ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Nova vitoria contra Reganosa! O Supremo anula o...

19-07-2019

Nova vitoria contra Reganosa! O Supremo anula o Acordo do Consello de Ministros que eximía a regasificadora de avaliación ambiental

A planta de gas de Reganosa aséntase nun cúmulo de ilegalidades e así o volve confirmar un novo fallo do Tribunal Supremo, a quinta sentencia do Alto Tribunal que apunta na súa contra. O novo fallo (1075/2019) da sección quinta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, vén de atender ao recurso presentado pola plataforma de veciños e veciñas O Cruceiro de Mehá, e por extensión do Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol, do que fai parte ADEGA, presentado contra a Resolución do Consello de Ministros do 29 de Maio de 2016 polo que o goberno en funcións de Mariano Rajoy acordou eximir a planta de gas de Reganosa da tramitación de avaliación ambiental. Dita sentenza anula esa resolución pola que se permitía á planta seguir funcionando, malia á falta de estudo de impacto ambiental, alegando un carácter de urxencia que o Alto Tribunal non observou.

Así pois, esta sentenza vén a ratificar a ilegalidade da planta de Reganosa, que tamén incumpriu catro sentenzas firmes anteriores nas que se anulaban as diferentes autorizacións outorgadas á empresa pola administración do PP: modificación do Plan de Urbanismo, administrativa previa, autorización de construción e Plan de Emerxencia.

A nova sentenza, chave para botar a Reganosa da Ría de Ferrol

A sentenza que anula o acordo do Consello de Ministros é inapelable e ten unha grande trascendencia para o futuro de Reganosa na Ría de Ferrol. A resolución do Consello de Ministros, que agora foi declarada ilegal, permitiu tramitar de urxencia as novas licencias de funcionamento da planta, as cales permitiron que Reganosa seguise funcionando desde maio de 2016 até agora. 

A principal repercusión desta sentenza radica en que ao declarar nulo este acordo, as autorizacións concedidas dimanantes do mesmo, carecen de apoio legal e deberán ser anuladas. Estas novas autorizacións concedidas a Reganosa en 2016 a partires desta resolución, agora anulada polo Supremo, xa están recorridas polo Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol (CCE),e esta nova e quinta sentenza xa se incorporou ao expediente do recurso.

As novas autorizacións conseguidas por Reganosa caerán coma un castelo de naipes.

Ademais de ilegal, innecesaria e perigosa!

Doutra banda, está demostrado que a planta de Reganosa é innecesaria para o sistema gasista. A súa produción media está por baixo do 25% da súa capacidade. Os gasodutos existentes, agora pechados, teñen capacidade suficiente para garantir a demanda galega. O exceso de capacidade que representa Reganosa encarece o recibo da luz e o recibo do gas. A planta cústanos aos galegos e galegas máis de 60 millóns de euros ao ano, só para beneficio dos socios de Reganosa, entre os que está a Xunta de Galicia.

Esta instalación non é só un problema administrativo máis, a súa actividade representa un perigo real para o conxunto da poboación da contorna e unha agresión continua ao ecosistema da ria; polo tanto, o cesamento da súa actividade redundará na seguridade das persoas e na do medio ambiente.

Por todo isto, o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol (CCE), no que se inclúe ADEGA, demanda a execución da sentenza. A partir de agora, a Ría de Ferrol pode mirar cara a un futuro moito mellor! Noraboa por esta gran batalla gañada e grazas pola constancia na loita!

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal