Inicio / Novas / Educación ambiental / Cónica da xornada participativa sobre a...
27-09-2018
Este martes 25 celebramos en Allariz un encontro arredor da compostaxe e a reciclaxe, no que participou veciñanza, persoal do concello, agricultores e incluso persoas doutros concellos interesadas no tema.
A primeira intervención foi de Bernardo Varela concelleiro de Medio Ambiente onde explicou o funcionamento do proxecto de compostaxe comunitaria, compostaxe doméstica e reciclaxe, é dicir, as medidas postas polo concello para acadar unha mellora da separación en orixe e polo tanto reciclaxe. Despois de tres anos de traballo podemos facer un balanzo xeral. É salientable que o concello de Allariz pode dar cifras dun 40% de reciclaxe, poñéndose á cabeza de todos os concellos galegos e probablemente o único concello que consiga o 50% de reciclaxe para o 2020 tal e como marca a lexislación europea. Algunhas das conclusións que destacou Bernardo Varela foi que como consecuencia de separar os residuos orgánicos aumenta a separación do resto das fraccións e que a educación ambiental é fundamental. Neste concello fixéronse charlas, puxéronse mesas informativas, fixéronse trípticos, e entregouse o material e información porta a porta!!. O material entregado foi un caldeiro para separar a materia orgánica e tríptico na primeira rolda de información e funil para a recollida separada de aceite usado de cociña e folleto na segunda.
Aproveitamos esta segunda entrega para facer unha enquisa á veciñanza sobre o proxecto, a valoración xeral é moi boa e tamén fixeron achegas de mellora que se terán en conta. Aínda quedan persoas que por preguiza ou desleixo non fan a separación pero cada vez menos!! Nesta vila o normal é separar!!
As medidas novas do concello para este ano é a compra dun camión adaptado as rúas do casco histórico para facer unha recollida de materia orgánica e vidro na hostalaría. De momento xa hai un bo número de grandes produtores participando, separando e compostando a materia orgánica.
A segunda intervención foi de Eduardo Cordero impulsor do proxecto de agrocompostaxe de Larrabetzu (Bilbao). Este proxecto consiste en establecer un convenio entre o municipio e un agricultor para xestionar a materia orgánica, o agricultor encárgase de facer a recollida porta a porta, previa separación en orixe pola veciñanza, e leva a súa finca os restos para compostalos. O agricultor recibe un soldo do concello polo servizo prestado. O proxecto comezou cun agricultor e a día de hoxe xa son catro que recollen a materia orgánica en diferentes zonas. O restaurante Azurmendi, tres estrelas Michelin, tamén participa neste proxecto. Este é un proxecto moi interesante que pode ser aplicado en diversos concellos galegos.
E xa para rematar tivemos unha mesa participativa onde fixemos unha reflexión sobre a xestión de residuos, cara onde imos e como podemos mellorar. Fixemos unha análise DAFO (Debilidades, Ameazas, Fortalezas e Oportunidades) do proxecto de compostaxe. Desta análise saíron cuestións moi interesantes como a mellora da comunicación entre os usuarios dos composteiros comunitarios e o persoal do concello e rematamos cunha reflexión na que se puxo sobre a mesa a necesidade de poñer en marcha iniciativas que promovan a redución de residuos sobre todo de envases e embalaxes. O persoal municipal de Allariz tomou nota e xa sabemos que están a traballar nesta cuestión!!
Dende Adega queremos parabenizar ao concello de Allariz polo gran esforzo e implicación nesta xestión de residuos exemplar, agradecer a Edu de Larrabetzu que se desplazara até Allariz para contarnos en primeira persoa como funciona a agrocompostaxe e mil grazas a todas as persoas que participaron no encontro!!
Mais info: compostaxe@adega.gal 628378804
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal