ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Parque eólico Serra do Oribio: todas as...

17-07-2019

Parque eólico Serra do Oribio: todas as facilidades para estragar a Rede Natura

ADEGA e a SGO veñen de denunciar ante a Dirección Xeral de Patrimonio Natural que se están a realizar as obras dos camiños de acceso ao parque eólico do Iribio, na Zona de Especial Conservación (ZEC) e de especial protección dos valores naturais (ZEPVN) Ancares-Courel, e área potencial do Plan de Recuperación do Oso Pardo, sen teren sido sometidas a avaliación de impacto nin contar co preceptivo informe favorábel da Xunta. ADEGA e a SGO instan a Medio Ambiente a ordenar a paralización destas obras, obrigar á reparación dos danos, e a pedir explicacións ao Concello de Samos por ter levantado a paralización cautelar sen o seu permiso.

Desde o 19 de xuño pendía sobre as obras de acceso ao cumio do Iribio unha orde de paralización cautelar do Concello de Samos por movementos de terras non autorizados, alongamento dos camiños existentes, realización de explanadas, desmontes e terrapléns nas beiras dos camiños, e mesmo o desvío dun camiño orixinal, sen contar cos permisos da Consellaría de Medio Ambiente nin coa autorización do Concello. Esta última fora emitida para o arranxo dos camiños existentes que levan ata o monte Iribio co fin de adecualos para o transporte de aeroxeradores e coa condición de que non se variase o largo (ancho) nen o trazado do camiño orixinal, actuacións que precisarían da autorización previa do Servizo de Conservación da Natureza da Xunta.

Porén, o Concello de Samos vén de notificar a ADEGA que este 5 de xullo levantou a orde de paralización por entender que estas obras non teñen que pasar polo trámite de avaliación de impacto ambiental e que ademais “poden ser legalizables”, se a empresa achega unha proposta de legalización para aqueles treitos de camiño nos que se modificou o largo (ancho) que, segundo o concello, só corresponden a uns 25 metros do trazado. En consecuencia, o Concello de Samos permite a Fergo Galicia Vento retomar as obras dos accesos ao cumio do monte, á excepción dun treito de 25 metros, aqueles nos que a empresa se “excedeu”, e que dependería da autorización preceptiva da Xunta.

Para ADEGA e a SGO esta resolución Concello de Samos é insólita, xa que mesmo podería favorecer danos irreversibles sobre os hábitats e as especies protexidas nun espazo da Rede Natura 2000. Por unha banda, os desmontes, explanadas e terrapléns xa efectuados por Fergo Galicia Vento sen permiso de Medio Ambiente e contra a autorización do concello, exceden dos 25 metros; e por outra, todo o percorrido sobre o que se está a obrar, desde Airapadrón ata Pena Calzada, está integramente dentro de Rede Natura, polo que todas as actuacións que se dispoñan en todo o trazado (e non só as que afecten a uns poucos metros) deben estar condicionadas á preceptiva autorización de Medio Ambiente.

Unhas actuacións fraudulentas á marxe do aprobado na DIA do proxecto

O trazado de acceso ao parque eólico Serra do Oribio (aprobado en 2007 e actualmente en trámite de modificación) non se corresponde co trazado actual que se está a executar, desde Airapadrón, pasando por Lampazas ata o Alto de Torrentes e Pena Calzada, polo que debería considerarse como unha obra nova que se pretende realizar na Rede Natura. Este novo trazado difire do inicialmente previsto e non foi sometido a avaliación de impacto ambiental, polo que non está incluído na DIA do proxecto eólico aprobada hai agora 14 anos. Sería pois preciso, realizar previamente o pertinente trámite de avaliación de impacto.

Para ADEGA e a SGO este cambio de trazado supón unha modificación substancial que debería requerir unha nova avaliación de impacto de todo o proxecto eólico, por afectar a terreos da Rede Natura distintos dos orixinais. Neste senso, debería terse tramitado como parte do proxecto sectorial e non como un expediente separado. Ao facelo de forma illada, Xunta e empresa pretenden evitar unha nova tramitación ambiental do parque, que coa actual lexislación (Plano Director da RN2000) resultaría inviábel.

Esta estratexia de “despece” dos proxectos eólicos na Rede Natura para “facilitar” a súa tramitación é unha fraude: primeiro, por avaliar separadamente o parque eólico da liña de evacuación, como se non houber relación entra elas (na Rede Natura non están permitidos novos eólicos mais si liñas eléctricas). E despois, porque unhas modificacións introducidas logo de 14 anos (novos trazados de pistas, variación no número e potencia dos muíños, novas afeccións) quérense facer pasar como “non substanciais”, ou consideralas separadas do proxecto orixinal, para en ambos casos furtar unha axeitada avaliación ambiental.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal