ADEGA

Inicio / Axenda / Educación ambiental / Noites dos Morcegos

Do 06-07-2022 ao 13-07-2022

Noites dos Morcegos

Estas sesións teñen por finalidade difundir e sensibilizar a sociedade sobre a importancia ecolóxica dos morcegos e realízanse en máis de trinta países de toda Europa a través do proxecto EuroBats (www.eurobats.org) que cumpriu 30 anos no 2021.
Os morcegos achegan grandes beneficios aos seres humanos como son a regulación da poboación de insectos (entre eles moitas especies praga) e son excelentes bioindicadores de diferentes tipos de ecosistemas, como no caso dos bosques de ribeira. Estudando as súas poboacións podemos detectar cambios na calidade ecolóxica da auga e tamén dos bosques de ribeira.

Quiroríos e ciencia cidadá

A primeira das sesións terá lugar o vindeiro luns 11 de xullo en Monforte de Lemos, e a segunda desenvolverase o martes 12 de xullo en Montederramo. En horario de tarde-noite, ambas as dúas xornadas realizarase unha formación teórico-práctica sobre o programa de ciencia cidadá “Quiroríos” que en Galiza coordinan o grupo GEAS e ADEGA. Quiroríos é un protocolo para o seguimento dos morcegos nos cursos fluviais como indicadores da calidade da auga e dos bosques de ribeira, aberto a calquera persoa que queira participar, pois non hai que ser unha persoa experta para facelo.
Dende o Proxecto Ríos de ADEGA ofrecemos ao voluntariado ambiental a oportunidade de participar na mostraxe dos quirópteros da man de persoal experimentado. No desenvolvemento das dúas noites de morcegos, contaremos coa colaboración de Xosé Pardavila de Sorex, investigador e especialista na xestión de fauna salvaxe. A actividade conta co financiamento da Confederación Hidrográfica do Miño Sil. A inscrición é gratuíta e as praças son limitadas para cada sesión formativa.

Para participar é preciso inscribirse enviando a Ficha de Inscrición a: ramses@adega.gal
Ou chamar ao 616 238 050

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal