ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA segue a recoller roupa e calzado para...

24-10-2013

ADEGA segue a recoller roupa e calzado para reciclar

Neste cambio de tempada, deposita en ADEGA as prendas que non uses

ADEGA colabora con Equus Zebra na recollida de roupa

Desde o pasado mes de abril, ADEGA uniuse á rede de recollida de roupa usada de Equus Zebra, unha ONGD que traballa na Coruña fomentando a reutilización e a reciclaxe téxtil e criando postos de traballo entre a poboación en risco de exclusión social. Desde aquela, ADEGA dispuxo como puntos de recollida os locais das delegacións de Compostela e Lugo.  

A través deste comunicado, facemos un novo chamamento aos veciños e veciñas de Santiago e Lugo para animarvos a contribuír coa vosa colaboración á redución do volume de refugallos que vai parar ao vertedoiro e aos fornos de SOGAMA, así como á creación de postos de traballo a través da reciclaxe téxtil. 

É unha boa forma de participar de forma activa na nosa campaña de residuos, encamiñada ao lixo cero, e sen que che custe nada!









Equus Zebra

Este cartaz indica onde hai puntos de recollida

Esta asociación recolle a roupa a través dos contedores instalados en varios concellos de Galiza (previo convenio) e tamén recollen roupa a domicilio. Unha vez feita a recolla, a roupa hixienízase e selecciónase na planta de reciclaxe.

Segundo o estado da roupa, o seu destino é diferente. Se está en moi bo estado, Equus Zebra véndea a prezo simbólico nunha rede de tendas solidarias; se está en bo estado, dáselle a persoas en risco de exclusión ou con necesidades económicas; e a roupa desgastada e en peor estado destinase a empresas que reciclan este tipo de materiais para novos usos.

Por tanto, todo tipo de roupa é recollida, independentemente do seu estado. Lembrade que Equus Zebra tamén recolle calzado!

Obtén máis información sobre Equus Zebra en: equuszebra.es

Onde depositar a roupa?

Se queredes desfacervos de roupa ou calzado que xa non usedes e contribuír a esta causa, podedes depositala nos nosos locais de Compostela e Lugo nos días e horarios indicados:

En Compostela
(Travesa de Basquiños, 9 Baixo)
De Luns a venres: 10h a 14h Martes e xoves: 18h a 19h
Email: adegacompostela@adega.gal

En Lugo (Ronda das Fontiñas, 180 – entrechán)
Luns: 10 a 14h
Email: adegalugo@adega.gal

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal