ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Crónica da mesa redonda sobre a custodia urbana...

11-12-2019

Crónica da mesa redonda sobre a custodia urbana na Universidade da Coruña

Crónica da mesa redonda sobre a custodia urbana na Universidade da Coruña

O pasado mércores 27 de novembro celebramos na Universidade da Coruña (UDC) unha mesa redonda sobre as oportunidades da custodia do territorio urbano para a recuperación de espazos. Esta actividade foi organizada pola Oficina de Medio Ambiente (OMA) da UDC e a Asociación para a Defensa Ecoloxista de Galiza (ADEGA) financiado polo concello da Coruña. A OMA foi a encargada de abrir esta xornada.

A xornada comezou coa intervención de Fernando Bandín en representación de Fragas do Mandeo. Esta organización ten como  fin a preservación da biodiversidade na comarca coruñesa das Mariñas. Coa compra de parcelas e acordos de custodia cos propietarios/as búscase conservar os espazos naturais da comarca. A día de hoxe hai 268.340 m 2  custodiados por esta entidade. Non é propiamente custodia urbana mais é un proxecto moi interesante de custodia preto da universidade e do Monte da Fraga que é o espazo custodiado pola OMA, ADEGA, GN Hábitat e o concello da Coruña.

A continuación tivemos a intervención de Guillem Bagaria, técnico de proxectos da Xarxa per a la conservación de la natura, en Cataluña. Aquí a custodia do territorio xa conta cun longo percorrido, de feito hai concellos cataláns que a día de hoxe adican un 5% do recadado co IBI en proxectos de custodia e esta rede fai un traballo aglutinador entre participantes e organizacións, procura de financiamento, propietarios e entidades de custodia e administración. Hai un tecido asociativo potente e financiamento importante por banda da administración. 39.339 hectáreas de terreo están baixo a figura de custodia o que supón unha porcentaxe dun 1,2% da superficie de Cataluña, ademais o 73% do terreo custodiado está dentro da Rede Natura 2.000.En concreto dende hai un ano están a traballar nun proxecto de custodia urbana en Barcelona El Sot de Pantà de la Foixarda. Un proxecto semellante ao Monte da Fraga do cal podemos aprender e compartir experiencias. 

Despois de resolver dúbidas e de facer un descanso para coller enerxía continuamos con Cosme Damián Romay, Biólogo, investigador e activista indicounos como participar en plataformas para incrementar o coñecemento científico relacionados coa biodiversidade o que hoxe é coñecido como ciencia cidadá. Ligamos un artigo del sobre este tema para ampliar información. http://adega.gal/revistacerna/artigo.php?id=1151&idioma=gl&sec=150

A seguir, Cristina Fontán, profesora do grao de paisaxe da UDC, expuxo o traballo feito co seu alumnado sobre o valor da paisaxe no Campus, Monte da Fraga e no Castro de Elviña.  A este nivel, algunha das agresións observadas nestes traballos son por exemplo; os camiños tradicionais cortados por outras infraestruturas, o campus non ten continuidade co uso do terreo colíndante, entre outras cousas. De feito a paisaxe é un gran potencial que ten o noso Monte da Fraga e aproveitaremos sinerxías con este departamento para implicarnos no coidado e conservación do espazo dende esta óptica.

Ramses Pérez, educador ambiental de ADEGA, falounos da situación da custodia do territorio na Galiza e concretamente dos proxectos de custodia desenvoltos por esta entidade como por exemplo custodia fluvial no río Tea, en Allariz, Sobreiral do Arnego... Hoxe en día son proxectos en activo onde se teñen implicado moitas persoas nas actividades, dende identificación de fauna e flora até eliminación de flora exótica invasora. A continuación María R. Lafuente educadora ambiental de ADEGA fixo un percorrido pola historia do Monte da Fraga e as actuación realizadas como corta de eucaliptos, plantación de árbores autóctonas, construción dunha charca, unha depuradora por humidal, áreas de compostaxe, construción de caixas niño de aves e morcegos, blioblitzs, mapeado de invasoras con voluntariado, eliminación de flora exótica invasora e un longo etcétera. Aínda así fica moito traballo por facer, un dos obxectivos é implicar a comunidade universitaria neste proxecto e abrilo á cidadanía que vive no casco urbano, é un espazo no que se pode aportar a proxectos que minimizan a pegada ecolóxica da cidade da Coruña e tamén é unha estrutura verde na que se pode gozar dun paseo tranquilo, neste lugar tamén deseñamos un roteiro sinalizado que pode ser moi interesante.

Aquí vos deixamos unha ligazón ao roteiro que comeza na praza da Fraga (entre as facultades de Arquitectura e ciencias) https://basededatosmontedafraga.wordpress.com/codigos-qr-roteiro-monte-da-fraga/ un dos obxectivos é formar un grupo de persoas voluntarias estable para participar e tamén propoñer actividades e/ou proxectos, así que se estás interesada en colaborar podes contactar con nós ou coa Oficina de Medio Ambiente da UDC.

Por ultimo, Andrés Pereira, técnico do Grupo Naturalista Hábitat entidade tamén de custodia do Monte da Fraga expuxo a importancia desde tipo de actividades educativas. O traballo realizado no Monte da Fraga foi sobre todo o de elaborar un inventario de fauna e flora do Monte da Fraga, recompiláronse os inventarios feitos e datos históricos de docentes da Fac. De ciencias como Pedro Galán, Elvira Sahuquillo ou Manuel Pimentel entre outros. Fixéronse inspeccións novas con persoal experto da entidade, algunhas destas actividades foron abertas ao público.  Ademais da participación no Monte da Fraga esta entidade ten feito un gran traballo na eliminación de Carpobrotus edulis (unlla de gato) no arredor da Torre de Hércules, actividades que se están a desenvolver na actualidade.

Xa para rematar a xornada houbo un debate entre poñentes e público sobre este tema no que se resolveron cuestións e se fixeron propostas. Se queres participar ou recibir información das  voluntariado do Monte da Fraga contacta no correo marialafuente@adega.gal

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal