ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A Xunta ten informes que proban a existencia dun...

10-05-2019

A Xunta ten informes que proban a existencia dun Castro que intentou descatalogar

Os informes arqueolóxicos contrastan co expresado no seu día polo Servizo de Patrimonio de Lugo, que dubidaba da existencia do xacemento sobre o que agora hai unha canteira


No ano 2016 o Servizo de Patrimonio Cultural de Lugo informaba a favor da descatalogación do xacemento arqueolóxico do Castro da Trinidade – Flores, que fora catalogado en 1991 pola Dirección Xeral de Patrimonio.

O castro, situado entre os concellos de Mondoñedo e Lourenzá, figura no catálogo de Patrimonio como dous xacementos distintos: o Castro da Trinidade (GA27030022) e o de Flores (GA27027012), a pesar de que todos os datos indican que se trata dun só xacemento. 

Debido a que a tramitación para dar de baixa o xacemento se fixo dunha forma non acorde coa legalidade, ADEGA e Mariña Patrimonio puxeron en coñecemento da Fiscalía en setembro de 2018 a actuación do Servizo de Patrimonio de Lugo, así como a posible destrución deste ben patrimonial polos labores extractivos de Canteiras Santa Cecilia.

Até seis informes distintos proban a existencia do xacemento arqueolóxico

ADEGA e Mariña Patrimonio sorpréndense de que o Servizo de Lugo argumentase que non atopaban probas abondo consistentes que determinasen a existencia do sitio arqueolóxico:  “...semella que as probas para determina-la existencia de ambos elementos non son moi seguras”, cando tiña á súa disposición, como mínimo, seis informes que probaban a existencia do Castro Trinidade-Flores.

Ambas as dúas asociacións consideramos que había, por tanto, abondas probas documentais sobre a existencia do xacemento e, por tanto, probas suficientes para informar desfavorablemente á explotación da canteira, polo que non se entende o motivo que puido ter o Servizo de Patrimonio de Lugo para iniciar o proceso  de descatalogación do Castro de Trinidade.

A continuación, achegamos un resumo da documentación obtida da Dirección Xeral de Patrimonio que confirma a existencia do xacemento:

1991: Ficha de inventario da Dirección Xeral de Patrimonio

Na ficha do Inventario da Dirección Xeral do Patrimonio sobre o Castro da Trinidade (GA27030022), elaborada polo arqueólogo Juan Carlos López, pódese ler: “Croquis e descrición: En superficie non se observa nada, inda que a súa situación fai pensar nun xacemento de carácter defensivo... Estado actual: Vexetación:  monte baixo Destrución e alteracións: (o apartado aparece en branco). 
Desta información podemos concluír que estamos ante un xacemento defensivo, cuberto de monte baixo, sen alteracións nin destrución.  

Polo que respecta á ficha do Castro de Flores (GA27027012), realizada na mesma data polo mesmo arqueólogo, lese: “ por mor do seu uso como canteira non queda case nada do xacemento”.  

O arqueólogo Juan Carlos López fálanos de dous castros; na actualidade todos os datos apuntan a que se trata de un único castro. Asi mesmo, a información que temos indican que a canteira á que o arqueólogo fai referencia, e que data dos anos 50, non estaría no castro. Concretamente, na delimitación do xacemento que aparece no PXOM  e no Plan Básico Autonómico, a canteira  está fóra dos límites do Castro da Trinidade-Flores.

1998: Informe de control arqueolóxico do gasoduto Ribadeo- Vilalba

No control arqueolóxico do equipo dirixido por Felipe Criado Boado pódese ler que o Castro de Flores (GA27027012) é un “castro circular  con parapeto muy alterado” e  que “el yacimiento tiene 110m de diámetro”.

Neste exhaustivo informe arqueolóxico, de 173 páxinas, recolle todos os xacementos da contorna do gasoduto. No Monte da Trinidade só fala dun castro, non de dous, e denomínao Castro de Flores, pero sobre o mapa sitúao onde a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sitúa o Castro da Trinidade; polo tanto, localízao lonxe da canteira dos anos 50.

En 1998, os arqueólogos viron un só castro, o seu parapeto e medírono. Daquela, non falan de que estivese alterado por ningunha canteira.

2000: Prospección arqueolóxica intensiva

En xaneiro de 2000, o arqueólogo Simón Pena Basso firmaba un informe da prospección intensiva para avaliar a posible afectación do Castro polo inicio dos traballos mineiros.

Simón Pena fala do castro como un só xacemento: “el yacimiento GA27030022 Monte de Trinidade o Castro de Flores...”  O arqueólogo asegura que a canteira non vai afectar o xacemento: “el frente desta explotación localizada al S, ya abierto, entra en conflicto con el área de protección del yacimiento GA27030022 Monte de Trinidade o Castro de Flores, pero no implica ningún impacto sobre el yacimiento ya que este se encuentra a una distancia considerable”.  

O arqueólogo non fai ningunha mención sobre a existencia dunha canteira antiga que afectase o xacemento. Sobre esta prospección, o arqueólogo do Servizo Técnico de Arqueoloxía da DXPC, Rafael Penedo Romero, di: “a prospección  arqueolóxica permitiu documentar a existencia dun xacemento arqueolóxico (GA2730022) e dun elemento etnográfico (Calera) no ámbito da explotación.”  

Como di o técnico da DXPC, a prospección permitiu documentar un castro na contorna; non fala de dous castros nin menciona ningún tipo de afectación.

2007-2008: Control arqueolóxico Autovía A-8

Promovido polo Ministerio de Fomento, a Dirección General de Carreteras e a empresa Acciona, e baixo a dirección da arqueóloga Eva Castro, realízase un control arqueolóxico de seguimento da autovía A-8.

Na información relativa ao Castro de Flores GA27027012 lemos: “no que respecta ó que se pode ver a simple vista temos un parapeto-muralla ó redor da croa, está bastante desfeita e outro similar localízase a media ladeira. O foso tamén se intúe aínda que a vexetación neste momento impide velo moito mellor”.

Nos pés de foto das imaxes que acompañan o informe lemos: “caída dende a muralla cara ó foso do xacemento arqueolóxico” / “restos da muralla do castro na parte máis alta do mesmo” / “restos mal conservados dalgunha estrutura do castro”.  

Polo tanto, a arqueóloga Eva Castro no 2007-2008 viu e certificou a existencia do castro, parapetos ou murallas e mesmo fotografou todos estes elementos.

2008: Informe arqueolóxico do Concello de Mondoñedo

En febreiro de 2008, tras unha denuncia, o arqueólogo do Concello de Mondoñedo, Abel Vigo, despois de visitar o xacemento e de atopar diferentes materiais arqueolóxicos no Castro da Trinidade, elabora un informe onde se le: “... o lugar indicado, no que se están a realizar traballos de explotación de canteira a ceo aberto corresponde cun xacemento catalogado pola Dirección Xeral de Patrimonio“. “...os restos cerámicos, a pesar de ser de tradición local, poderían adscribirse ao que puidera ter sido un poboado de época castrexa” . “No transcurso da inspección atópase restos cerámicos, metais e ósos nas acumulacións de terra lateral dunha pista”. “A cerámica recuperada é de producción local (…) a cultura material recuperada parece adscribirse á cultura castrexa”. “As decoracións incisas lineais son típicas da zona para a época castrexa e as reticuladas bruñidas son un exemplo bastante abondoso”. “As pezas(...) non son sospeitosas de ter sido movidas á zona dende outro lugar”.  

Neste informe Abel Vigo non fai referencia ao machado votivo con representación de torques, aínda que si o inclúe na reportaxe fotográfica. Como este sitio arqueolóxico está empezando a verse afectado pola actividade ilegal da canteira, o mesmo arqueólogo aconsella: “considero que se debería de suspender a actividade extractiva ou calquera outra que puidese afectar o lugar onde apareceron os restos”.

Seguindo estes consellos, o Concello en 2008 paralizou as actividades da canteira na zona protexida.   En conclusión, o arqueólogo Abel Vigo fálanos dun lugar catalogado pola DXPC, onde aparecen restos arqueolóxicos da época castrexa e na que se deberían paralizar as actividades da canteira.  

En 2016 Abel Vigo realiza, xunto cos técnicos do Servizo de Lugo, unha nova inspección no xacemento. No informe elaborado trala inspección, este arqueólogo asegura: “tras as últimas visitas ao lugar hai que dicir que a día de hoxe non hai restos evidentes dun xacemento arqueolóxico na zona” e recomenda: “visto todos estes antecedentes recoméndase que se remita o presente informe á Dirección Xeral de Patrimonio para que proceda, se o considera oportuno, á descatalogación destes lugares, pois hoxe non hai indicios de que exista ningún vestixio arqueolóxico”.

“A día de hoxe non hai restos”, “hoxe non hai indicios”... Como interpretar estas afirmacións? Non hai xacemento e nunca o houbo ou non hai a día de hoxe xacemento, pero habíao antes de que desaparecera pola canteira?   Se nunca existiu o castro, Juan Carlos López, Felipe Criado, Simón Pena, Rafael Penedo, Eva Castro, Abel Vigo (no 2008) e Anxo López estaban equivocados. E se o castro existía e a canteira o destruíu, a obriga do arqueólogo municipal sería denunciar os feitos diante da Dirección Xeral de Patrimonio no canto de solicitar a baixa no Catálogo deste ben patrimonial.

2016: Ficha do Castro da Trinidade no PXOM de Mondoñedo

Manuel Anxo López Felpeto Gómez recolle na ficha do Castro da Trinidade, que figura no PXOM de Mondoñedo, que o denominado “GA27030022 Trinidade, Monte da Trinidade, Castro da Trinidade é un asentamento fortificado/castro” que  “abrangue unha superficie de 2Ha” e “en boa parte afectado por unha canteira”(refírese á canteira actual).

O arqueólogo dálle unha protección de Grao II e grafía no plano a situación do xacemento e a súa área de protección.  

A área do castro grafada polo arqueólogo unifica nun só castro o que para a DXPC serían dous  e sitúa a canteira antiga fóra dos límites do castro, polo que non afectaría o xacemento.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal