ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Máis de 800 persoas participaron na VIII Limpeza...

30-10-2019

Máis de 800 persoas participaron na VIII Limpeza simultánea de praias

A oitava edición da Limpeza simultánea de praias tivo que realizarse durante dúas semanas polas malas condicións meteoroloíxcas, polo que se executou desde o 18 ata o 25 de outubro. Nesta edición colaboraron máis dunha vintena de entidades, entre centros de ensino, asociacións ecoloxistas, asociacións culturais, concellos, escolas de surf, asociación do mar e particulares, que non quixeron perder a oportunidade de axudar ao noso litoral. Cabe destacar a grande implicación dos concellos neste tipo de accións axudando ao voluntariado e facilitando a posterior recollida do lixo das praias.

Pese a que faltan datos por recoller, estimamos que en total participaron máis de 800 persoas e recolleronse máis de 876 quilogramos de lixo onde o máis abundante foi o plástico de pequeno tamaño: restos de nasas, cabichas, pauciños de limpar as orellas, etc.

ADEGA fai fincapé na importancia de realizar estas limpezas de feito manual, xa que é a única maneira de facer unha limpeza “ ecolóxica” na que se perserve a biodiversidade que hai na contorna, tendo especial coidado coa flora e fauna dos ecosistemas dunares. Con este tipo de acción preténdese dar visibilidade e xerar conciención sobre a problemática do lixo mariño na actualidade, un problema que podemos mitigar facendo pequenos cambios na nosa vida cotiá. As limpezas tamén serviron para dar a coñecer a importancia e biodiversidade e a conservación da mesma.

Dende ADEGA repartimos protocolos nas que se dan unhas pautas para realizar unha limpeza “ ecolóxica” que se pode adquirir en formato pdf na web de ADEGA ou impreso en papel nos locais da entidade.

ADEGA agradece enormemente a colaboración de todas as persoas que participaron nesta VIII Limpeza Simultánea de Praias.

O lixo mariño, un grave problema ambiental

O lixo mariño é un dos graves problemas ambientais aos que se enfronta o planeta, as principais causas son: a insostibilidade dos modelos de consumo e produción da nosa sociedade, as malas estratexias na xestión dos nosos residuos e a falta de sensibilización da poboación. Todo iso fai que cada ano 10 millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos. Moito deste lixo provén da industria do mar (pesca, extraccións...), pero unha grande parte chega a través dos ríos, debido a unha mala xestión en terra.

Estes residuos teñen graves consecuencias para a os ecosismeas mariños, máis de 1.000.000 de aves mariñas e 100.000 mamíferos e tartarugas morren cada ano enredados ou por inxesta do lixo mariño. Tamén pode afectar directamente á saúde humana, xa que moitos destes produtos conteñen substancias tóxicas, bioacumulativas e persistentes, que entran na cadea alimentaria. Por último outro dos graves problemas asociados a estes residuos, é que provocan perdas económicas importantes, debido a varios factores como son a diminución da pesca comercial, a degradación de lugares aptos para actividades recreativas e turísticas, ou o enorme investimento requerido para as limpezas de praias.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal