ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Esiximos á Xunta accións inmediatas para evitar a...

09-10-2020

Esiximos á Xunta accións inmediatas para evitar a degradación dos espazos queimados

As nefastas políticas forestais e para o medio rural das últimas décadas asolan o país cuns lumes que, reiteradamente, se ceban tamén cos espazos protexidos. Mais isto non é casualidade, senón froito da falta de planificación e amparo dos mesmos.            

O impacto dos incendios é insoportable e as perdas son incalculables. Mais a destrución non queda só no material, xa que o desastre ambiental é de gran magnitude e de moi difícil recuperación. A perda de biodiversidade, os danos a fauna e flora e, especialmente, a afectación do solo, precisan plans de recuperación específicos a longo prazo, pero estes deben comezar nas horas inmediatas á extinción do lume mediante as tarefas de protección, restauración e rexeneración.

Hai innumerables documentos e informes internacionais que apoian esta tese e suficiente lexislación que ampara e obriga de realizar estes labores, mais a Xunta de Galicia continúa na inopia, ano tras ano, sen establecer unha planificación clara ao respecto e sen executar os traballos que corresponden. Quedando estas tarefas en mans do voluntariado que fai un esforzo inmenso, mais insuficiente, por atallar o problema.

É por iso que as entidades asinantes presentamos un escrito de demandas ante a Consellería do Medio Rural e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para que aproben medidas inmediatas, tal e como recolle a lexislación na materia, dotando do orzamento necesario para realizar os traballos imprescindibles que eviten a erosión, a contaminación dos ecosistemas fluviais e a restauración hidrolóxico-forestal dos montes afectados, de xeito inmediato.

Asina pola demisión do director xeral de Montes

Recordamos que, por todos os motivos expresados en diferentes comunicados e escritos dirixidos á administración e goberno de Galiza, tras a vaga de lumes de 2020, hai aberta unha campaña para esixir a dimisión do Director Xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, en http://chng.it/qfcCHPDX

Entidades asinantes

  • Amigas das Árbores
  • Amigos da Terra
  • Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA)
  • Asociación Galega de Apicultura (AGA)
  • Asociación Frouma
  • Asociación Montes da Galiza (MONTEGAL)
  • Confederación Intersindical Galega (CIG)
  • Federación Rural Galega (FRUGA)
  • Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM)
  • Sindicato Labrego Galego (SLG)

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal