ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA insta á Xunta a facer efectiva a moratoria...

18-03-2021

ADEGA insta á Xunta a facer efectiva a moratoria do eucalipto e a recuperar a superficie ocupada ilegalmente por esta invasora

ADEGA leva tempo denunciando as numerosas plantacións ilegais que desde hai décadas proliferan por todo o territorio do pais, e vén de informar das plantacións ilegais que se están realizando nos concellos de Baralla e Castroverde, nos que, nalgúns casos, se están substituíndo pastos e masas de árbores autóctonas por eucaliptos. Aínda que o número de denuncias non para de medrar, estas son moi poucas en comparación cos numerosos casos detectados. O anuncio da moratoria por parte da Xunta de Galiza, no canto de frear as ansias eucaliptizadoras dalgúns propietarios forestais, está a alentar a proliferación de novas plantacións, legais e ilegais, mentres esta medida non teña unha aplicación efectiva.

Moratoria ficticia e "efecto rebote"

O pasado 25 de febreiro, horas despois da aprobación do novo Plan forestal galego, a Xunta de Galicia anunciou unha moratoria para novas plantacións de eucaliptos, só permitindo repoboacións en terreos nos que xa estivera presente a especie. Unha moratoria ficticia, que a día de hoxe non está a ter unha aplicación efectiva, porque carece de regulamento e de orzamento.

Porén, a moratoria anunciada polo PP está a producir un “efecto chamada ou de rebote” polo cal, segundo nos están informando numerosos particulares e asociacións, estanse intensificando e acelerando as plantacións, tanto ilegais como legais, de eucaliptos, para ocupar a máxima superficie posible con esta especie antes de que se faga efectiva a moratoria.

O aumento das plantacións de eucaliptos é evidente, sobre todo na provincia de Lugo, en zonas como a contorna da capital, a Terra Cha ou o sur da provincia, entre outras. As présas por repoboar son manifestas polo volume de traballo das empresas do sector que están traballando nas plantacións, ata de noite.

Dende ADEGA instamos á Xunta de Galiza para que faga efectiva a moratoria de xeito inmediato, a través dun decreto que prohiba taxantemente as novas plantacións de eucaliptos en todo o territorio galego; que reforce as medidas de control e vixilancia, dotando este fin de maiores recursos humanos e materiais; que estableza un réxime sancionador claro e concreto, entre outras medidas.

Unha moratoria que chega tarde

Así mesmo, desde ADEGA entendemos que a moratoria anunciada polo goberno de Núñez Feijóo chega “tarde, mal e arrastro”. Desde o movemento ecoloxista levamos máis de catro décadas denunciando a política forestal do PP e máis dunha década demandando a paralización das novas plantacións de eucalipto a través de campañas como “Stop eucalipto, avante carballo”, “Cousa de Raíces”, a ILP polo bosque galego, e agora a través da campaña “Por un monte galego con futuro”. Porén, a Xunta rexeitou todas e cada unha destas iniciativas e agora pretende presentar o anuncio desta moratoria como a vangarda dunha política forestal “sostíbel”. Ademais de que esta moratoria carece de marco xurídico e non é efectiva, chega cando a expansión do eucalipto en Galiza xa está descontrolada e ocupa preto de 600.000 Ha, é dicir, máis do duplo da superficie máxima que recollía o Plan Forestal ata agora vixente para o ano 2032. O custo ambiental, económico e social que a sociedade galega está a pagar pola demora desta moratoria é incalculábel.

Moratoria insuficiente se non se recuperan as terras ilegalmente ocupadas

Non podemos esquecer que durante todos estes anos de desleixo por parte da Xunta, proliferaron no noso territorio unha inxente cantidade de plantacións ilegais de eucalipto que incumpren claramente a Lei de Montes, a Lei de prevención de incendios e a lexislación sobre os espazos naturais protexidos. ADEGA ten unha ampla experiencia na denuncia de repoboacións ilegais con eucaliptos en  solo agrícola, en zonas ocupadas por árbores frondosas autóctonas, nas faixas das marxes de camiños e estradas ou nos espazos naturais protexidos, etc. Malia todo, a grande maioría destas denuncias son arquivadas pola Xunta sen xustificación aparente, ou simplemente se atopan co silencio administrativo. Por outra banda, en ADEGA somos coñecedores de que a administración apenas realiza denuncias de oficio, unha deixazón de funcións que podería ter consecuencias penais.

Por tanto, unha moratoria de novas plantacións non sería suficiente para restaurar ou reparar o dano exercido pola expansión descontrolada do eucalipto en Galiza. A Xunta debería promover medidas que permitisen recuperar os milleiros e milleiros de hectáreas que foron ilegalmente ocupadas por esta especie. Desde ADEGA reclamamos que a Xunta, no marco da elaboración do inventario forestal galego, dirixa tamén os seus esforzos en detectar aquela superficie ocupada ilegalmente por esta especie exótica e invasora, para proceder posteriormente á reparación do dano.

Denuncia activa de ADEGA

Ante o que aparenta ser unha nova vaga eucaliptizadora, ADEGA comprométese a seguir  en alerta e estar atenta a esta nova vaga de agresións ao territorio que supón a expansión dos eucaliptos, e multiplicará os seus esforzo para denunciar as plantacións ilegais das que teña coñecemento. Por iso animamos á cidadanía a denunciar estas situacións e/ou, en todo caso, a informar aos diferentes colectivos ecoloxistas para que estes feitos no queden impunes.

Participa con ADEGA nas concentracións do día da árbore

O vindeiro domingo, 21 de marzo, é o Día Mundial da Árbore. ADEGA e outras 50 entidades que conforman a plataforma “Por un monte galego con futuro” aproveitaremos esta data sinalada para amosar o noso rexeitamento masivo ao Plan Forestal promovido polo PP.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal