagar case 12.000.000 de euros á facenda pública e de executar o plan industrial comprometido no concurso eólico de 2010. Este feito desata dúbidas sobre a legalidade na tramitación dos plans industriais asociados a proxectos eólicos que obtiveron adxudicacións de potencia no concurso de Núñez Feijóo. Os pasos adiante da fábrica de téxtiles de Altri, a xudicialización da mina de Touro ou a posición europea con repecto á protección do lobo son outras das novas que nos deixa a actualidade medioambiental da última semana.

18/11/2022   [00:10:00]   [6.95 MB]

Boletín informativo ambiental 18/11/22

A Xunta informa favorablemente a 13 proxectos eólicos de máis de 50MW que incumpren o Plan Eólico de Galiza e que están a ser tramitados polo Ministerio de Transición Ecolóxica. Cambia así de criterio, xa que na súa maioría foran informados negativamente por parte do goberno galego hai meses. Rueda xustifica esta viraxe en que agora estes proxectos servirán para abastecer de enerxía, total ou parcialmente, a industrias como Alcoa (na mariña luguesa), Sentury (na contorna das Pontes) e Showa Denko, na Coruña. As grandes beneficiadas por esta excepcionalidade do goberno popular, Greenalia e Enel Green Power. Por outra banda, Alcoa pretende volver a usar fuel para a produción de alúmina e demanda novas excepcionalidades á Xunta con respecto aos límites de emisións contaminantes. Atoparás máis novas da actualidade ambiental neste novo capítulo de Radio Cerna!

Radio CERNA
Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: radiocerna@adega.gal
Administración:Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal