ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O litoral para a Xunta: chan barato para as...

27-01-2023

O litoral para a Xunta: chan barato para as industrias e albo de confrontación eleitoralista co Estado

O anteproxecto de Lei do Litoral presentado recentemente pola Xunta responde máis a unha estratexia de confrontación do PP co goberno do Estado que á vontade de xestionar racionalmente e conservar este estatéxico espazo.
Sempre que a Xunta, en exercicio das súas competencias, tentou "ordenar" o litoral, con normas como (Plano do Litoral, 2010, Plano Director de Acuicultura, 2013, Lei de Acuicultura, 2016...), a premisa aparente era tamén a sustentabilidade. Porén a intención última destas normas escasamente ocultada foi a desregulamentación, a discrecionalidade, a desmontaxe das cautelas ambientais e o favorecemento dos intrereses industriais.
Desta volta a manobra semella ser a mesma: tras unha fachada de suposto ordenamento e resiliencia ambiental, trasloce a intención pouco disimulada de "abrir o melón" do litoral á especulación, socavar as cautelas da Lei de Cambio Climático e de paso rifar co Estado por unhas suculentas competencias en periodo eleitoral.

De competencias, prioridades e "actividades estratéxicas"

Competencias? Mellor en periodo eleitoral: A xestión do litoral por parte da Xunta e o desenvolvemento das competencias autonómicas sobre este espazo contidas este Anteproxecto de Lei podería colidir coas competencias estatais fixadas pola vixente normativa básica, tanto a Lei de Costas como a Lei de Cambio Climático. As présas por lexislar sobre a costa e confrontar ao goberno estatal, ao que a Xunta demorou décadas sen reclamarlle as competencias, xeran ademais unha preocupante inseguridade xurídica para as administradas.

Prioridades? Non se pode ordenar sen antes recuperar e protexer:  A recuperación dos ecosistemas litorais e a garantía do seu estado de conservación deberían ser obxectivos prioritarios desta norma. Non poucas das actividades que actualmente se desenvolven neste sensíbel espazo son manifestamente incompatíbeis coa conservación dos seus valores naturais e poñen en risco o estado dos seus recursos. Xa que logo, debería ficar claro na norma que a consecución dun bo estado ecolóxico do litoral e a recuperación dos seus ecosistemas, suprimindo as agresións que actualmente degradan e comprometen os seus recursos, debería ser unha prioridade fronte ao ordenamento dos sectores económicos, usos e actividades que comparten este espazo.
O desenvolvemento dos anteditos usos e actividades debería estar supeditado á consecución dunha serie de obxectivos de calidade ambiental, convintemente definidos, parametrizados, temporalizados e orzamentados através dos diferentes instrumentos de xestión que nesta e noutras normas se establecen. Isto non acontece neste anteproxecto, no que por exemplo a Xunta reserva prebendas exclusivas sobre o dominio público e a servidume de protección á denominada "cadea mar-industria".

Sendas litorais e establecementos turísticos, actividades estratéxicas? No Anteproxecto cítanse explícitamente como “actuacións estratéxicas” a desenvolver a criazón dunha rede de sendas litorais e doutra de establecementos turísticos. Ditas “actuacións estratéxicas” poderían colidir coa necesaria conservación e recuperación dos valores naturais do litoral. Ambas as dúas propostas “estrela” suporán un aumento da artificialización e da presión humana sobre a franxa costeira. Facemos especial fincapé que o establecemento dunha rede de establecementos turísticos, mesmo através da rehabilitación de instalacións e inmobles xa esistentes, vai supoñer un aumento da carga antrópica (consumo de recursos, verteduras, incremento da artificialización…), incompatíbel coas áreas de maior valor, quer a de “protección ambiental” delimitadas no Plano do Litoral.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal