ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / 43 Asemblea de ADEGA: Nova directiva, propostas...

01-04-2019

43 Asemblea de ADEGA: Nova directiva, propostas de resolución e entrega dos premios Osíxeno 2018

Este 31 de marzo celebramos en Bueu a nosa 43 Asemblea Xeral. Anovouse a directiva nacional para os vindeiros 2 anos, aprobamos varias propostas de resolución e entregamos os Premios Osíxeno 2018.

A nova directiva nacional incorpórase Roi Cuba como vicepresidente e Verónica Torrijos como vicesecrataria xeral, continuando Virxinia Rodríguez e Froilán Pallín como presidenta e secretario, respeitivamente.

Tamén se anova a secretaría executiva, ata agora exercida por Fins Eirexas, que pasará a ostentar Belén Rodríguez, tamén responsable de comunicación de ADEGA. Á súa vez, Fins Eirexas desempeñará as funcións de técnico-asesor dentro da organización. 

A 43 Asemblea Xeral de ADEGA emprende esta nova etapa marcándose como retos a nivel organizativo a incorporación de máis xente nova, fomentar o traballo en rede e o establecemento de novas canles para a comunicación interna e externa.

Propostas de resolución da 43 Asemblea

1. FRIDAYS FOR FUTURE
A Asemblea de ADEGA apoia a folga estudantil e o movimento social “Fridays For Future” xurdido nos últimos meses e impulsado polas xeracións máis novas, seguindo o chamado da activista adolescente Greta Thunberg, para reclarar aos gobernos de todo o mundo que promovan desde xa medidas efectivas e reais que eviten as consecuencias dramáticas da mudanza climática e que lles garantan un futuro. ADEGA valora de forma extraordinariamente positiva que sexan as mozas e mozos de Galiza, e de todo o mundo, as e os que abandeiren este movemento na defensa dun mañá e insta ás administracións galegas a atender seriamente e con responsabilidade este chamado da mocidade e actuar en consecuencia, virando cara a preservación dun futuro sostíbel e estábel para as novas xeracións aquelas políticas que agora só están encamiñadas a satisfacer os intereses curtopracistas e destrutivos do capital irracional.

2. PRÓRROGA ENCE
A Asemblea de ADEGA celebra a decisión de Costas de desistir de defender a prórroga da concesión a ENCE, retirándose dos procedementos abertos na Audiencia Nacional a instancias do concello e a Asociación pola Defensa das Ría. A prórroga concedida a ENCE polo goberno de Mariano Rajoy, que pretendía alongar a permanencia da fatoría na ría de Pontevedra até o ano 2073, foi irregular, inxusta e mesmo ilegal. Agardemos que este anuncio se faga efectivo e que o estado, ademais de recoñecer que non existen razóns para xustificar a permanencia de ENCE nos terreos de dominio público en Lourizán, decrete tamén a caducidade da concesión da pasteira para que a ría de Pontevedra poida iniciar dunha vez a súa recuperación.  

3. LUMES E POLÍTICA FORESTAL

A Asemblea de ADEGA lamenta as consecuencias da actual vaga de lumes e solidarízase cos concellos e persoas afectadas. Queremos lembrar que a actual situación está directamente relacionada cunha política forestal baseada no monocultivo do eucalipto e co abandono do medio rural, nun contexto de mudanza climática cada vez máis patente. Instamos á Xunta de Galiza a retirar a proposta de novo Plano Forestal por eucaliptizador, pirófilo, lesivo para a biodiversidade e privatizador, que só traerá máis lumes e máis perigosos, e a declarar unha moratoria para novos plantíos de eucalipto seguindo o exemplo de Portugal. Como recolliamos na exposición de motivos da ILP en defensa do bosque autóctono, rexeitada a principios de ano no Parlamento cos votos negativos do PP e a abstención do PSOE, cómpre unha nova planificación forestal para diminuir a estensión do eucalipto, frear os cultivos enerxéticos e apostar pola multifuncionalidade, as especies autóctonas e os servizos ecosistémicos que estas prestan á sociedade.  

4. MINA DE TOURO
A Asemblea de ADEGA insta á Xunta de Galiza a emitir xa unha declaración de impacto ambiental negativa para o proxecto mineiro de Touro. Conforme avanza o proceso administrativo de tramitación son máis evidentes as contradicións e irregularidades dunha explotación que ameaza a saúde ambietal e cidadá non só da contorna máis inmediata senón tamén de gran parte da bacía do Ulla e da ría de Arousa. Trátase dun proxecto fraudulento construído sobre mentiras e que sen sequera comezar arrastra xa enormes pasivos ambientais, polo que debe ser rexeitado, e os danos de 33 anos de abandono, reparados.

5. RESIDUOS E RECICLAXE
A Asemblea de ADEGA denuncia a situación de atraso na reciclaxe e na prevención de residuos (con cifras no conxunto de Galiza do 12% e no sistema SOGAMA do 3%), e particularmente o contido da nova Lei de Residuos que non atende aos requerimentos da normativa europea nen da lei estatal, nen aos obxectivos da economía circular que se están a implantar en todo o mundo. Exiximos da Xunta transparencia na xestión de residuos e acceso público a toda a información sobre os resultados e balanzos da recollida e tratamento das distintas fraccións.

Entrega dos premios Osíxeno 2018

Como remate da 34 Asemblea aproveitamos para facer entrega dos premios Osíxeno 2018 ás millores actuacións e actitudes ambientais do ano.

Os premios Osíxeno 2018 foron na categoría individual para paloma Fernández, voceira da Plataforma anti-encoro de Caldas e en defensa do río Umia; e na categoría colectivo para as Brigadas Deseucaliptizadoras. 
O premio Osíxeno de Honra 2018, foi para Adela Figueroa, presidenta da Funtación Eira e ex-presidenta de ADEGA en recoñecemento do seu labor e compromiso coa natureza e a cultura de Galiz
A todos/as, premiados e asistentes, moitas grazas!

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal