ADEGA

Inicio / Novas / Todas / CERNA 81 atende a chegada da emerxencia climática

31-10-2019

CERNA 81 atende a chegada da emerxencia climática

ADEGA vén de publicar o número 81 da revista galega de ecoloxía e medio ambiente CERNA relativa á edición de verán deste ano 2019. O tema central está enfocado na emerxencia climática e na mobilización social que milleiros de rapaces e rapazas de todo o mundo protagonizaron o pasado 27 de setembro para urxir accións fronte a mudanza do clima. Mais, os contidos de CERNA 81 tamén abordan outras problemáticas que afectan directamente á mudanza climática, como son a xestión de residuos e a perda de biodiversidade.

Destácase o caso do vertedoiro de Grixoa-Miramontes, no concello de Santiago de Compostela, como exemplo paradigmático da “solución” que propón a Administración autonómica para desfacerse dos residuos. Estes refugallos acaban en ocos das antigas canteiras que se camuflan, nalgúns casos, como fraudulentas plantas de reciclaxe.

A perda de biodiversidade tamén é un síntoma evidente do quecemento global e, afrontala supón un reto do que depende a supervivencia futura da humanidade. Hai aves que desaparecen do noso territorio rural polo abandono da actividade agropecuaria ou polo cambio nos usos das terras. CERNA publica nestas páxinas dous artigos que analizan a relación entre a evolución das poboacións de aves e a agricultura que se desenvolve en Galiza. Paralelamente, introducímonos na agroecoloxía para saber se as vacas de leite de gandaría convencional poderían reconverterse en gando ecolóxico.

O mar galego volve ser explorado pola CEMMA, desta volta a través do proxecto TurGaSur, para coñecer cal é a presenza de arroaces nas áreas mariñas protexidas como Rede Natura. Outros investigadores da USC analizan co proxecto DiadES o estado das poboación de peixes migradores no suroeste europeo, pois atópanse en declive a nivel mundial. 

Mais a ciencia non só é cousa das institucións científicas. A participación pública na investigación científica, ou ciencia cidadá, está a irromper con forza na nosa contorna mudando realidades. Nesta edición de CERNA, tamén se presenta o proxecto de custodia do monte veciñal Couto da Eirexiña, impulsado conxuntamente por ADEGA e a CMVMC de Rebordelo, e observamos os comezos de “Living River”, a iniciativa Erasmus+ que pretende intercambiar experiencias europeas na custodia de ríos e regatos.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal