02/12/2022 [00:10:00] [7.24 MB]
Pronto finaliza o ano e toca facer balanzo. A Xunta dá conta dos proxectos eólicos autorizados, informados afvorablemente ou rexeitados neste 2022. E ADEGA denúnciaa por presunta prevaricación e malversación de fondos, ao eximir a Greenalia de pagar case 12.000.000 de euros á facenda pública e de executar o plan industrial comprometido no concurso eólico de 2010. Este feito desata dúbidas sobre a legalidade na tramitación dos plans industriais asociados a proxectos eólicos que obtiveron adxudicacións de potencia no concurso de Núñez Feijóo. Os pasos adiante da fábrica de téxtiles de Altri, a xudicialización da mina de Touro ou a posición europea con repecto á protección do lobo son outras das novas que nos deixa a actualidade medioambiental da última semana.
18/11/2022 [00:10:00] [6.95 MB]
A Xunta informa favorablemente a 13 proxectos eólicos de máis de 50MW que incumpren o Plan Eólico de Galiza e que están a ser tramitados polo Ministerio de Transición Ecolóxica. Cambia así de criterio, xa que na súa maioría foran informados negativamente por parte do goberno galego hai meses. Rueda xustifica esta viraxe en que agora estes proxectos servirán para abastecer de enerxía, total ou parcialmente, a industrias como Alcoa (na mariña luguesa), Sentury (na contorna das Pontes) e Showa Denko, na Coruña. As grandes beneficiadas por esta excepcionalidade do goberno popular, Greenalia e Enel Green Power. Por outra banda, Alcoa pretende volver a usar fuel para a produción de alúmina e demanda novas excepcionalidades á Xunta con respecto aos límites de emisións contaminantes. Atoparás máis novas da actualidade ambiental neste novo capítulo de Radio Cerna!
11/11/2022 [00:10:00] [7.12 MB]
Numerosos actos se desenvolven estes días en Galiza na memoria da peor catástrofe ambiental da nosa historia: o Prestige. ADEGA fai avaliación da actualidade logo de 20 anos desde a marea negra e outras voces, como a plataforma Nunca Máis, álzanse contra a impunidade e alertan do perigo obvio de que se repita un desastre similar. No ámbito da eólica Xunta e goberno do Estado achegan posturas e prometen coordinarse para facilitar a autorización de novos parques eólicos en Galiza, en terra e en mar, pero sobre todo para favorecer industrias como a futurible fábrica de celulosas Altri ou Alcoa. Paralelamente, seguen caendo proxectos, desta volta o PE O Merendón, na Serra da Groba. A seca e o cumio sobre o cambio climático están tamén entre as novas ambientais de actualidade desta semana.
04/11/2022 [00:10:00] [6.54 MB]
A campaña de recadación solidaria "Ti podes paralos" consegue finalmente o seu reto, paralizar cautelarmente os proxectos eólicos Campelo e Bustelo de Greenalia, na área localizada arredor da Lagoa de Alcaián. En tan só 7 días acadáronse os 20.000 euros de aval que impuxo o TSXG para efectivizar tales paralizacións, constituíndo as primeiras da historia que se efectuan grazas á vontade popular e sen que as obras dos proxectos tivesen iniciado. No eido enerxético, abordamos máis cuestións de actualidade, como a volta á produción da térmica das Pontes ou un suposto novo fraude de Iberdrola para lucrarse co prezo da luz. Escoita Radio Cerna!
28/10/2022 [00:10:00] [6.34 MB]
A campaña "Ti podes paralos!" consegue facer efectiva a paralización cautelar do proxecto eólico Campelo de Greenalia, e está a piques de conquerir a paralización cautelar efectiva do proxecto eólico Bustelo. A sociedade vólcase con ADEGA na consecución do importe requirido polo TSXG como aval para facer realidade estas dúas suspensións cautelares destes proxectos fragmentados artificiosamente, segundo os ecoloxistas. E na previa do Cumio do Clima, os datos amosan unha situación moi preocupante. Os niveis de metano na atmosfera soben estrepitosamente. Preme para escoitar os detalles!
21/10/2022 [00:10:00] [7.12 MB]
As últimas semanas están deixando unha colleita favorable de sentenzas e autos dos tribunais que deixan en evidencia a fallida política eólica da Xunta de Galiza. ADEGA, xunto con outras entidades, vén de acadar en tan só quince días 3 resolucións xudiciais favorables fronte a invasión eólica: a anulación definitiva do PE Serra do Iribio, en Samos e Triacastela, e a paralización cautelar dos proxectos eólicos Campelo e Bustelo de Greenalia, nos concellos de Santa Comba, Coristanco e Carballo. Porén, vese obrigada a depositar antes do 1 de novembro para facer efectiva as dúas paralizacións cautelares mencionadas, para o cal lanza a campaña https://tipodesparalos.adega.gal Esta e outras novas da semana en #RadioCerna.