ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Para autorizar unha mina a Xunta ignora os seus...

05-12-2019

Para autorizar unha mina a Xunta ignora os seus propios informes e confía na palabra da empresa

En xuño pasado a Xunta emitíu DIA favorábel para a mina de ERIMSA en Mesía. Fíxoo apesar dun informe de Medio Rural que "rexeitaba o proxecto con rotundidade". Agora soubemos que MR emitíu un segundo informe favorábel no que fía todo á palabra da empresa...

Medio Rural vén de respostar a unha solicitude de ADEGA feita en xuño pasado na que solicitabamos coñecer o contido do informe, ao parecer favorábel, que esta consellaría emitíu no procedemento de avaliación ambiental da mina de seixo ERIMSA en Mesía e Frades.
No seu momento (maio de 2017) a D. X. de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentares de Medio Rural emitira un primeiro informe moi desfavorábel coa mina, que practicamente botaba o peche á iniciativa de ERIMSA. Daquela, Medio Rural chamaba a atención sobre o proxecto de restauración, que consideraba "pouco concreto", sinalando outras eivas como a acidez do solo ou as necesidades de terra vexetal. E concluía que "rexeitamos o proxecto con rotundidade, e recomendamos que non se permita a realización dos traballos referidos [a mina]."

A Xunta corríxese a si mesma: o que diga ERIMSA é o que vale

Sorprendentemente en febreiro deste ano, case dous anos despois de que Medio Rural emitira aquel informe desfavorábel, o departamento de Agricultura emitíu un segundo informe. Neste documento, dunha única páxina, a Xunta relata que tras reunirse con ERIMSA, a empresa prometeu que todo ficará "nas debidas condicións agrarias e ambientais" ao termo da explotación, polo que a Xunta xa non atopa inconvintes para continuar a tramitación da mina.

É curioso que neste segundo informe non se cuestionan nen rebatan as consideracións feitas por este mesmo departamento naquel primeiro: nada se di dos importantes efectos negativos descritos daquela sobre a produción agrogandeira da zona afectada pola mina. Semella que a Xunta fíase máis das promesas de ERIMSA que das consideracións elaboradas polos seus propios servizos técnicos.

A administración, un simples apéndice das empresas mineiras

O escandaloso proceder da administración neste caso, desdecíndose a si mesma e obviando os seus propios informes, é outro exemplo máis da absoluta submisión da Xunta ao lobby mineiro (e enerxético, acuícola...).
A D. X. de Enerxía e Minas e o seu responsábel Sr. Tahoces, semellan actuar como un "sultanato", condicionando o proceder doutros departamentos: se non informan no sentido desexado, dilátase o expediente (neste caso case 2 anos), agardando a que os informes negativos cambien o seu sentido. Resulta lamentábel que os bos profesionais que traballan en Agricultura vexan o seu traballo ninguneado e o seu labor minusvalorado, cun vergoñento informe dunha páxina no que a Xunta da por boa a palabra dunha empresa por riba do criterio do persoal técnico do departamento. O máis grave é que fican sen resolverse as graves eivas ambientais da explotación e as ameazas á produtividade agrogandeira dunha das comarcas máis produtivas de Galiza.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal