ADEGA

Inicio / Novas / Todas / A "emerxencia cinexética" declarada pola Xunta...

01-10-2019

A "emerxencia cinexética" declarada pola Xunta pon en elevado risco a seguridade das persoas

A Xunta vén de anunciar unha serie de medidas incomprensibles e de moi difícil control na práctica para reducir o tamaño da poboación de xabaril sen límite de cupo e a diario ata o 29 de febreiro de 2020, en 33 concellos galegos. Así mesmo, permitirase aos propietarios dos terreos afectados por danos do xabaril a realizar, persoalmente ou mediante terceiros, agardas ou esperas, e a captura dos animais mediante o emprego de gaiolas. Desde ADEGA consideramos dunha extrema irresponsabilidade as medidas que a Consellaría de Medio Ambiente vén de lanzar para diminuír o tamaño  das poboacións de xabaril, xa que constitúen un auténtico risco para a seguridade das persoas que habiten ou circulen polos montes destes 33 municipios (algúns deles bastante poboados) e que ademais está prohibidas parte delas.

Un risco inasumible para a seguridade das persoas

A declaración dunha situación excepcional que permita unha presencia intensa de armas de caza no monte sen ningún tipo de limitación pode acabar con accidentes certamente lamentables. Cazar todos os días ata o 20 de febreiro, sumando os días hábiles (xoves e domingo), cos luns, martes, mércores, venres  e sábados, ou de noite, e que agricultores poidan realizar esperas pola súa conta (aínda que sexa asistidos e con permiso) son actividades puramente cinexéticas, que na práctica non son controlables, por moito que se someta a previas autorizacións. No monte galego sempre hai xente, profesionais forestais, madeireiros, gandeiros, camiñantes, recolectores de cogomelos e deportistas, ou mesmo propietarios. Neste país non hai costume de que se cace fóra dos días hábiles, e iso quen anda no monte sábeo, e moitos poderán ser alleos a unha actividade de “escopetas libres” facendo esperas. 

Por outra parte, unha espera non é como unha batida, que adoita contar cun despregue de moitas persoas e estar sinalizada e advertidos os transeúntes. As esperas ou agardas son “silenciosas”, poden pasar totalmente inadvertidas, e a visibilidade  desde o posto de tiro non ten porque ser completa, e máis se é de noite. O feito de que poidan ser efectuadas directamente polos agricultores ou propietarios, fóra da propia actividade cinexética, multiplica considerablemente o risco da seguridade das persoas. Preguntámonos, ademais, quen respondería do seguro no caso de que resulte un sinistro de tráfico nunha acción de caza orixinada por un destes agricultores e que fose unha acción de caza propiamente dita. Simplemente é unha temeridade que,  de consumarse, é mellor non saír ao monte. E, no caso das gaiolas, deberían estar xestionadas exclusivamente por persoal cualificado.

O emprego de visores ópticos nocturnos de fontes luminosas está prohibido

Sobre a “emerxencia cinexética”, non nos consta que se teña declarada antes na Galiza unha situación deste cariz, certo que a disposición adicional primeira do Regulamento de Caza (Decreto 284/2001), recolle esta posibilidade. Máis tamén a súa declaración responde a que fique acreditada a existencia dunha situación especialmente perigosa, así como ter acreditado o tamaño da poboación.

No primeiro caso, se ben a ameaza de que puidese chegar a peste porcina está presente, non vai ser controlada con estas medidas, as cales poderían agravar aínda máis o risco, pois estaríanse a mover pezas abatidas de xabaril sen ningún tipo de control. Desde ADEGA consideramos que o urxente, neste caso, sería aprobar un protocolo serio de bioseguridade.

Tampouco semella responsable adoptar medidas deste calado mentres non se teña realizada unha estimación do tamaño da poboación con criterios obxectivos, e iso é empregar metodoloxía técnica e científica de censos da especie, e mentres non se teña elaborado un Plan de xestión do xabaril para determinar cal é o estado real e a composición de tamaño da poboación. Os avisos por danos ou motivacións alleas a criterios técnicos non poden ser a base sobre a que a Xunta sustente unha “emerxencia cinexética”, polo que lle pedimos á Administración que reconsidere tal declaración e promova unha planificación da xestión da especie fundamentada en datos obxectivos sobre o estado da poboación do xabaril en Galiza.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal