ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / TOUROLEAKS (2): A mineira de Touro culpa ás vacas...

11-12-2018

TOUROLEAKS (2): A mineira de Touro culpa ás vacas da contaminación dos ríos arredor da mina

Ao igual que as balsas e as entulleiras, o expediente mineiro de Touro non para de producir verteduras. Desta volta, pretenden xustificar os elevados níveis de metais tóxicos nos regos que drenan o complexo mineiro, culpabilizando ás explotacións gandeiras.

Perante ás contundentes evidencias reveladas polas analíticas de ADEGA e os propios informes de Augas de Galiza, Cobre San Rafael S.L. segue tentando desviar a atención sobre as súas responsabilidades na contaminación provocada pola mina.
Tras recoñecer que a contaminación das augas superficiais e soterradas debeuse “a la ausencia de medidas protectoras, correctoras y mejores técnicas disponibles” e á “no ejecución de actuaciones de restauración y clausura”, coma se a desfeita que deixaron non fora con eles, a empresa xa tentou vendernos que o actual proxecto non repetirá os erros do pasado.
Máis aínda, no cumio do cinismo, Cobre San Rafael mesmo propuxo aproveitar as "virtudes" das augas contaminadas para abrir o primeiro parque temático de organismos extremófilos do mundo...

O problema do Cadmio: culpa das vacas ou da mina?

Como a molesta realidade das augas envelenadas con metais pesados segue estando aí, a empresa teima en desvencellar a presenza dalgúns dos máis problemáticos, como o Cadmio (Cd) da actividade mineira.
Este metal tóxico e bioacumulativo está catalogado como substancia perigosa e priortaria no RD 817 de 2015, que establece os criterios de seguemento e avaliación do estado das augas superficiais e das normas de calidade ambiental. A súa concentración na auga non pode superar os 0,08 microgramos/litro en media anual e 0,45 de concentración máxima.

Nas analíticas encarregadas pola empresa aparecen níveis moi altos de Cd en dous puntos do rego de Pucheiras (códigos PUCH-3, 1.45 microgramos/litro, e Puch-11, 0.93 microgramos/litro). Para xustificar estas elevadas concentracións, a empresa bota man dun "ditame pericial" que primeiro minusvalora a presenza deste contaminante nas augas ignorando a lexislación máis recente aplicábel, para logo sinalar "sen lugar a dúbidas" que o Cd provén dos puríns, e portanto débese á actividade gandeira.

Porén no propio "ditame pericial" atopamos argumentos que desmontan a teoría do gando. Primeiro, o feito de que na mineralización de Touro as cantidades de Cd son moi altas, de até 55,8 partes por millón (equivalentes a microgramos/litro). Como se pode descartar a relación entre a alta concentración de Cd presente no mineral e o que aparece nas augas do Pucheiras despois de pasar pola área mineira?
Neste "ditame" chama tamén a atención que dos catro puntos de mostraxe no rego de Pucheiras, só aparecen anomalías de Cd no PUCH-3 e PUCH-11, cuxas augas dreman o territorio mineiro. Este treito contaminado está tamén ao carón e augas abaixo das empresas de "valorización" de residuos alí instaladas, algunhas das cais manexan refugallos (como as lamas de depuradora) que, vaia casualidade, conteñen altos concentracións de metais pesados.
No entanto, nas captacións PUCH-1 e PUCH-4, situadas augas arriba da balsa de Vieiro e no medio das agras (receptoras de puríns), os valores de Cadmio son normais (<0,25 microgramos/litro).

Temos pois un río que antes da mina non amosa unha contaminación preocupante, pero que xusto despois de atravesar o territorio mineiro e pasar a carón de instalacións de "valorización! de residuos, cárgase de Cd e tamén doutros contaminantes. Estes tóxicos proceden das infiltracións dende as balsas que a empresa segue a ignorar, malia que Augas de Galiza xa o puxera de manifesto no seu informe.

Á vista destas evidencias, a conclusión que tira Cobre San Rafael S.L. é que as culpábeis de contaminar os ríos son as vacas...

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal