26-01-2019
O 26 de xaneiro celébrase o día mundial da Educación Ambiental (EA), unha data que ten a súa orixe no ano 1975 durante a celebración do Seminario Internacional de Educación Ambiental en Belgrado. Durante este seminario establecéronse os principios e os obxectivos xerais dentro do marco da Educación Ambiental a nivel mundial, recollidos na denominada carta de Belgrado.
Desde ADEGA consideramos a Educación Ambiental como unha liña estratéxica de actuación, xa que constitúe unha ferramenta que permite afrontar e avanzar ante as problemáticas ambientais existentes no sistema socioeconómico actual. Entendemos a Educación Ambiental como un recurso educativo e social que permite a mellora ambiental a través da participación, da sensibilización e da denuncia das problemáticas ambientais, construíndo así unha sociedade máis igualitaria, xusta, participativa e ecolóxica.
Nesta liña ADEGA desenvolve numerosas iniciativas de Educación Ambiental destinadas a fomentar o coñecemento do medio e proporcionar ferramentas para a valorización e conservación deste.
Entre as diferentes iniciativas de EA destacan algunhas que xa son todo un referente, como é o caso do Proxecto Ríos, programa que conta con 15 anos de experiencia na custodia dos ríos galegos a través das inspeccións realizadas polos 399 grupos de voluntariado que existen na actualidade, ou ben o programa de Compostaxe Domestica e Comunitaria, realizado con éxito en máis de 5000 vivendas nun total de 50 concellos de toda Galiza. Tamén son salientables iniciativas como Charcas con Vida, que nace co fin de difundir os valores das charcas e de contribuír ao seu estudo e conservación catalogando até o momento máis de 500 charcas, así como os numerosos proxectos de custodia do territorio como son a Eira da Xoana, o Sobreiral de Arniego, o monte da Fraga ou Bosques con Vida.
Xunto a isto, hai que sumarlle tódalas actividades de EA realizadas anualmente de eliminación de especies exóticas invasoras, de restauración de charcas e de espazos degradados, de roteiros interpretativos, de cursos de formación, etc. Estas xornadas son posibles grazas ao traballo realizado pola vogalía e a equipa de Educación Ambiental, así como polas diferentes delegacións territoriais, mais tamén é posible grazas a tódalas entidades e persoas que teñen apoiado esta liña de traballo durante todos estes anos. Desde ADEGA estamos enormemente agradecidas/os a causa disto.
Ademais ADEGA conta con medios de comunicación como radio Cerna ou a revista Cerna, que teñen como obxectivo informar sobre as problemáticas ambientais que afectan ao territorio, así como poñer en valor e difundir a ecoloxía e a investigación do medio ambiente galego.
O investimento público en Educación Ambiental reduciuse na Galiza nun 93% nos últimos dez anos (dato da Sociedade Galega de Educación Ambiental), o que se traduce no recorte de actividades e recursos de EA, no peche e infrautilización de equipamentos públicos, en despedimentos na administración pública e na desaparición de empresas e cooperativas.
Ante esta situación de precariedade, ADEGA demanda no día mundial da Educación Ambiental máis investimentos dirixidos a programas de EA que permitan a súa continuidade e eficacia, capacitando as organizacións sociais de base e as pequenas iniciativas levar a cabo este traballo de transformación social en defensa do medio natural.
ADEGA
Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal