ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Informes sectoriais da Xunta subliñan graves...

06-06-2018

Informes sectoriais da Xunta subliñan graves riscos para a saúde e o ambiente do chafalleiro proxecto de Touro

Risco de contaminación das traídas, dos acuíferos, da atmosfera, de derrubamento... incompatibilidade co aproveitamento gandeiro, forestal... e unha manchea de carencias e inexactitudes, son algunhas das eivas que apontan os departamentos da Xunta nos seus informes sectoriais ao proxecto mineiro de Touro, e que vimos de coñecer.
En consecuencia, Industria (o órgano substantivo) debería rexeitar semellante proxecto, ante unha máis que previsíbel Declaración de Impacto Ambiental negativa. Non sería entendíbel outro posicionamento, habida conta do "repaso" que as consellerías e departamentos chave dan á proposta de reapertura da mina.

Medio Rural: incompatibilidade co aproveitamento gandeiro e mesmo forestal

O informe da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e industrias alimentarias non por breve é menos demoledor: a localización do proxecto nunha zona eminentemente gandeira podería provocar a destrución de acuíferos, contaminación química das augas e do ar, intoxicación por cobre do gando, e un aumento dos custos das explotacións gandeiras que comprometen a súa viabilidade.
Polo que atinxe a Montes, sinala un prexuízo permamente que impediría a recuperación da capacidade agrícola e forestal logo de rematada a explotación.
Confírmase, portanto, a incompatibilidade dun proxecto mineiro destas características co aproveitamento sustentábel da terra.

Sanidade: risco grave para o medio ambiente e a saúde pública

A Dirección Xeral de Saúde Pública considera que o proxecto non identifica o tamaño e as características da poboación potencialmente afectada, nen avalía os impactos sobre esta; tampouco avalía os usos da auga; nen a contaminación por materiais radioactivos como o Radón que poden liberarse e concentrarse nos residuos mineiros; nin os contaminantes no ar... O proxecto tampouco aporta información sobre os riscos da liberación dos químicos usados no proceso de extracción, algúns deles canceríxenos.
Aponta Sanidade que tampouco se contampla o risco para a saúde e o ambinete da rotura dos depósitos de estériles, e que as instalacións de residuos deberían ser condsideradas de categoría A, e portanto requerir dun plano de emerxencia exterior.

Medio Ambiente: proxecto pouco definido, desorganizado e con numerosas incongruencias

Dende a Dirección Xeral de Patrimonio Natural dan un auténtico "repaso" ao proxecto mineiro de Touro-O Pino:

  • Non se describen as repercusións da vella mina no medio, amplamente detalladas en coñecidos estudos como o de Rosa Calvo, A. Pérez Otero e E. Álvarez Rodríguez: "Efectos das minas de Arinteiro (A Coruña) sobre a calidade das augas super e subsuperficiais".
  • Non se contempla a acidificación inducida polo desvío dos regos, nin que as augas perimetrais sean analisadas previo á vertedura, podendo estar contaminadas.
  • Non se contempla que se os residuos perigosos poranse en contacto coa auga, o nível freático pode variar polo cambio cñlimático.
  • O risco moi alto para a poboación e o ambiente dos depósitos de entullos non se "estima práctico" compensalo.
  • A depuración da totalidade das augas, como di a empresa, "non se corresponde coa realidade, sendo inevitábel as infiltracións".
  • Baixo detalle na descrición do medio biótico, doas medidas post-clausura e da restauración, sinalando numeosas "incongruencias".
  • Dubídase da fiabilidade do sistema de impermeabilización das balsas polos riscos de rotura, asentamento, efectos da vexetación e movementos sísmicos. A empresa "non da unha resposta sólida ao respecto".

O servizo de Conservación da Coruña engade ademais que o proxecto non caracteriza nin cuantifica correctamente os distintos tipos de estériles, o que fai que "non quede acreditado" que os lixiviados non se vaian transferir ás augas superficiais e soterradas. Desmonta tamén a afirmación da empresa de que os espazos protexidos non van ficar afectados: de fallar as previsións prodiciríase "un forte impacto augas abaixo e na biota do ZEC Río Ulla".
E conclúe: "Bótase de menos unha análise de riscos que avalíe os posíbeis escenarios de emerxencia, que non deben quedar á improvisación".

Augas de Galiza: medidas insuficientes e inaxeitadas para garantir a calidade das augas

O informe do organismo autónomo Augas de Galiza podería por sí só abondar para xustificar a denegación do proxecto mineiro. A administración galega de augas cuestiona practicamente todos os aspectos do proxecto. 
En relación coa afección á calidade das augas:
Considera inaxeitados os desvíos de canles propostos e os encanamentos e pasos sobre os regos, cuestións para as que o proxecto non aporta solucións. Cuestiona tamén a anulación das cabeceiras das canles e conclúe que producirán cambios na morfoloxía e réxime das bacías, afectando ao sistema fluvial por alteración dos réximes húdricos, os caudais ecolóxicos e as augas soterradas. O proxecto tampouco avalía as afeccións ás zonas inundábeis, aos abastecementos e ás captacións.

En canto ao tratamento das augas, pide que se definan todos os tratamentos e cuestiona o baleirado do "lago de Vieiro". Falta unha metodoloxía detallada para definir os distintos tipos de materiais potencialmnete contaminantes; dos parámetros e puntos de control, e bota de menos un plano de continxencia para previr posíbeis accidentes. O plano de restauración e as medidas post-clausura precisan de definición e do "establecemento de responsabilidades".

Polo que atinxe á calidade das augas e tal como denunciaba ADEGA hai uns días sacando á luz analíticas da propia Augas de Galiza, non se garante o cumprimento da lexislación vixente, entre ela a referida ás normas de calidade ambiental (RD 817/2015) e ao RD 140/2003 que establece os criterios sanitarios para auga de consumo humano.
Dito doutro xeito: o proxecto mineiro de Touro "fai augas" (contaminadas) por todas partes.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal