ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Roteiro, cadea ciclista e palestras virtuais na...

01-06-2020

Roteiro, cadea ciclista e palestras virtuais na Semana do Medio Ambiente con ADEGA

O vindeiro venres, 5 de xuño, celébrase o Día mundial do medio ambiente, establecido pola Organización das Nacións Unidas (ONU) para conmemorar a data da Conferencia de Estocolmo sobre Medio Ambiente de 1972 e para sensibilizar as persoas e aos organismos políticos sobre o coidado de medio ambiente. Desta volta, a ONU dedica o Día do Medio Ambiente a facer un chamado de atención sobre a necesidade de reaccionar xa, de decatarnos que o noso coidado depende inevitablemente do coidado da Natureza. Baixo o lema “A hora da Natureza”, a ONU deixa claro que non podemos demorar máis as políticas e as accións ou medidas que protexan ao Medio Ambiente e que, por tanto, garantan a nosa supervivencia como especie, pois non sobreviviríamos sen os servizos que a contorna nos proporciona. Unha mensaxe que agora, se cabe, percibimos máis clara que nunca.

Para unirnos a este chamado e espallar a mensaxe que nos envía a Natureza, ADEGA lanza unha campaña de acción para as redes sociais e organiza varias actividades e palestras para o propio Día do Medio Ambiente e tamén coincidindo co Día Mundial da Bicicleta, que se celebra esta semana.

Únete á iniciativa #HoraDaNaturezaADEGA

ADEGA anima aos galegos e galegas a que, durante toda esta semana do Medio Ambiente, do 1 ao 5 de xuño, compartan a través das súas redes sociais fotografías ou imaxes que ilustren aquelas accións, medidas ou actitudes de cambio a prol da saúde da Natureza que como persoas e como sociedade debemos aplicar e demandar desde xa, sen demora. O obxectivo é contribuír de forma individual e colectiva á divulgación da mensaxe que nos envía a Natureza, reforzar a conciencia colectiva de que sen a Natureza non hai saída, e sinalar a través de multitude de exemplos gráficos cal é a dirección que debemos tomar nos diferentes ámbitos nos que nos desenvolvemos.

As imaxes compartidas nas redes sociais terán que ir acompañadas polo lema a completar “É hora de...” e polo cancelo da campaña #HoraDaNaturezaADEGA.

Aquí, algúns dos lemas que ADEGA che propón para acompañar as túas imaxes:

  • É hora de abandonar o carbón
  • É hora das cidades para os peóns
  • É hora de rehabilitar vivendas fronte as novas construcións
  • É hora de liberar o litoral de industrias contaminantes
  • É hora da soberanía alimentaria e do comercio de proximidade
  • É hora de valorar e coidar a biodiversidade
  • É hora de promover as especies forestais autóctonas
  • É hora de prohibir a comercialización das especies exóticas invasoras
  • É hora de aforrar auga
  • É hora da compostaxe
  • É hora da Educación Ambiental
  • Etc.

Día da Bicicleta, un ingrediente de cambio necesario

Nesta semana do Medio Ambiente tamén ten lugar o Día Mundial da Bicicleta. Co gallo da súa celebración, o vindeiro 3 de xuño, ADEGA-Vigo, xunto con outras organizacións ecoloxistas e probicicleta, organiza en Vigo unha cadea ciclista para amosar que a bicicleta é parte da solución.  A bicicleta é unha grande aliada do Medio Ambiente e, particularmente, contra a Covid-19. Esta actividade encádrase dentro dunha acción promovida por ConBici que vai ter lugar simultaneamente en moitas cidades do estado ás 20:30h da tarde.

Roteiro e palestras virtuais no Día do Medio Ambiente

O mesmo Día do Medio Ambiente, o venres 5 de xuño, pola mañá, ADEGA-Coruña realizará un pequeno roteiro interpretativo polo proxecto de custodia do territorio no Monte da Fraga. Este terreo forma parte da universidade da Coruña no que se está a transformar un eucaliptal nun espazo con flora autóctona e creación dunha charca. O grupo non excederá das 10 persoa e a actividade terá unha duración de 2 horas.

Pola tarde dese mesmo día realizaranse unha palestra e unha mesa redonda virtuais, que ADEGA emitirá en directo a través da súa canle de Youtube. A palestra virtual será impartida polo biólogo e naturalista, Cosme Damián Romay Cousido, na que analizará o impacto da COVID-19 na biodiversidade, e se a crise sanitaria influíu dalgún xeito na concepción dunha correcta xestión da diversidade biolóxica. A súa palestra será emitida en directo por Youtube e a páxina web de ADEGA, desde as 18:30 horas.

Posteriormente, ás 20:15 horas, ADEGA tamén ofrece en directo por Youtube e a súa páxina web a mesa redonda titulada “É hora da biodiversidade, da enerxía renovable e da soberanía alimentaria”, na que participarán representantes de varios colectivos sociais e ecoloxistas. O secretario técnico de ADEGA, Fins Eirexas, abordará cales son os desafíos presentes e futuros no eido da conservación da biodiversidade, esencial para protexernos de futuras pandemias. Sobre o reto da descarbonización e a implantación da enerxía renovable, falará Jessica Rey, en representación da Asociación Salvemos a Comarca de Ordes, afectada por varios proxectos eólicos. Rey fará unha análise do modelo de implantación e desenvolvemento da enerxía eólica en Galiza e sobre os condicionantes que este modelo debera ter en conta. Pola súa banda, Sonia Paderne, integrante da cooperativa Amarelante SGC, disertará sobre os cambios que son necesarios no ámbito da produción e do consumo de alimentos, na procura da soberanía alimentaria.

As persoas asistentes a ambos foros virtuais terán oportunidade de expresar as súas inquedanzas, dúbidas ou reflexións sobre os contidos tratados.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal