Inicio / Novas / Delegacións / ´Por un monte galego con futuro´desmente a...
18-07-2019
Representantes da plataforma “Por un monte galego con futuro” conformada por organizacións ecoloxistas, sindicais e do mundo rural desmentiron este 18 de xullo en Ourense a propaganda institucional montada pola Xunta de Galiza arredor do Pladiga (Plan de Prevención e defensa contra incendios forestais de Galiza 2019). Denunciaron que “leva 12 anos sen se cumprir” e cualificárono como de “fomento da extinción, fronte a prevención dos lumes forestais”.
Para ilustrar a súa denuncia presentaron unha infografía na que se recollen os datos que a Xunta de Galiza non contempla na súa propaganda e que evidencian o estado no que se atopa realmente o rural e os montes galegos.
Así subliñaron que hai xa 500.000 hectáreas de eucaliptais, das que 30.000 están ocupando terras agrarias. Unha especie pirófita que no Plan Forestal que está a revisar a Xunta se pretende promover aínda máis coa ocupación doutras 35.000 ha.
Por iso reclamaron, entre outras cuestións, que as administracións galega e estatal aposten por unha planificación para o monte galego que teña en conta “o actual contexto de perda acelerada de biodiversidade e dos efectos do cambio climático e, que non se use isto como escusa para seguir potenciando as repoboacións con eucaliptos e outras especies invasoras”.
Xunto a isto demandaron o peche do ciclo produtivo da madeira en Galiza de xeito que -cunha regulación do monte axeitada, que favoreza a biodiversidade, mais permita a explotación forestal ordenada- “se recupere o tecido industrial que se dedicaba aos aproveitamentos forestais, algo que permitiría a recuperación de postos de traballo e a fixación de poboación no rural”.
Sobre a mesa puxeron ademais propostas concretas como a demanda dunha moratoria indefinida para novos plantíos de Eucalyptuse prohibición na RGEP (Rede Galega de Espazos Protexidos); a prohibición das novas plantacións de Eucalyptusnitens e de repoboacións con robinias, acacias, Pawlonia e bambús, e outras especies invasoras e a erradicación destas na RGEP.
Ademais reclamaron un programa de redución progresiva da superficie ocupada por eucaliptos e doutras especies exóticas invasoras presentes no monte galego: robinias, ailantos, cortaderias, calas, ortensias, bambús, crocosmias e outro de eliminación das plantacións ilegais en terras agrarias e bosques autóctonos.
Isto xunto á modificación do “Decreto 163/2014 para a compensación e absorción de dióxido de carbono a través de masas forestais” para excluír as masas de eucalipto e doutras especies exótica invasoras como sumidoiros de carbono; evitar as repoboacións forestais sobre terreos queimados; limitar as quendas de corta a un mínimo de 30 anos e introducir variantes de carácter social e ambiental na valoración dos proxectos.
A plataforma denunciou, ademais, as políticas que, desde a Xunta de Galiza, promoveron o abandono do rural. Políticas que provocaron que nos últimos anos se teñan abandonado até 30.000 explotacións gandeiras, no canto de promover o pastoreo e a gandería extensiva como elemento natural de roza e prevención de incendios.
As/os representantes de “Por un monte galego con futuro” rexeitaron as inxentes cantidades de fondos públicos destinadas á “industria do lume” en Galiza, mentres que hai “cero efectivos facendo labores de prevención todo o ano”.
Labores de prevención que a Xunta de Galiza fai recaer sobre os concellos, mentres elude establecer unha planificación e políticas que favorezan realmente esa prevención fronte os incendios forestais como “a creación dunha lei de ordenación dos usos das terras que permita a multifuncionalidade do monte”.
Xunto a isto propuxeron a recuperación dos 100 m de anchura para as redes secundarias de xestión da biomasa na loita contra os lumes, favorecendo alternativas multifuncionais para estas franxas de seguridade; a xestión da biomasa nas franxas secundarias e terciarias farase con recursos públicos, agás nos casos nos que os/as titulares das vivendas construísen estes inmobles fóra do ordenamento xurídico ou a ruptura das masas monoespecíficas con faixas de separación de 100m por cada 50ha de eucaliptos, e de 50m por cada 50ha de piñeiros.
Tamén demandaron o incremento das distancias das plantacións forestais a terras de cultivo, ríos, zonas habitadas, vías de comunicación...; o establecemento dun perímetro de exclusión de 25 m das plantacións forestais aos xacementos arqueolóxicos, e nos seguintes 25 metros un marco mínimo de plantación de 6x6 arredor destes elementos.
Para a plataforma os plans de prevención de incendios deben elaborarse a nivel de Distrito, facendo os Concellos as adaptacións territoriais necesarias e o PLADIGA ten que ser de carácter anual, aprobarase no último trimestre do ano anterior ao de aplicación e establecer obxectivos claros de prevención dos incendios forestais.
Para iso, apostan pola creación dun único servizo público, profesional e adecuadamente formado de prevención e extinción de incendios.
POR UN MONTE GALEGO CON FUTURO:
Amarelante S. Coop. Galega, Amigos da Terra, A Rente de Chan- PLADEVER, Asociación Ambiental Petón do Lobo, Asociación Amigos e Amigas dos Bosques "O Ouriol do Anllóns", Asociación Cultural Bidueiro, Asociación Galega de Apicultura (AGA), Asociación Galega Cova Crea, Asociación Frouma, Asociación Montes da Galiza – Montegal, Asociación Para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Asociación Pola Defensa da Ría (APDR), Colectivo Agrocuir da Ulloa, Confederación Intersindical Galega (CIG), Comando Ghichas do Valmiñor, Federación Rural Galega (FRUGA), Kunterbunt Design, Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), Salvemos as Fragas de Catasós, Sindicato Labrego Galego (SLG), Verdegaia.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal