ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O BIC Cova Eirós aprobado pola Xunta non ofrece...

23-04-2019

O BIC Cova Eirós aprobado pola Xunta non ofrece as suficientes garantías de protección

ADEGA vén de recibir a notificación oficial da Consellaría de Cultura de resolución definitiva da declaración do xacemento Cova Eirós como Ben de Interese Cultural (BIC), así como a resposta ás alegacións presentadas no período de exposición pública da proposta de declaración. Destas, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia admitiu tan só dúas das achegas, relativas á consideración de BIC na categoría de “Xacemento arqueolóxico”, no canto de “Monumento”, e aos riscos sísmicos aos que se puidesen ver expostas as cavidades incluídas no BIC. ADEGA valora positivamente o cambio de categoría do BIC por canto a Xunta recoñece que “a categoría de monumento podería non abrangue a totalidade dos aspectos relevantes e sobranceiros que deben ser protexidos”, conferindo así un rango máis amplo de protección sobre o conxunto dos seus valores (arqueolóxicos, artísticos, paleontolóxicos, históricos e patrimoniais). Así mesmo, tamén consideramos acertado que se teña en conta a localización de Cova Eirós no epicentro do triángulo sísmico de Triacastela-Sarria-Becerreá para poder establecer as medidas necesarias que prevean e protexan o xacemento do impacto acumulativo dos habituais tremores de terra da zona e que, ademais, se poderían sumar aos efectos derivados doutras vibracións de natureza antrópica.

Porén, malia a considerar de relevancia a admisión destas dúas achegas, desde ADEGA considérase insuficiente o réxime de protección específico establecido para o BIC e, en especial, a delimitación da área de protección integral finalmente aprobada. Non se concretan as medidas de protección do macizo calcario na vertical da Cova, indicando que “se poderán” establecer opcionalmente, “incluíndo as actuacións sobre a superficie, na contorna de protección e na zona de amortecemento”.

Tampouco se establecen restricións maiores para o uso de explosivos da actividade mineira arredor da Cova Eirós, mantendo os parámetros de control e monitorización das voaduras que ata agora rexeron e que son, ao noso entender, totalmente insuficientes para garantir a integridade e preservación integral do xacemento. E somete tamén á vontade da empresa mineira as medidas de integración ambiental do BIC, as cales non considera necesarias ata que se remate a actividade mineira.

Debemos destacar que xa se teñen identificado pola Xunta danos no interior de Cova Eirós, a existencia de fendas de considerable envergadura e infiltracións moi activas que xa están a danar irreversiblemente as pinturas rupestres atopadas, como acontece na Sala do Mamut. Alí pódese comprobar como grafittis feitos en tempo recente (segunda metade do século XX) están xa a medio cubrir polas coladas derivadas das infiltracións. Ademais, a escorrentia activouse desde que os labores de minería rebaixaran o terreo  levando a cota de explotación a 50 metros do teito da cova. A pesar disto, a Xunta tampouco obriga a establecer medidas específicas de reparación do ámbito do BIC danado, nin tampouco a desenvolver un control máis rigoroso das condicións ambientais do interior da Cova, como pode ser a medición dos niveis de CO2.

Unha delimitación a medida da canteira

Con respecto á delimitación da área de protección integral, no lado sur da ladeira do monte Penedo, esta fica a tan só 50 metros da zona de explotación mineira de Cementos Cosmos S.A., o que non evitaría que no futuro a canteira puidese seguir avanzando cara ao xacemento declarado BIC. Así pois, a Consellaría de Cultura rexeitou o requirimento de ADEGA de ampliar aos 200 metros a zona de protección do BIC que se atopa máis achegada á canteira, favorecendo os intereses lucrativos da mineira sobre a preservación do xacemento e desbotando nun futuro inmediato calquera acción destinada á rexeneración do estado natural da contorna máis próxima á cavidade, malia a recoñecer a existencia de “efectos materiais evidentes da explotación mineira sobre a súa contorna”.

Tampouco aparece na declaración definitiva do BIC o recoñecemento da presenza doutras 10 covas aparecidas na área delimitada como BIC, descubertas tras a incoación do expediente de declaración, e que tamén se poderían ver afectadas pola actividade mineira. ADEGA informou á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da súa existencia en maio de 2018, solicitando a súa inclusión e recoñecemento na declaración do BIC debido ao seu potencial interese patrimonial. Estas novas cavidades foron achadas polo equipo de espeleoloxía da Reserva da Biosfera da Mata Atlântica de Brasil.

Plan Especial de Protección

Tal e como obriga o artigo 35 da Lei galega de patrimonio cultural, o Concello de Triacastela terá agora que incorporar nos seus instrumentos de planeamento urbanístico o BIC Cova Eirós para garantir a salvagarda do seu conxunto de valores culturais. Ademais terá que elaborar un réxime específico de protección que estableza medidas detalladas e ordenanzas específicas que regulen as actividades e as intervencións compatibles cos valores a protexer.

Dada a delicada situación de conservación na que se atopa o xacemento, a necesidade urxente de medidas de recuperación e rexeneración de parte do BIC e a falta de garantías de protección de Cova Eirós fronte a explotación mineira, desde ADEGA consideramos fundamental que o Concello de Triacastela elabore ademais un Plan Especial de Protección no que establezan medidas preventivas e de conservación máis ambiciosas e garantistas que as recollidas na declaración da Xunta a través das cales se prime a protección do xacemento arqueolóxico e da súa contorna fronte os intereses da canteira.

Así mesmo, lembramos ao Concello de Triacastela e a Cementos Cosmos, propietaria dos terreos nos que se atopa a Cova, que a empresa deberá actualizar os seus plans de explotación mineira e de restauración da zona de explotación atendendo á nova consideración de Cova Eirós como BIC. Ata o momento, malia a terllo requirido á propia empresa e á Consellaría de Industria, ADEGA non puido ter acceso a tales planteamentos esixidos por lei para poder licitar a actividade mineira.

ADEGA manterase vixiante

Lembramos que a declaración de Cova Eirós como BIC só foi posible pola presión exercida diante da Xunta durante máis de 12 anos por parte dos colectivos sociais e por verse forzada, finalmente, por resolución xudicial a incoar expediente tras un recurso contencioso de ADEGA. Pese a non concordar co escaso réxime de protección aprobado finalmente para o BIC, a asociación ecoloxista considera que a declaración de Cova Eirós como Ben de Interese Cultural é un paso moi importante cara a preservación deste relevante xacemento e da súa contorna, que acolle vestixios da ocupación humana de hai máis de 180.000 anos e pinturas e gravados rupestres datados en máis de 9.000 anos.

Así pois, desde ADEGA manifestamos a nosa vontade de seguir traballando para conquerir medidas máis concretas e ambiciosas de protección que garantan a integridade do xacemento e que eviten o avance da explotación mineira cara Cova Eirós. Tamén seguiremos instando á Administración pública a catalogar e integrar no BIC as demais cavidades que pertencen ao conxunto arqueolóxico, a recoñecer os valores ambientais da zona e a procurar unha restauración coidadosa do camiño veciñas destruído pola mineira entre Vilavella e Cancelo.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal