ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ALCOA recoñece incumprimentos dos límites de...

09-10-2019

ALCOA recoñece incumprimentos dos límites de emisión e pide á Xunta permiso para aumentar a contaminación

ALCOA presentou na Xunta a documentación para anovar a AAI (Autorización Ambiental Integrada) das súas fatorías de alúmina e aluminio en San Cibrao. Ao enorme consumo de enerxía e insumos engádense fortes emisións contaminantes que a empresa mesmo quere ampliar.

ADEGA demanda da Xunta que antepoña a saúde ambiental e cidadá e non ceda ás pretensións e ALCOA de seguir superando os límites de contaminantes.
A Xunta debería tamén esixir da empresa que os seguros de responsabilidade civil e medioambiental cubran todos os previsibles danos derivados do pior accidente posíbel, tomando como referenza os custos das recentes catástrofes industriais e mineiras.

O que ALCOA pide á Xunta: máis contaminación a cambio de postos de traballo

Polo que atinxe ás emisións á atmosfera, a empresa recoñece que nalgúns procesos (fabricación de ánodos) supera os límites de emisión para o flúor e as partículas por factores moi altos, e que noutros non efectúa controis. Porén, ALCOA pide á Xunta que lle conceda unha excepción para o cumprimento dos valores mínimos legais para que na planta de ánodos se lle autoricen emisións de flúor e partículas máis altos. A xustificación da empresa é que non lle saen as contas: adoptar milloras técnicas obrigaría a custosos investimentos e suprimir o proceso contaminante deixaría na rúa a 35 persoas. Ante esta disxuntiva, ALCOA avisa: continuar como até o de agora (“business as usual”), implicaría “el cierre de la planta de fabricación de aluminio primario, lo que supondría el despido de 580 personas”.

En cando ás verteduras ao medio acuático, a Xunta autorizoulle en 2017 elevar os valores límite de emisión do Flúor, establecidos en 8 mg/l ao mes, a máis do duplo (17) en 2018, 15 mg/l en 2019 e 10 mg/l en 2020.  A excusa foi “ejecutar el proyecto de cierre y clausura del depósito de barros rojos con seguridad, al permitir evacuar el agua sobrenandante (agua superficial) existente en el depósito minero hasta alcanzar 250.000 m3”. Como queira que non conseguíu evacuar todo o excedente de auga da balsa debido “a las intensas lluvias ocurridas en el año 2018”, a empresa pide agora elevar de novo os valores máximos de flúor nas súas verteduras até 15 mg/l en 2020 e 10 mg/l en 2022.

A balsa de lamas vermellas: unha espada de Damocles sobre a Mariña

Malia a constituir unha ameaza ambiental de primeira orde dende hai 34 anos, ALCOA menciona na súa solicitude o depósito de lamas vermellas como xustificación para pedir novas excepcións nos límites de vertidos, a respeito dun “Proyecto de Cierre y Clausura” que non consta no expediente. Da documentación pódese concluir que á balsa quédalle moi pouca vida útil: actualmente chega á cota 95m e como máximo acadará a 99m. Que vai pasar con esta instalación despois da súa clausura? Onde van ser depositadas as lamas do proceso?

Cómpre lembrar que as balsas de residuos mineiros e industriais constitúen un dos principais pasivos ambientais e sociais destes complexos: casos como os de Aznalcóllar (1998) ou o máis recente de Hungría (2010), tamén con lamas vermellas, exemplifican os altos custos (economicos, ambientais e en vidas humanas) dun eventual colapso, poucas veces asumidos polas empresas. No expediente ALCOA presenta senllas pólizas de seguros de responsabilidade civil e medioambiental por 4,5 e 5,7 millóns de € respeitivamente, que por certo caducaron a 30 de xuño deste ano. Só lembrar que as perdas derivadas do accidente de Hungría foron estimadas polo goberno húngaro en 200 millóns de €, alén de 10 persoas mortas e 125 feridas.

A Xunta debe antepoñer a saúde ambiental e cidadá ás pretensións de ALCOA

Emisións á atmosfera: A administración autónoma debería esixir a ALCOA que realice controis e subministre información para os contaminantes xerados en todos os seus procesos, tal como obriga a lexislación vixente. E naquelas operacións nas que se rexistran superacións dos límites legais, especialmente no caso das partículas e compostos fluorados, a Xunta debería obrigar a cumprilos sen máis “excepcións”. O uso das mellores técnicas para conquerir axustarse aos valores límites de emisión é unha obriga legal, non unha opción. Resulta obsceno que unha empresa que recoñece ter contaminado máis do legalmente autorizado durante anos, pretenda utilizar agora os postos de traballo como excusa para non asumir as súas obrigas ambientais e solicitar medidas de graza á administración.

Verteduras ao medio acuático:
A Xunta non debería autorizar novas elevacións de contaminantes (nomeadamente flúor), nas verteduras ao medio acuático. ALCOA debería cumprir con valores límite legais, achegando máis recursos ou construindo novas instalacións ou sistemas máis eficientes de depuración. Estas condicións deben cumprirse para todos os parámetros e fontes contaminantes e sen cambadelas: a Xunta non non se deberían admitir elevar os límites dalgúns contaminantes a cambio de “rebaixas” noutros, como propón ALCOA. A saúde do ambiente e da cidadanía non se debería relear!

Balsa de lamas vermellas:
ADEGA demanda que a Xunta non ceda á proposta da empresa de máis excepcións para superar os limites de vertido através do emisario, en especial nas augas procedentes da balsa, vencelladas ao cumprimento dun suposto proxecto de peche e clausura. Sobre o tal proxecto, ausente do expediente, a Xunta debería obrigar á empresa a realizar unha completa drenaxe, inertización, estabilización e selado do depósito de lamas vermellas, incluindo o dique frontal, así como a garantir un axeitado mantemento e control post-clausura, mediante a constitución das debidas garantías financeiras.
Consideramos manifestamente insuficientes as cantidades contratadas por ALCOA para cubrir eventuais accidentes e danos ao medio ambiente. A Xunta debería esixir a subscrición dos correspondentes seguros de responsabilidade civil e medioambiental de xeito que ficaran cubertos todos os previsibles danos derivados do pior accidente posíbel, tomando como referenza os custos provocados por recentes catástrofes industriais e mineiras en instalacións similares.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal