23-06-2021
En 2017 o Estado emitiu declaración favorábel ao proxecto de GN-FENOSA (hoxe Naturgy) de unir os encoros das Cunchas e Salas mediante unha central de bombeo en caverna. Pasados 4 anos sen realizar o proxecto, a empresa pide prorrogar a Declaración de Impacto Ambiental. Eis as razóns polas que ADEGA se opón:
Unir os encoros de Salas e As Cunchas cunha central de bombeo soterrada suporía máis de 6 anos de obras baixando o caudal ao mínimo nos dous encoros durante meses; repartiría máis de un millón de metros cúbicos de entullos pola reserva da Biosfera Gerês-Xurés a razón de 327 viaxes de camión diarias; contaminaría o encoro de Salas coas augas eutrofizadas do das Cunchas; eliminaría 153 hectáreas de hábitats e alteraría a contorna das escasas parellas de aguia real que quedan en Galiza... Ademais, este proxecto incumpre a Directiva Marco da Auga e o disposto no Plan Nacional de Enerxía e Clima 2021-2027. Todo isto para que GN-FENOSA (agora Naturgy) siga espremendo dúas concesións franquistas (1949 e 1942) até esgotar os 99 anos de vixencia. É esta a nova economía verde?
As obras proxectadas desenvolverianse totalmente dentro da “zona de transición” da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés e parcialmente na “zona tampón” (toma no encoro de Salas). Tocan tamén directamente á ZEC-ZEPA-Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés á altura do encoro de Salas e afectan á proposta de ampliación da Rede Natura 2000 (Xunta, 2011) para este espazo.
Polo que atinxe aos hábitats, as obras afectarían a 12 hábitats europeos, incluidos 3 prioritarios, eliminando máis de 153 hectáreas principalmente polas 7 zonas de depósito para os 1.175.000 m3 de entullos que habería que colocar. A respeito do hábitat *91E0 (Bosques aluviais con Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior) sinalar que a Comisión Europea considerou insuficiente a súa presenza na designación de espazos que o Estado fixo para a rexión bioxeográfica mediterránea, e mantén aberto contra España un procedemento de infracción.
O proxecto afectaría a 23 especies incluídas no catálogo Español de Especies Ameazadas e/ou no Catálogo Galego, 8 delas consideradas “vulnerábeis” e 5 “en perigo de extinción”. Son endemismos botánicos moi sensíbeis e escasos e entre as aves, á águia real (Aquila crhysaetos), con núcleos reprodutores moi próximos.
Malia a estas importantes afeccións ao patrimonio natural, a Xunta informou favorabelmente sobre o proxecto ao Ministerio, postura esta que foi chave para a acadar a aprobación da DIA.
ADEGA quere lembrar ao Ministerio que segundo o "Plan Nacional de Enerxía e Clima 2021-2030" os bombeos hidráulicos terán que cumprir o plano hidrolóxico e situarse fóra da Rede Natura 2000 e/ou espazos protexidos, "por cuanto son proyectos con impactos muy importantes como modificaciones morfológicas de cauces y riberas, así como, pérdida de biodiversidad."
Quizáis a maior barbaridade ambiental que provocaría este proxecto sexa a contaminación a mantenta do encoro de Salas, actualmente en bo estado ecolóxico, polas augas eutrofizadas do encoro das Cunchas, o vertedoiro de todas as macrogranxas da comarca da Limia.
A mistura das augas durante a operación da central reversíbel trasladaría a contaminación do encoro das Cunchas ao de Salas. A inxección neste encoro de millóns de metros cúbicos de augas eutrofizadas (con níveis moi altos de nitratos-nitritos) e cunha alta carga de cianobacterias procedentes do das Cunchas, sen dúbida empeorará o seu estado, impedindo a consecución do “Bo Potencial Ecolóxico” que establece a Directiva Marco da Auga.
En 2011 a Confederación Hidrográfica MIño-Sil xa amosou a súa miopía atribuíndo a contaminación por cianobacterias nas Cunchas a "causas naturais", branqueando deste xeito as responsabilidades das macrogranxas intensivas da Limia.
Se agora o Ministerio non declara a caducidade da DIA e permite a Naturgy executar o seu proxecto tal como se lle autorizou en 2017, estará sendo cómplice do incumprimento deliberado da Directiva Marco da Auga para beneficiar ao oligopolio eléctrico, o que podería ter consecuencias penais.
Semella que para Naturgy o da "electricidade verde" referíase a turbinar augas eutrofizadas con altos contidos de algas tóxicas para "socializar" a contaminación. Non nos sorprende. Mais, que en pleno século XXI unha administración sexa cómplice de semellantes manexos e permita sacrificar toda unha bacía fluvial a prol dos intereses da eléctrica, resulta inadmisíbel.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal