Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A ILP do bosque e a mina de Touro, en CERNA 79!
14-09-2018
Nun momento no que se está a debater sobre o futuro modelo forestal de Galiza e dos seus montes, a través da primeira revisión do Plan Forestal Galego, Cerna 79 recolle a valoración que fan da campaña da ILP na defensa do bosque autóctono as entidades promotoras desta iniciativa lexislativa, que promove o deseño dunha política forestal afastada do monocultivo do eucalipto. Esta edición acolle tamén os artigos de Miguel Reis, da entidade ecoloxista Quercus, sobre a situación da floresta en Portugal, e de Antonio Manuel Estévez, sobre a mitificación da rendibilidade desta especie foránea de crecemento rápido. Pola súa banda, a comunidade de montes veciñais de Coruxo (Vigo), unha das afectadas pola vaga incendiaria de outubro do ano pasado, pon en evidencia o efecto cortalumes do bosque autóctono.
O outro tema destacado nesta publicación é a oposición social contra a reapertura e ampliación da mina de cobre de Touro-O Pino no que se abordan cuestións como os potenciais impactos ambientais e sociais e a extraordinaria dimensión do proxecto mineiro de Cobre San Rafael S.L. e da multinacional Atalaya Mining.
Pero, é posible desenvolvernos como sociedade sen explotar de forma incontida os nosos recursos naturais? Este é a o tema de discusión que traslada a este número o Catedrático en Ecoloxía da Universidade de Vigo, Emilio Fernández Suárez, a través do seu relatorio “Cambio Climático: un desafío global e local”, impartido no Centro Universitario de Riazor da Coruña, e que se resume nesta edición. Paralelamente, o catedrático en enxeñaría química da UDC, Manuel Soto, expón os resultados das auditorías da auga no fogar realizadas por estudantes da Universidade coruñesa, desde 2002 a 2016. Esta enquisa xa se pode realizar online a través dunha ferramenta dixital de participación cidadá chamada “Emapic”, que se describe amplamente neste número, e que permite situar no mapa o consumo de auga en billas e cisterna, sexa no fogar ou en edificios públicos.
Ademais, CERNA 79 recolle os resultados da campaña de seguimento do leirón cinsento realizado nos últimos anos por ADEGA e Sorex no P.N. O Invernadoiro. Pola súa banda, a Asociación Galega de Custodia do Territorio descóbrenos dúas paraxes das máis singulares da Terra Chá, as Insuas do Miño e os Ollos de Begonte, onde está a desenvolver proxectos de custodia. Completa a edición a sección de Fauna e Flora.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal