ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA reclama a aprobación inmediata do Plan de...

06-05-2020

ADEGA reclama a aprobación inmediata do Plan de recuperación do oso pardo en Galiza

O Proxecto e o bosquexo de decreto levan gardados nun caixón desde o ano 2013.


ADEGA valora como unha excelente nova a presenza de oso pardo rexistrada no Macizo Central e en pleno Parque Natural do Invernadoiro. Trátase dunha gratificante nova a constatación, mediante vídeo-gravacións, da presenza recorrente de, polo menos, un oso nesta serra durante os últimos meses, en atención ás informacións difundidas por unha empresa. ADEGA agarda agora que a Xunta confirme o alcance de toda esa información e solicita á Consellería de Medio Ambiente que verifique as imaxes e  dispoña medidas para a protección e seguimento científico da especie.

A noticia é moi relevante para a biodiversidade galega, dado que o oso é unha especie catalogada “En Perigo de Extinción”, tanto a nivel galego como estatal. Ademais aparece nunha área montañosa afastada daquelas declaradas como “área de presenza”, “área de protección prioritaria”, e incluso “área potencial” no documento previo do “Plan de recuperación do oso en Galicia”. Isto indícanos que podería ser conveniente a ampliación das zonas oseiras galegas a serras anteriormente non contempladas, tal e como no seu día xa foi alegado por ADEGA.

Evidencias que non lle deixan alternativa á Xunta

A este descubrimento hai que engadir tamén a presenza dalgún exemplar na contorna de Trevinca hai poucas semanas. Estes acontecementos poñen en evidencia, unha vez máis, a necesaria e urxente aprobación do Plan de recuperación do oso pardo en Galiza, que xa en 2013 contaba con todos os informes técnicos, científicos e administrativos, e un bosquexo de Decreto para ser aprobado. Transcorridos sete anos, e á vista das novas observacións e das efectuadas en anos anteriores en lugares fóra de lugares previamente considerados como zonas oseiras, faise urxente contar cun Plan co que iniciar a recuperación e protección da especie, do mesmo xeito que xa están facendo outras Comunidades Autónomas da Cordilleira Cantábrica e incluso nas montañas de Zamora e Norte de Portugal.

Para ADEGA a demora durante tantos anos dun Plan galego de recuperación do oso non pode escudarse no feito de non coñecer aínda as conclusións da investigación do “Proxecto Life Oso Courel”, iniciado no ano 2017, e a desenvolver ata decembro de 2020. Malia que valoramos esta iniciativa como moi favorable para afondar no coñecemento e na problemática da especie nunha serra galega, en ningún caso dito proxecto Life pode supoñer a alternativa da Xunta ao decreto de recuperación da especie. En todo caso, pode servir para completar e enriquecer as previsións de protección da especie concibidas pola Xunta, pero as normas de protección deben estar ben pautadas vía decreto e con validez legal.

Desde ADEGA reclamamos ao goberno galego que aprobe de inmediato o Decreto do Plan de Recuperación, fundamental e inescusable se existe intención real por parte da administración de recuperar a poboación de osos en Galiza. Así mesmo, agardamos que o documento inclúa as modificacións de zonificación presentadas na fase de exposición pública, e que sexa dotado de investimento nos vindeiros orzamentos autonómicos, necesario para pór en marcha múltiples medidas de conservación, de mellora de hábitats e de axudas á poboación residente que favorezan e faciliten a convivencia coa especie.

Estancias do oso cada vez máis longas en Galiza

Oso nun colmear en Lousada, no Courel, en maio 2019 (Fundación Oso Pardo)

Na actualidade, o oso pardo conta cunha poboación duns 300 exemplares na Cordilleira Cantábrica (xunto a outros 44 nos Perineos), con preto de 40 femias reprodutoras, números inimaxinables a finais dos anos noventa cando a especie estaba ao borde da desaparición, e rastro del en Galiza. Transcorridas dúas décadas a poboación recupérase a bo ritmo na Cordilleira Cantábrica,  cun investimento millonario en plans de recuperación. En Galiza, tras moitas décadas de ausencia, hai apenas un lustro que comezou a dar síntomas de re-colonización de exemplares procedentes do núcleo de expansión da poboación oseira occidental. En varias serras galegas obtivéronse indicios claros de asentamento estable, tránsito e incursións cada vez máis prolongadas de exemplares desta especie. A súa protección cobra especial relevancia agora, cando poderíamos estar asistindo ao momento no que a presenza do oso en Galiza pasa de ser esporádica a observarse rastros e contactos visuais todos os anos, incluíndo osas con cría.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal