ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA Vigo oponse á reordenación viaria para a...

04-08-2019

ADEGA Vigo oponse á reordenación viaria para a terminal de contedores de Rande

ADEGA Vigo vén de presentar ante o Ministerio para a Transición Ecolóxica as achegas correspondentes á consulta pública do Documento de Avaliación do Impacto Ambiental Simplificada do proxecto de “Reordenación do acceso á zona portuaria de Rande desde a N-552”.

Este proxecto ten a finalidade de reordenar as vías de acceso ás instalacións portuarias das parcelas de Duchess en Rande, pertencentes ao Porto de Vigo e localizadas no concello de Redondela. A día de hoxe, estas instalacións presentan unha actividade case nula, mais xogan un importante papel dentro do “Plan Estratéxico 2018-2028” desenvolto pola Autoridade Portuaria de Vigo (APV).

Accesos para a nova terminal de contedores do Porto de Vigo

No seu “Plan Estratéxico 2018-2028”, o Porto de Vigo establece a intención de unir os tres peiraos localizados na zona de Rande (peirao de Duchess, de Viera e do Granito), co fin de posibilitar a interconexión entre eles e compoñer así unha única zona portuaria. Esta nova zona constituiría a nova Terminal 3 do Porto de Vigo, destinada a mercancía xeral, a almacén de depósitos e ao sector dos frigoríficos. E para isto, o plan estratéxico establece que o inicio para a “optimización” destes terreos portuarios comeza cunha reordenación de acceso aos mesmos para así facilitar o tránsito de camións e outros vehículos.

Polo tanto, este proxecto de obra de “ordenación” non é máis que unha infraestrutura de partida para materializar a creación da nova Terminal 3 de contedores do Porto de Vigo. Esta actuación está acompañada doutros movementos realizados pola APV nos últimos meses, como é a compra do acceso do peirao do Granito por 2 millóns de euros a comezos deste ano, peirao cuxa concesión remata a finais do ano 2019 pasando a súa xestión á autoridade portuaria. Así, a nova terminal proxectada contaría con dúas vías de acceso no seus extremos (Duchess e Granito) cuxa finalidade é a de aumentar o acceso e o volume de tráfico para esta futura infraestrutura.

Afección á Rede Natura 2000

A nova Terminal 3 proxectada pola APV emprázase dentro da enseada de San Simón, espazo natural de 2.218 ha incluído na Rede Natural 2000 baixo a clasificación de Zona de Especial Conservación (ZEC) e declarada como Zona De Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN). A figura de Rede Natura aparece regulada pola Directiva Hábitats e a súa finalidade é a conservación dos hábitats naturais e da fauna e da flora silvestre co fin de salvagardar os espazos naturais máis importante de Europa.

Os principais hábitats presentes na enseada de San Simón son as superficies intermareais lamacentas e/ou areentas que inclúen comunidades de pradeiras de algas fanerógamas de Zosteretum marinae y Zosteretum noltii, especies de grande importancia que actúan de hábitat para outras numerosas especies. Ademais, a enseada de San Simón conta cunha poboación invernante dunhas 3500 anátidas e están presentes numerosas aves limícolas durante os pasos migratorios. Polo tanto, a nova terminal tería efectos negativos sobre a flora e fauna deste espazo protexido que non se está a ter en conta na avaliación ambiental simplificada presentada en relación á finalidade última do proxecto: a creación da nova Terminal 3 do Porto de Vigo.

A incompatibilidades de usos da Terminal 3

A realización da futura Terminal 3 de Rande entra en conflito e vulnera o actual  planeamiento urbanístico do Concello de Redondela, onde as Normas Subsidiarias de 1988 vixentes establecen dous posibles usos para o terreo afectado. O primeiro uso estaría relacionado coa categoría de solo industrial de Grado III, compatible con áreas residenciais e con actividades con escaso nivel de contaminación acústica, de fumes, de gases e/ou verteduras, no cal non se incluiría a infraestrutura en cuestión. A segunda opción é a creación do “Itinerario Paisaxístico” co fin de preservar a paisaxe litoral como un valor natural e cultural, ademais de favorecer a mobilidade sostible do concello e integrar a beira costeira como espazo público de valor e gozo social. Nesta liña de revalorización da paisaxe aposta tamén a redacción actual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Redondela, cuxa aprobación final estímase que sexa no próximo ano 2020. Ademais, a zona da parcela Duchess e os terreos lindeiros, incluída a lámina de auga, foron propostos para ser declarados como Ben de Interese Cultural (BIC) polo concello de Redondela no ano 2013, debido a súa importancia como paisaxe cultural e histórica.

O proxecto tamén é incompatible co Plan de Ordenación do Litoral (POL) de Galicia, que inclúe ao territorio afectado na área de Mellora Ambiental e Paisaxística do Litoral, punto que non está incluído no Documento de Avaliación do Impacto Ambiental Simplificada. O obxectivo principal desta área é o de preservar a paisaxe litoral como un valor natural e cultural reivindicando esta fronte litoral como un elemento propio co fin de recuperar a calidade ambiental e paisaxística de áreas sometidas a unha gran presión antrópica.

A súa vez, esta área acolle máis de 1.500 postos de traballo de pesca artesanal, marisqueo e bateas de mexillón, moitos dos cales se verán afectados polos novos usos que a APV quere desenvolver nesta área da enseada de San Simón.

Anulación do plan de Usos e de Espazos do Porto de Vigo

Na actualidade, a Autoridade Portuaria de Vigo carece dun plan de Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP), debido a súa anulación por carecer dito documento dunha avaliación de impacto ambiental. O DEUP, aprobado en 2015, foi anulado pola Sección Oitava do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional en decembro do 2017, sentenza que foi feita firme polo Tribunal Supremo en xaneiro do 2019.

Polo tanto, a  APV non dispón a día de hoxe da ferramenta fundamental de planificación dos usos e dos espazos do Porto de Vigo, polo que carece de cobertura legal e presenta inseguridade xurídica para levar a cabo actuacións cuxa finalidade última é a creación dunha nova Terminal de contedores.

Para recapitular...

Tendo en conta todos estes aspectos, desde ADEGA Vigo consideramos que o documento de Avaliación do Impacto Ambiental Simplificada presentado pola Autoridade Portuaria do Porto de Vigo para a “Reordenación do acceso á zona portuaria de Rande desde a estrada N-552”, non realiza un estudo ambiental integral sobre as afeccións do conxunto de infraestruturas da nova terminal de contedores neste espazo natural protexido, invalidándose así o cometido do devandito documento.

Con esta estratexia, a APV está a realizar unha análise do impacto ambiental parcial e sectorial dun subproxecto que ten como finalidade última dar un servizo de acceso á nova terminal de contedores do Porto de Vigo, aumentando así o tráfico rodado e marítimo, xunto con tódolos impactos ambientais negativos ligados a estes usos portuarios localizados nunha zona catalogada como Rede Natura 2000.

Consideramos que a envergadura do conxunto deste proxecto non se debería abordar sectorialmente e por proxecto separados, senón que tería que integrarse nun estudo de impacto ambiental integral que avalíe o conxunto da terminal, incluíndo as ordenacións dos accesos, os acondicionamentos dos peiraos, así como os usos futuros da mesma. Polo tanto, o conxunto do proxecto debería ser obxecto dunha Avaliación de Impacto Ambiental Ordinaria, e non simplificada, ao atoparse dentro do Grupo 6 de proxectos de infraestruturas do Anexo I da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de Avaliación Ambiental, e por situarse dentro dos límites dun espazo integrado dentro da Rede Natura 2000 (Grupo 9), tal como establece tamén a devandita lei. Deste xeito, a APV está a reducir o impacto ambiental final da infraestrutura avaliándoa por subproxectos sectoriais. Unha práctica que resta credibilidade á estratexia encamiñada para converter ao Porto de Vigo nun Porto Verde de referencia europeo.

Desde ADEGA Vigo defendemos que as actuacións a desenvolver nesta área teñen que ir encamiñadas á posta en valor do patrimonio natural e paisaxístico da contorna, convertendo este lugar nun espazo de uso público para a interpretación dos valores naturais, patrimoniais e paisaxísticos da enseada de San Simón. Consideramos que ten que ser un espazo para uso e gozo das e dos habitantes de Redondela, planificando así vilas e cidades máis sostibles e habitables co fin tamén de aumentar a resiliencia do noso territorio ante os efectos do cambio climático.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal