ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA presenta alegacións ante o PRUX do parque...

09-01-2019

ADEGA presenta alegacións ante o PRUX do parque natural Monte Aloia

#SerraDoGaliñeiro


ADEGA, como integrante da Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro e por iniciativa de esta, vén de presentar á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, a través da súa delegación en Vigo, alegacións ante o Plan Reitor de Uso e Xestión (P.R.U.X) do parque natural do monte Aloia co fin de solicitar a inclusión da serra do Galiñeiro dentro da figura do parque natural Monte Aloia.

A biodiversidade e xeodiversidade da serra do Galiñeiro, un patrimonio natural a conservar

A serra do Galiñeiro caracterízase por presentar numerosos valores naturais. É salientable así o seu rico patrimonio xeolóxico e xeomorfolóxico, que fan da serra un referente paisaxístico no relevo do sur de Galiza, estando incluída esta como área de Especial Interese Paisaxístico no Catálogo das Paisaxes de Galiza.

Pola súa banda, a serra do Galiñeiro destaca por presentar gran variedade de hábitats, como breixeiras húmidas, brañas, turbeiras ou matogueiras de influencia mediterránea e termófilas con endemismos. Algúns destas hábitats atópanse catalogados pola Directiva Europea 43/92/CEE, como “Hábitats Prioritarios”  como as "Breixeiras húmidas atlánticas meridionais de Ericas" ou como “Hábitats de Interese Comunitario”  como as "Breixeiras secas” e os "Pastos pioneiros en superficies rochosas".

Tamén é importante sinalar a presenza na serra de fauna de escasa representación en Galiza, coma a azulenta papuda, ou endemismos coma a saramaganta (Chioglossa lusitanica) ou a ra patilonga, ou ben avifauna migratoria como o picanzo real ou o pedreiro cincento.

A riqueza do patrimonio etnográfico e cultural da serra do Galiñeiro

No entorno da serra do Galiñeiro existen numerosos elementos patrimoniais a protexer e conservar. É salientable así a presenza de petróglifos como o de “Auga da Laxe” de características únicas no continente europeo, e das mámoas como as dos Bromús e as do monte das Moutas.

Tamén destacan importantes elementos da arquitectura popular como son as presas, as levadas, os muíños de auga ou os abrigueiros para pastoreo comunal. Pola súa banda, nos cumios localízase a fortaleza altomedieval do Galiñeiro, constituíndo unha das mellores representacións dos denominados “castella tutoria”, unha tipoloxía de fortificacións medievais pouco coñecidas aínda na Galiza.

Por todo isto, as asociacións e colectivos que integran a Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro demandamos a ampliación dos límites do parque natural Monte Aloia co fin de incluír dentro desta figura de protección á Serra do Galiñeiro, e así salvagardar o patrimonio natural e cultural presente neste espazo natural.

ADEGA-Vigo
Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal