XORNADA APÍCOLA EN LUGO
Día 4 de maio de 2012, ás 19 horas
Lugar: Salón de actos da Deputación Provincial.
A apicultura, unha actividade multifuncional
PRESENTACIÓN
Desde a súa fundación, ano 1980, A Asociación Galega de Apicultura AGA desenvolveu e participou nunha serie de actividades que modernizaron a nosa apicultura procurando satisfacer os intereses tanto dos abelleiros afeccionados coma daqueles que teñen ánimo de lucro con esta actividade, respectando sempre a natureza e comportamento das nosas amigas e imprescendibles abellas, desenvolvendo darredor delas unha actividade sustentable e da máis grande importancia ecolóxica.
A innovación, o coidado e o desenvolvemento de novos produtos apícolas foi outra constante que desde AGA se tivo sempre presente co ánimo de satisfacer aos consumidores máis esixentes que buscan a calidade na súa alimentación e aprecian os beneficios terapéuticos destes produtos.
Na actualidade AGA está centrada na exploración de todos os campos que conforman este variado e complexo mundo apícola. Baixo a denominación de “a apicultura, unha actividade multifuncional” estamos situando as abellas e os abelleiros no centro da conservación da biodiversidade,e da produción de alimentos debido ao efecto polinizador das nosas abellas.
Poderíamos traer mel de lugares moi afastados daquí, pero non poderíamos importar a polinización da flora silvestre nin das plantas cultivadas, polo tanto de non existir as abellas nos nosos campos, a biodiversidade, a paisaxe e a gastronomía non tería nada que ver co que temos. Poderíamos pois, importar o mel, pero endexamais a polinización imprescindible.
Según datos do parlamento europeo, o 80% das plantas con flores e o 84% das plantas cultivadas son polinizadas polas abellas, e tamén que o 76% da nosa alimentación depende da presenza das abellas nos nosos campos.
Para que a nosa actividade teña éxito é fundamental que a nosa agricultura tamén sexa unha actividade sostible e respectuosa co medio ambiente. Unha nova agricultura libre de agrotóxicos e transxénicos é necesaria para que as nosas abellas continúen a prestar un servicio público gratuíto e dun incalculable valor, esta será sempre unha demanda de AGA.
Unha apicultura multifuncional, representa unha produción apícola pero, sobre todo, representa biodiversidade e produción de alimentos en xeral, esta é a mensaxe que lles queremos transmitir con esta xornada apícola.
Presenta: Abel Yáñez Arnesto, presidente de honra de AGA
-A apicultura, unha actividade necesaria para a vida na terra, por Xesús Feás, investigador Parga Pondal.
-Pon unha colmea na túa horta, por Suso Asorey, secretário técnico de AGA.
-Apicultura tradicional en Galicia, por Ernesto Díaz, técnico de La Jurbial Servizos Ambientais.
- A Vespa velutina, grande avéspora asiática.un peligro para as nosas abellas, por Gonzalo Calvo, veterinario de AGA.
-Etiquetado do mel de produción primaria, por Marcos Varela, técnico de AGA.
- Apicultura en Etiopía, por Ovidio Fernández, director de documentais
Para máis información:
Suso Asorey
Tel: 630069635
Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
|