ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Naturalmente diversas, orgullo e reivindicación...

27-06-2019

Naturalmente diversas, orgullo e reivindicación na Educación Ambiental

#NaturalmenteDiversas #28X


Este 28 de Xuño ADEGA súmase á reivindicación dos dereitos da diversidade sexual e celebra o orgullo defendendo un ecosistema diverso, tanto no eido natural coma no social. Defensas, que desde ADEGA pensamos que son máis que necesarias para a construcción dunhas sociedades máis xustas, igualitarias e ambientalmente sostibles.

Hoxe, 28X, cúmprense 50 anos dos disturbios de Stonewall en Nova Iorque, xermolo da loita pola conquista dos dereitos LGTBIQ+. Mais, cincuenta anos despois, a lgbtfobia e o machismo seguen estando moi presentes nas nosas sociedades. Así comprobamos que, a pesar desta aparente aceptación social , a comunidade LGTBQI+ segue a ser un dos colectivos que máis delitos de odio sofre no estado.  

A súa vez, o capitalismo tenta apropiarse do movemento a través das estratexias do mercado rosa, que tratan de asimilar a diversidade mentres, calquera que non se asemelle ao modelo normalizado de home gai, cisxénero, branco, occidental, de clase media e sen diversidade psíquica, física ou sensorial diagnosticada, segue a vivir realidades atravesadas polas violencias.  

Isto dá lugar á adquisición de roles e funcións dentro do colectivo LGTBIQ+ en función dos privilexios asignados polo heteropatriarcado, o que provoca exclusións e fobias dentro da comunidade LGTBIQ+, como é o caso da plumofobia, da transfobia, do racismo ou da invisbilización das identidades lésbicas, entre outras.

Mulleres LTBIQ+, unha dupla discriminación na EA

De todas as participantes da enquisa Naturalmente Diversas realizadas entre os meses de marzo e maio do 2019, un 43,4 % responderon afirmativamente ante a pregunta de se algunha vez experimentaron algunha práctica discriminatoria en actividades de educación ambiental por cuestión de xénero e/ou por orientación sexual, fronte a un 56,6% que responderon que non.

Entre as as violencias e prácticas de discriminación identIficadas por este 43.4 %, destacan principalmente diferentes prácticas como a linguaxe sexista, o paternalismo, as bromas e prexuízos, a falta de representat ividade, a división de tarefas por xénero e a invisibilidade, ademais de ser detectadas outras prácticas como o machismo, a cousificación, a invisibilidade da opinión, a LGBfobia, a transfobia e a marxinación no grupo, así como acoso.

Os resultados demostran a existencia de actitudes e condutas desiguais e discriminatorias baseadas na identidade sexoxenérica e na orientación sexual no ámbito da Educación Ambiental .

Por unha EA inclusiva e diversa

ADEGA pretende contribuír á abundancia da diversidade coa elaboración dunha guía crítica de boas prácticas para rachar con actitudes excluintes e discriminatorias coa comunidade LGTBQI+ dentro das actividades de Educación Ambiental. Este traballo busca facilitar un espazo para converter á EA nunha ferramenta real máis aberta e inclusiva para a transformación social e ambiental da nosa contorna máis inmediata.

Desde ADEGA animámoste a descarregar e ler o estudo preliminar de Naturalmente Diversas anexado nesta nova. Nel, detállanse os resultados obtidos na enquisa Naturalmente diversas e proponse ademais unha serie de cuestións para a reflexión co fin de facer as actividades de educación ambiental moito máis abertas, inclusivas e respectuosas, as cales coloquen a vida no centro.

Polo tanto, este é só o punto de partida dun proceso longo que trata de cuestionar o modelo de socialización heteropatriarcal e crear alternativas que fagan máis vivibles as vidas de todas. Nos próximos meses elaboraremos con máis detalle a nosa proposta de guía crítica Naturalmente Diversas para a inclusión da perspetiva feminista e da sexodiversidade nas actividades de Educación Ambiental.  

Tamén queríamos agradecer ás 214 persoas que participastes da enquisa, por adicar o  voso tempo en participar neste proxecto colectivo.

Se tes algunha consulta, dúbida, ou queres facer algunha achega, podes escribirnos ao correo de adegavigo@adega.gal.

ADEGA
Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal