ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Unha queima controlada da Xunta dana un...

16-05-2019

Unha queima controlada da Xunta dana un petróglifo protexido en Ourol

A Xunta realiza unha queima

ADEGA e Mariña Patrimonio veñen de denunciar perante o Servizo de Protección da Natureza, Seprona, posíbeis danos nun petróglifo situado no Xistral, concretamente no Chao de Sinás (Ourol-Lugo).

Segundo puideron saber ambas asociacións, os danos foron ocasionados pola propia Xunta, ao realizar a comezos de ano unha queima controlada do mato que cubría unha zona arqueolóxica, catalogada e protexida pola Xunta de Galicia. Ao parecer, este lume tería afectado especialmente o petróglifo 13 (GA27038036).

A actuación non contaba coa preceptiva autorización da Consellaría de Cultura

Nesta zona arqueolóxica do Chao do Sinás, onde a Xunta de Galicia ten catalogadas trece laxes con petróglifos e dúas mámoas (das cales unha alberga o coñecido dólmen da Arca de Sinás), a queima así como o paso dun tractor con desbrozadora de cadeas para controlar o lume, non contaban coa preceptiva autorización da Consellaría de Cultura, segundo souberon ADEGA e Mariña Patrimonio.

Ambas asociacións consideran especialmente grave que sexa a propia administración quen dane o patrimonio cultural.

Ademais, sosteñen que esta queima sobre un petróglifo, e nunha zona arqueolóxica protexida, é unha nova mostra do desleixo e da incompetencia da Xunta de Galicia.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal