Radio CERNA

Radio CERNA

Buscador

Formulario de busca

10/02/2023   [00:10:00]   [6.23 MB]

Boletín informativo ambiental 10/02/23

A sentenza do Tribunal Supremo autorizando a ENCE permanecer por outros 60 anos na Ría de Pontevedra cae como xerra de auga fría na cidade do Lérez e no resto do país. As reaccións negativas sucédense por parte das entidades ecoloxistas APDR, ADEGA e outras, así como parte do concello e de Greenpeace, entidades recorrentes. Doutra banda, a pasteira e a Xunta celebran con xúbilo a decisión do Tribunal. Mala nova para a defensa da terra e do monte, condenado a seguir sufrindo por décadas a lacra do eucalipto. A outra ameaza dos montes, a invasión eólica, segue o seu camiño. Porén, comeza a configurarse outro modelo enerxético alternativo ao actualmente imposto polo oligopolio a través da celebración das Xornadas "Temos Alternativa" da Coordinadora Eólica ASí Non. Unhas xornadas que resultaron moi exitosas e que dan pulo ao deseño da alternativa enerxética por parte do pobo galego. Coñece as novas ambientais da semana neste espazo de Radio Cerna...

03/02/2023   [00:10:00]   [6.55 MB]

Boletín informativo ambiental 03/02/23

Tras aprobación en bloque de 77 declaracións de impacto ambiental favorables de proxectos eólicos pola Xunta a pasada semana, comezan a aparecer novas autorizacións destes proxectos industriais no rural galego. ADEGA chama a atención sobre a situacion do parque eólico de O Picato, o primeiro de Lugo, situado nunha zona de protección da avifauna e a poucos metros de dous Patrimonios da Humanidade, a Muralla de Lugo e o Camiño de Santiago. Esta fin de semana, a Coordinadora Eólica Así Non convida á construción colectiva dun modelo enerxético alternativo no Pazo de Cultura de Pontevedra. E no día mundial das zonas húmidas toca volver tirar das orellas á Xunta, que leva máis de 15 anos esquecéndose de protexer estes valiosos ecosistemas naturais, e de novo salta a alarma sobre as bombas biolóxicas das granxas de visón. Desta volta, como transmisoras da gripe aviar. Todas estas novas e máis, en Radio Cerna!

27/01/2023   [00:10:00]   [6.93 MB]

Boletín informativo ambiental 27/01/23

Enxurrada de declaracións de impacto ambiental favorábeis para parques eólicos nesta semana, ante a data límite establecida polo Ministerio ás promotoar para acadar o permiso ambiental se non querían perder o permiso de acceso á rede eléctrica. De 140 macroproxectos eólicos, 120 obtiveron declaración ambiental, e destas 77 foron favorábeis. O territorio galego entregado ás multinacionais da enerxía, á costa de recurtar dereitos democráticos e minimizar as garantías ambientais, á vez que se impón unha elevada inseguridade xurídica. Mentres a conselleira de Medio Ambiente e o conselleiro de Industria se gaban dos logros acadados, os colectivos sociais e ecoloxistas xa se preparan para a contenda xudicial e para mobilizarse nas rúas. Máis novidades, se premes para escoitar!

13/01/2023   [00:10:00]   [13.05 MB]

Boletín informativo ambiental 13/01/23

ADEGA fai balanzo do ano 2022 e vaticina un 203 moi duro na defensa do medio ambiente galego fronte a invasión eólica, tanto por terra como por mar. A coordinadora Eólica Así Non convoca á sociedade galega ás xornadas "Temos Alternativa" para construír colectivamente un modelo enerxético alternativo fronte o modelo eólico actual, depredador co territorio e abusivo coas persoas. E, nesta semana, a defensa do mundo animal faise de novo patente por mor do uso de dromedarios vivos nas cabalgatas de Reis galegas ou pola negativa da Xunta de ingresar máis de 4 millóns de euros para preservación do lobo e pago de indemnizacións por danos, ao non aceptar a estratexia de conservación do goberno estatal desta especie emblemática. Tamén o sector da agroecoloxía está en pé de guerra... Se queres saber por que, escoita Radio Cerna!

30/12/2022   [00:10:00]   [6.57 MB]

Boletín informativo ambiental 30/12/22

Escoita o último boletín deste ano 2022 de Radio Cerna! O actual repaso informativo sobre o medio ambiente galego recolle a declaración da factoría de Altri como proxecto industrial estratéxico, a moratoria eólica aprobada no concello de Xinzo ou os novos datos censais do lobo en Galiza e a publicación de novos decretros sobre macrogranxas e envases de plástico. Voltamos en 2023!

23/12/2022   [00:10:00]   [6.50 MB]

Boletín informativo ambiental 23/12/22

A eólica mariña en Galiza xa xunta 9 proxectos en tramitación, dos que 5 afectan á Mariña Lucense. Na eólica en terra, a Xunta dá unha de cal e outra de area, e no Parlamento de Galiza segue esquivando ás incómodas preguntas sobre o "caso Greenalia", relativo ao perdón dos preto de 12 millóns de euros que a empresa tiña que ter depositado na facenda pública, e a denuncia de ADEGA ao respecto na Fiscalía. Mais o fito histórico da semana, protagonizouno unha imaxe: a do derrubo da torre da térmica de Meirama... 10 segundos nos que se resumiron 42 anos de loita veciñal e ecoloxista nas Encrobas e toda unha era de contaminación e degradación ambiental do país.

Radio CERNA
Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: radiocerna@adega.gal
Administración:Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal