ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Transición ecolóxica e Economía circular en Cerna...

13-04-2020

Transición ecolóxica e Economía circular en Cerna 82

ADEGA vén de publicar a edición número 82 da revista galega de ecoloxía e medio ambiente, Cerna. Un total de 15 artigos que son accesibles para o público xeral desde o portal dixital da revista http://adega.gal/revistacerna. Desta volta,  Cerna acolle varios artigos relativos á problemática do cambio climático e á transición ecolóxica, cuestións que adquiriron relevancia na axenda política e social máis recente grazas, e gran parte, á influencia de novos movementos xuvenís que tamén chegaron a Galiza. Desde Galiza, Fridays for Future, Extinction Rebellion e o Movemento Galego polo Clima estiveron presentes na COP25, descrita estas páxinas como o “Cumio da vergoña”. O peche das térmicas galegas resístese malia a ser un obxectivo anunciado para o curto prazo por Naturgy e Endesa. Administracións públicas e sindicatos pulan por manter As Pontes para afrontar as consecuencias sociais do peche, mais esquecen facer análise das consecuencias ambientais. O especialista en contaminación atmosférica, Ramón Varela, anima a facer unha retrospección histórica para ponderar con maior atino o que debe de ser unha transición xusta.

Encol da biodiversidade, e desde o eido científico, neste número analízase a riqueza biolóxica en plantas e aves nas plantacións de eucalipto por comparanza co bosque autóctono. Faise evidente, unha vez máis, como o monocultivo de eucalipto pon en perigo a preservación da biodiversidade e de servizos ecosistémicos necesarios ante un futuro incerto. Non sería de menor importancia para épocas vindeiras unha axeitada xestión da fauna salvaxe, abertamente ausente nas políticas de xestión pública da Xunta de Galiza. Así o pon de manifesto a recente declaración de “emerxencia cinexética” para o xabaril, que ademais crea riscos innecesarios para o conxunto da poboación galega.

Tamén desde o eido científico, e da man de investigadores da Universidade de Vigo, achegamos unha diagnose sobre a aplicación da economía circular no ámbito galego. E dous exemplos deste paradigma, desde a Universidade compostelá: a aplicación de lodos de depuradora na agricultura e as tecnoloxías descentralizadas para a recuperación de nutrientes das augas residuais. Completamos o número volvendo á vella reivindicación ecoloxista dun tren de proximidade galego e dunha vertebración territorial a través dos camiños de ferro, e coas seccións de Ciencia Cidadá e Fauna e Flora de Galiza.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal