14/10/2022 [00:10:00] [7.22 MB]
Semana chea de éxitos para o movemento ecoloxista! ADEGA, SGO e FOP conseguen tumbar definitivamente o parque eólico Serra do Iribio nos tribunais. O Supremo avala o fallo do TSXG que anulara a autorización da Xunta por dar por válida unha avaliación ambiental obsoleta, de 2005, e estar dentro dun espazo de Rede Natura 2000, onde hoxe se prohíben parques eólicos. Por outra banda, a Fiscalía abre dilixencia de investigación pola actuación da Xunta na vaga de incendios do pasado verán, tras acoller a denuncia dos colectivos conformados na Plataforma Por un Monte Galego con Futuro. Os montes veciñais tamén se reivindican este sábado! Escoita Radio Cerna!
30/09/2022 [00:10:00] [7.46 MB]
A Xunta ofrece por primeira vez datos sobre a superficie queimada de espazos protexidos na vaga incendiaria do pasado verán. As cifras son sorprendentes! ADEGA advirte dun outono duro para as aves mariñas, e mesmo para as domésticas, se non se fai nada para frear o andazo da gripe aviaria e o presidente Rueda anuncia unha planta de biogás para xeración de enerxía a prol de Reganosa, Repsol e Naturgy. Se queres saber máis, preme e escoita!
23/09/2022 [00:10:00] [7.24 MB]
A actualidade ambiental desta semana ten que ver coa balsa de lodos de Alcoa, os lumes en Rede Natura, novos gromos de botulismo nas aves acuáticas e o recurso no Supreno ao Plan Nacional de Enerxía do Estado español. Para coñecer os detalles, escoita Radio Cerna!
16/09/2022 [00:10:00] [6.88 MB]
Adíase o fallo do Supremo sobre ENCE, aparece un novo gromo de botulismo no encoro de Vilagudín, e segue a afronta veciñal contra os megaproxectos eólicos e as centrais hidroeléctricas de bombeo que ameazan espazos de elevado valor ambiental. Retomamos o pulso informativo ambiental do país co boletín de novas de Radio Cerna!
12/08/2022 [00:10:00] [6.92 MB]
Nesta semana os lumes forestais volveron repuntar no país, nomeadamente na provincia de Ourense, no Macizo Central e en dirección ao Teixadal de Casaio! O presidente da Xunta anuncia un cambio no modelo de extinción á vista das dificultades coas que se atopa para frear o avance das chamas... Galiza volve estar á cabeza da produción eléctrica renovable no conxunto do Estado durante o primeiro cuadrimestre, segundo datos de REE, no que exportou máis do 32% da enerxía producida. Mentres seguen saíndo a exposición pública numerosos proxectos eólicos, e autorízase o PE Farrapa II en Pastoriza e Abadín. Tamén xorden novos proxectos de centrais de bombeo, desta volta en Mazaricos, no río Xallas, promovido pola empresa Xeal. A veciñanza crítica co proxecto vén de constituír a plataforma Salvemos A Ruña, monte onde pretende colocarse a balsa de bombeo. Radio Cerna regrasará ás ondas e á túa emisora local no mes de setembro. Feliz verán!
05/08/2022 [00:10:00] [6.88 MB]
Tras un breve descanso estival, voltamos a darche conta da actualidade ambiental galega. Galiza vive unha nova vaga incendiaria que está a afectar especialmente á provincia de Ourense. Arestora o lume de maior envergadura en superficie está a ser o de Verín, pero tamén está a asolar a Maceda, Arbo, Pereiro ou Calvos de Randín... No Courel reactívanse os lumes! Neste espazo tamén falaremos da seca, de Altri e de novos proxectos eólicos proxectados nas montañas orientais de Lugo...