ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Máis de 500 voluntarias/os e 4000 Kg de lixo,...

31-10-2018

Máis de 500 voluntarias/os e 4000 Kg de lixo, balanzo da VII Limpeza Simultánea de praias

Durante a pasada fin de semana (19 e 20 de Outubro) decenas de entidades colaboraron na VII edición da Limpeza de Praias. Centros de ensino, asociacións ecoloxistas, asociacións culturais, concellos, escolas de surf, escolas de submarinismo, asociacións do mar e particulares, non quixeron perder a oportunidade de axudar ao noso litoral. Este ano tamén contamos coa participación dos Concellos de Muros, Fisterra, Muxia e O Grove.

A pesar do tempo chuvioso previo, nos días da limpeza o sol axudou a levar as tarefas con moitas máis ganas e entusiamo. No día 19, adicado aos centros de ensino, participaron un total de 14 colexios de diferentes puntos do litoral galego.  A Educación Ambiental é unha ferramenta moi útil para desenvolver accións de concienciación no medio natural. O día 20 chegou a quenda dos colectivos sociais: 16 entidades realizaron a limpeza en outros tantos puntos das 3 provincias costeiras. No conxunto da actividade participaron máis de 500 persoas e recolléronse máis de 4000 quilogramos de lixo, sendo o plástico o residuo máis abundante.

A problemática lo lixo mariño

As limpezas tamén serviron para dar a coñecer a importancia da conservación da biodiversidade litoral. O lixo mariño é un dos graves problemas ambientais aos que se enfronta o planeta debido á insustentabilidade dos modelos de consumo e produción da nosa sociedade, á mala xestión dos nosos residuos e á falta de sensibilidade da sociedade. Todo iso fai que cada ano 10 millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos.

Estes residuos teñen graves consecuencias para a os ecosistemas mariños: máis de 1.000.000 de aves mariñas e 100.000 mamíferos e tartarugas, según datos de GreenFacts, morren cada ano enredados ou por inxesta do lixo mariño. Tamén pode afectar directamente á saúde humana, xa que moitos destes produtos conteñen substancias tóxicas, bioacumulativas e persistentes, que entran na cadea alimentaria. Outro dos graves problemas asociados a estes residuos é que provocan perdas económicas importantes porque diminúen a pesca comercial, degradan de lugares turísticos, ou requiren enormes investimentos na limpezas de praias.

Dende ADEGA facemos fincapé na importancia de realizar estas limpezas de xeito manual. É a única maneira de facer unha limpeza “ecolóxica” na que se preserve a flora e fauna da contorna, tendo especial coidado cos ecosistemas dunares. Con este tipo de accións preténdese tamén dar visibilidade e concienciar sobre a problemática do lixo mariño, un problema que podemos cortar de raíz facendo pequenos cambios na nosa vida cotiá.  

Fixemos entrega aos voluntarios/as do “Protocolo de Limpeza de Praias” no que se dan unhas pautas para facermos unha limpeza “ecolóxica”. Dito protocolo pódese adquirir en formato pdf na web de ADEGA ou impreso en papel no local de ADEGA Nacional.

Finalmente queremos agradecer a colaboración de todo o voluntariado e das entidades que participaron nesta VII Limpeza Simultánea de Praias, citándoos novamente para o vindeiro ano.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal