ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Dous anos despois a Xunta leva ao DOG a anulación...

19-03-2015

Dous anos despois a Xunta leva ao DOG a anulación do plano sectorial de Barreiros

Outra ´corrección de erros´por imperativo legal

A principios de xuño de 2013 o TSXG fallaba a favor de ADEGA e anulaba o acordo do Consello da Xunta co que a administración pretendía legalizar cun plano sectorial a medida, algunhas das desfeitas urbanísticas de Barreiros. A Xunta pretendía "investir" 14 millóns de € de cartos públicos, destinados a tapar os incumprimentos legais do concello e dos construtores.
Foi, segundo o tribunal, unha "desviación de poder", que para ADEGA agochaba tamén un escandaloso trato de favor e un intento de malversación de cartos públicos.
Agora, case dous anos despois e por imperativo legal, o mesmo boletín oficial no que a Xunta publicou o famoso plano sectorial, recolle o fallo da sentenza que o anula. E os responsábeis daquela enorme chafallada administrativa, seguen as súas carreiras políticas como se nada.

A importancia dunha sentenza histórica

A sentenza do contencioso de Barreiros tivo na opinión de ADEGA unha enorme importancia e transcendencia para a sociedade galega:
Xurídica: porque restauraba a vixencia da legalidade urbanística fronte á arbitrariedade da Xunta. De producirse unha legalización por esta vía, sería toda unha invitación a concellos e promotores para saltarse calquera normativa urbanística: os seus amigos na Xunta solventarían o problema a golpe de plano sectorial e cartos públicos.
Social: porque reforzaba o principio de igualdade de todos fronte á lei. Se en Barreiros a Xunta retirou os contenciosos-administrativos interpostos que ela mesma promoveu, e tentou legalizar con fondos públicos actuacións urbanísticas ilegais, como explicar que noutros casos apliquen severas sancións e mesmo derrubamentos?
Democrática:
porque fronte ás arbitrariedades deste goberno a sentenza permítenos seguir crendo na independencia do poder xudicial e na vixencia do Estado de dereito. Sen estes principios camiñariamos irremediabelmente cara un Estado totalitario.

Consecuencias políticas?

Diante dun fallo xudicial que confirma a desviación de poder que cometeu a Xunta, en calquera Estado de Dereito cunha mínima sensibilidade e vergoña democrática, ningún dos responsábeis que promoveron esa chafallada denberían seguir nos seus cargos. Quen incorre en “desviación de poder” e a usa para legalizar as falcatruadas urbanísticas do concello "amigo" de Barreiros, e despois executa sancións e derrubos noutros casos menos graves, non só actúa arbitraria e antidemocraticamente senón que constitúe un auténtico perigo social.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal